xoves, 3 de marzo de 2016

E agora qué?

Querido lector supoñamos que ti éres un cidadán anónimo máis que vai tirando nunha sociedade que non entende totalmente, é dicir, que non está plenamente integrado, que non se cre a fé oficial que lle venden pola tele, polos periódicos, pola propaganda, e polo "que se debe dicir e pensar".

Supoñamos que sabes algo de física, e coñecela lei de conservación da masa-enerxía, coñeces o que é entropía, e sabes que a Terra é redonda. Supoñamos tamén que coñecelos rendementos dos procesos industriais-tecnolóxicos que poñen á nosa disposición enerxía neta para as nosas actividades. E finalmente supoñamos que entendes que algo finito pode ir usándose de maneira crecente durante un tempo pero logo comezará a mostrar signos de esgotamento. Si sabes todo isto, vives no planeta Terra, sufrichela crise actual e a curiosidade empuxate a levantala alfombra, podes comezar a topar datos que te deixen inquedo.

Asi me pasou a mín, buscando e buscando, un día acabei un master en enerxía que non me deu ningunha solución definitiva, ao contrario tiven acceso a moitos datos que deixaban o "tema enerxético" demasiado aberto. Logo disto atopei un Blog falando do Peak-oil (qué carallo é iso?, cómo pode ser que non se falara de peak-oil nun máster de 1 ano na universidade?). Vale que o petróleo é finito, moi ben, xa o sabía, pero hai reservas para centos de anos, espera no, o problema non é ese sinon a curva de explotación dun recurso finito consumido a un ritmo xa de 90 millóns de barriles ao día ¿cando será o seu máximo? Ah! que xa foi o de petróleo convencional no 2005!, entón a qué esperamos para cambiar?. Logo atopei unha morea de reseñas sobre ese libro dos anos 70, "os limites do crecemento" e ves as proxeccións do BAU (Bussiness As Usual, é dicir, tirar pra diante tal como imos que non pasa nada), e nese libro aparece a gráfica que poño arriba (está é a hipótese BAU). 

Comezas a pensar polo dia e a ter pesadelos pola noite, algo vaite inundando, uns pensamentos terribles, increibles, unha visión do mundo que non cadra co impoluto modelo de futuro que temos enriba da mesa. Estas pillado, anos e anos de reflexión sobre enerxía, entropía, rendimentos, fundamentos do mundo fisico, anos de rigurosidade, de seriedade ante os números e os datos, e agora aplastante contra unha visión, contra uns cálculos de sistemas que poñen diante nosa un posible futuro ao que iremos si se sigue igual. E qué dicir do que ven despois, Antonio Turiel, co seu "The oil Crash", Pedro Prieto, Jorge Riechmann, Carlos de Castro, Richard Heinberg, Ugo Bardi, Civilización Post-petróleo, Redes de Transición, Os movementos ao decrecemento, "La espiral de la energía"...É dicir, non se trata dunha burbulla especulativa, cada ano que pasa temos máis e máis datos sobre os límites dos recursos, e os límites de Gaia.

Sumando e sumando ao longo dos anos, tratando de entender, tratando de asimilar e tratando de pensar, e agora qué? qué fago con esto? qué fago co meu fillo? qué fago co futuro? Qué sitio ocupar? Cómo negociar coa miña historia e o meu presente?.

Non é fácil topar un sitio onde colocar isto, tampouco é fácil para unha persoa crítica liberarse do pesimismo, e do catastrofismo. Parece estar claro que no horizonte comezase a deseñar un "no", un no á organización do traballo darwinista, un no a nosa concepción do sistema socioeconómico, un no a concepción da natureza como recurso de usar e tirar. Isto pode dar vertixe, como parar cando estamos a tanta altura?, ao mellor non é tanto parar como transformar, "co que hai pódese facer algo".

