xoves, 14 de xullo de 2011

Só ante o perigo

Fai cousa de ano e medio, nun pequeno pobo e nunhas frías navidades, produciuse unha separación matrimonial. Cada un dos membros da parella foi polo seu camiño e non se toparon máis.

No estado caótico no que me atopaba habendo sido parte da historia do parrafo anterior, rescato unha vivencia que ten a súa graza.

Estaba só, máis perdido aos meus 39 anos que un esquimal no deserto, chegaba á casa, cabreado comigo e co mundo, e tiña pensado facerme un bistec á prancha, e isto foi o que pasou e así o anotei como a miña primeira receita de cociñeiro voluntarioso.

"Bisté con ovos fritidos:

Chegas tarde e canso, a túa vida parece unha merda pinchada nun pau, e posiblemente o sexa, dirixeste a cociña para prepara-la comida...qué mala cabeza!, só tes bisté e esqueceuseche sacalo pola mañá do conxelador. Quedas algo fodido, pero unha prancha ben quente pode con todo.

Dirixeste ao conxelador, para a túa sorpresa, ao deixalos xuntos na mesma bolsa quedan pegados coma unha pedra, ¡que  importante é separalos antes!. Debian ser sobre catro unidades perfeitamente unidas, pero amiguiño é o que hai.

Qué complicado é sacarlle-lo papel aluminio nese estado!, pero si hai vontade conséguese. Tal como quedan tiranse na prancha, vaslle dando voltas ata que comezan a desconxelar. O proceso soe ir acompañado coa aparición de moitos gases e condensación no ambiente, pero cunha ventilación axeitada pódese ir aturando.

Aparecerá tamén muita auga na tixola, hai que ila tirando polo fregadeiro, co tempo vanse despegando unhas unidades das outras, respiras satisfeito, a cousa vai ben, xa se poden ir dourando por ambolos dous lados.

É posible que algún papel de aluminio quedara pegado, agora é o momento de irllo quitando.

Se sigue aparecendo auga, hai que seguir botandoa polo fregadeiro.

¡A sal!, esquecíaseme, un pouco de sal por enriba, non vaia ser que por un detalliño che quede a cousa mal.

Si xa se van vendo brandos a cousa vai ben.

Pouco a pouco van collendo a cor axeitada, e xa se poden ir sacando, pero cada un faino segundo o seu gusto.

Agora os ovos. Dous ou tres caben ben na mesma prancha onde fíxechelos bistés. Facendoos todos xuntos aforrase moito tempo, e usando o mesmo aparello aforrase moito traballo de lavado.

Tíranse na prancha, e vanse esparramando por toda a superficie, aferrándose teimudamente aos restos dos bistés. Non pasa nada,  na prancha e debido a falla de aceite é un comportamento totalmente normal.

Rascando con forza consigues que saian, xa van esnaquizados, e aforras moito traballo de corte.

Xuntas todo nun prato, e ata queda artístico."



martes, 5 de xullo de 2011

Adeus vida sostible...

Nas aldeas que coñezo, e por suposto tamén na miña, creceron as silveiras nas leiras, caeron as tellas das casas abandoadas ou venderonse para residencias de fin de semana para faceren "chalecitos de finde" co seu muriño exterior e piscina.

Este tecido rural tiña un corazón que aínda latexaba nos anos oitenta. Unha clase política corrupta e inepta, baseada no caciquismo e no "estupidismo" , e construida desde a idade media, un mundo mercantil e comercial "descoñecido" que impactou de maneira moi acelerada e unha renta moi superior do traballo industrial orixinou o abandono "total".

Abandoaronse terreos traballados durante centos de anos, nunha época na que se teñen coñecementos, e medios para traballar no campo, e seguir conectado ao mundo mantendo unha vida digna.

Non acabo de entender que economicamente compensara desmontar o sector da sociedade rural galega tendo en conta as "externalidades" que isto levou parello.

Si se ten en conta a perda economica que supom o deterioro de todos estes terreos abandonados,  a perda do sistemas de riego, as perdas polo incremento do lume no monte, e o gasto social que supón manexar unha inxente cantidade de persoas paradas xeradas por un sistema supostamente "industrial"...non creo que compensara.

¿Por qué non se traballou en buscar saídas viables a toda este posible potencial de riqueza?¿Non sería posible unha combinación de agricultura, turismo agrario e rural? ¿Como é posible que haxa pobos que saquen riqueza do deserto e se ignorara todo o que tíñamos?

Había xente disposta, só había que darlle unha oportunidade viable, existía a posibilidade de producir leite, mel, augardente, viño, castañas, froita, carne, vexetais....

Sen o apoio das institucións para controlar e certificar, para crear un mercado propio para estes micro-produtores, sen unha axuda complementaria para conseguir unha renta mínima para unha vida digna e sostible tiña que morrer, non había saída.

Agora a factura de manter todo ese territorio sen que se convirta nunha selva, nun inmenso lume ou en desertos ocupados ocasionalmente vai ser moi alto.

Si algo se pode chamar sostible era "o que había nestes lares", o demáis son cantos de serea.