martes, 26 de xaneiro de 2021

Por qué non cambiamos?

 Sigue estando no aire esa pregunta, si tal como teño máis ou menos reflexionado, construímos unha cultura ou civilización insostible, é dicir, que non pode ser nun futuro máis ou menos achegado, i esa mesma cultura é a responsable do éxito colleitado ata o de agora, pero tamén das súas eivas, que temos que concluir?, que como todo o vivo, nace, crece e logo morre, igual coma mín e ca todos nós coma individuos, ou que hai algunha causa interna na súa constitución que impide a súa adaptación ante unha incoherencia evidente.

Evidentemente a primeira posibilidade, "o vivo nace, crece e logo morre", é unha idea obtida da experiencia mediante a reflexión e a continua repetición sen excepcións diante dos nosos ollos, máis esta idea non está definida no tempo, é dicir, un non ten que morrer hoxe, nin mañán, pero si esta claro que ao redor do século a bioloxía non deixa xa moita marxe. Pero aquí non estou falando de indiviudos, estou falando dunha carreira de relevos, dunha especie, dunha sociedade ou dunha civilización, que non é o mesmo e non ten data de fin, agás polos seus propias características e capacidade de adaptación ao medio. E aquí quería chegar, por qué non nos adaptamos ao medio?. Chegados a este punto a contaminación, a destrucción dos medios que nos dan de comer e beber é evidente, constatada polos oraculos da verdade moderna, os científicos, e recollidos en videos, e sesudos estudos, e porque non xa na nosa inmediata vecindade, contaminación nas cidades, nos rios, nos montes, no clima que experimentamos de nenos e agora non cadra co lembrado. Por qué non cambiamos?.

Vou elucubrar hipóteses, e lanzalas ao chou sobre o papel:


- Poida ser que teñamos medo de voltar a situacións pasadas, a falta de riqueza para alimentala codicia de uns e  unha vida confortable a outros, podería facer estourar tódolos pactos sociais, digamos medo a voltar ao sufrimento de tempos pasados, a escravitude para sustituilas fontes de enerxía, a guerra, a violencia extrema para impor sistemas distributivos de calquera especie.

-  Ao mellor queremos conseguilos ideiais que soñamos e que seguimos soñando, é dicir, ir a Marte, contruir civilizacións galácticas, selos amos do Universo, e non só da Terra.

- Ao aprender a imitar e modificala natureza, igual nos cremos deuses e consideramos que podemos cambiala natureza ao noso gusto, podemos dispor dos animais como se nos antoxe, dos espazos ainda non ocupados, das árbores, da vida, non só para cubrilas necesidades básicas (o necesario) si non para disfrutar da nosa sensación de poder. Consideramos a natureza "dominada", nós mandamos, facemos o que queremos en terra, no mar, e no aire, e non nos pasa nada. Claro está que esta idea é moi infantil.

- Poidera ser algún rasgo constituínte da cultura humana como a dominación. Podería ser que o que nos permitiu construir o que somos teña unha característica tan dolorosa, como a de facelas cousas pola forza, pola obriga, coa ameaza de deixarte fora, podería ser algo que nos leve a ter que vivila vida de acordo a unhas imposicións de ferro, a unhas cadeas e represións con fins dubidosos, que nos fan desexar no fondo do noso corazón que se funda todo no abismo.

- Podería ser que todos abrazamola nosa posición, e non queremos perdela por nada do mundo, porque sabemos o que lle ocorre aos que non teñen un sitio no esquema de dominación e de valoración. Sabemos como tratamos aos que non son da nosa tribu, e non poden defenderse, aos que están fora do circulo de ferro invisible,  aqueles aos que se pode ferir, matar ou abusar, aos que non importan, incluíndo aos animais e a natureza.

- Será a culpa polo feito, a sombra de aproveitarmonos das consecuencias da maldade dos principes e dos antepasados, a que nos fai pensar que a continuación da vida humana non paga a pena.

- Ou será a infantilidade, o papá resolverá todo, papa non nos abandona, papá proveerá.

- Ou a estupidez, non teño porque aplicalo principio de causalidade, ou non teño que saber de nada.

- Ou será que o cambio fai tremela posición dos que toman decisións, dos que están no poder, dos que acumulan o capital, dos que dependen para o seu sostemento do crecimento indefinido da economía, é dicir do deterioro constante da natureza fora da súa rexeneración, en definitiva da cobiza feita lei.

- Tamén pode ser que ninguén sabe onde imos ir, a onde imos chegar por outros camiños. Ninguén confia na solidaridade e na irmandade necesaria para afrontar un futuro de recursos limitados.

- E si é necesario cambialo todo, quen pode aspirar a tanto, quén pode cambialos alicerces dun edificio sen tiralo abaixo i empezar de novo, pero si o tiramos abaixo canto perigo hai de perdela información acumulada e asimilada ao longo de tantos séculos, pode haber, non, hai risco de cair na barbarie máis absoluta.

- Logo está o problema do funcionamento da mente, da percepción do perigo, ninguén se tira nunha ola fervendo pero si a ola se vai quentando moi pouco a pouco cando te das conta estás cocido. Digamos que a cantidade de datos que hai que ver, entender e sopesar é moi elevada, e normalmente si a catástrofe non é inminente e clara ninguén é capaz de prever o que vai pasar con seguridade.

- Esta tamén o problema do "senso común", vemos como normal a maneira de facelas cousas que temos aprendido durante décadas, sempre íamos a mellor, atopábamonos nun entorno de recursos cuasi-ilimitados, pero hoxe non é así, os recursos eran limitados, era cuestión de tempo e incremento de consumo que se lle vira o límite.

- Será logo que hai unha Historia, unha intrahistoria, e historias individuais que nos condicionan, e non é tan fácil cambiar.


Porque vou escoller unha razón, todas as que comentei valen, todas teñen forza e moven resortes, todas crean inercia, e o futuro só é unha proxección baseada nunha reflexión, que a súa vez está baseada en datos da experiencia, i en condicións do entendemento a priori, é dicir, matemáticas, contabilidade, tempo...só unhas probes neuronas funcionando nun inmenso universo sen fin aparente.


Ningún comentario:

Publicar un comentario