 Segue habendo fanáticos do productivismo e da acumulación de capital, que negan o cambio climático, e os demáis síntomas de sobreexplotación nin os teñen en conta. Hai moito camiño por andar, a transformación agro-ecolóxica, a transformación neo-rural, a permacultura urbana e rural, sistemas que poden darnos un horizonte vital máis longo sen destruir totalmente o desenrolo técnico-científico e industrial. Gustame moito esa idea de "podemos construir un novo barco". Si se segue por este camiño a economía industrial baseada no productivismo e no consumismo colapsará, e crearará unha grave crise social (innumerábeis estudiosos do asunto din cousas peores). Vanse dar sinais de alarma que o gran público por dicilo dalgunha maneira vai mirar, pero  non esta preparado para percibilo seu sentido. Quén pode dubidar do homo-collosus, cos seus móbiles e cos seus cohetes espaciais, si se queda sen enerxía vaina inventar, si se queda sen terra fértil vaina rexenerar con produtos da industria química, si se queda sen pesca salvaxe vai criar peixes en granxas ou inventar algunha especie indestrutíbel (que acabe con tódalas demais), o tecnooptimismo invádeo todo coma unha especie de omnipotencia, pero toda omnipotencia ten a súa orixe nunha impotencia inicial, é posible que haxa algún tipo de desequilibrio na nosa sociedade, un desequilibrio "cultural", construido no propio sistema civilizatorio. Está claro que a "ferramenta", a tecnoloxía que descubrimos levounos a ser o que somos, da impotencia de comer raices e froitos descubrimola posibilidade de "dominalo mundo", parece que agora nos pasamos de frenada, e debemos convivir máis que co mundo (que para a maioría non pasa do seu entorno inmediato), coa natureza viva e con tódolos ciclos da biosfera que nos sosteñen.

Quén pode saber cantas civilizacións houbo, hai e haberá no cosmos?. O home construíuse nuns poucos millóns de anos, quén pode saber cantas civilizacións xa existiron ao longo da historia do universo coñecido?. Si a resposta é afirmativa, só somos unha posibilidade máis. Miremos sobre a Terra, cantas civilizacións e cantas maneiras de ver, de valorar, de buscar sentido houbo e hai, agora temos unha visión unificada e agresiva que devora tódalas demáis, pero significa iso algo?, acaso o que decide gozar eliminando tódolos recursos que ten a súa disposición non se suicida?. A pregunta que deberiamonos facer é; por qué decide  suicidarse unha civilización?. Non topamos, ao mellor, un sentido que calme a nosa angustia?, non topamos "algo" que colme a nosa existencia, que calme a salvaxe liberdade que temos?. Sendo a natureza o que nos mantén vivos, porque se acaba instalando esta agresiva deriva, será por esa raiba contra a mamá natureza por ser tan dura?, será porque humanizamolas forzas inconscientes do mundo e acabamos vendo deuses vingativos e perversos?.

Pode ser ao mellor ese "o home é perigo", que dicía Ortega, pode ser ese pasar polo fío da navalla, ese construir ao límite, servíndose da traxedia, do trauma e do horror,  para chegar a conclusións que non somos capaces de ver no sofá, na vida cotiá, ou no run-run diario. Pode esta forza bruta do crecemento económico, da globalización, da unificación ser un paso previo para construír, digámolo así un home diverso, pero con conciencia de home universal, un camiñar na diversidade desinhibida, sen esquecer que somos no fondo iguais, a mesma sustancia, pero cada un de nós somos un. Pode ao mellor ser unha forza que nos poña ao límite da subsistencia e que abra a posibilidade de construír a consciencia de pertenza á natureza, de inclusión, de integración. Platón sacounos do mundo, un mundo suxo, cheo de caca e imperfeccións, e hoxe creo que estamos preto de ver que non hai ningunha "caca", hai unha forza creativa brutal tratando de subsistir, de vivir, contra outras forzas destrutivas, contra o propio frio do universo, contra a nada que o quere devorar todo, contra a xeometría perfecta que faría que nada existira. Non hai algo na fría materia que a fai menos fría, menos perfecta, menos seria, como se pode entender o surrealismo, a imperfección, a humanidade, a risa, a traxedia, a falta, sen ese devenir.

Queixamonos da entropía, degradase a enerxía, por qué?, no fondo é o mesmo que dicir por qué temos que estar aquí?. Esa lei do cosmos de degradación da enerxía é a que fai que o mundo teña un devenir, que a historia teña unha dirección, que exista vida. Esa lei fai que toda a enerxía que non veña do sol se acabe, o cal fai que unha civilización que se basea en destruir tódolos procesos renovables, para convertelos en non renovables estea condeada a súa desaparición ao cabo dun tempo, o tempo no que se esgoten eses recursos finitos. A Terra, por incrible que pareza, é finita, esa creo que é un tipo de verdade da que non podemos escapar.

Se o PIB mundial segue e segue crecendo, a capacidade de carga do planeta seguirá sobrepasandose a niveis brutais ata que se chegue ao límite de explotación, onde a creba dos sistemas bio-físicos, provocará unha caída dunha intensidade díficil de predeterminar. Si ese proceso de crecemento non pode seguir, posiblemente estamos xa nun proceso de estancamento e decrecemento forzado polo cumio de recursos. Como un corolario do punto anterior poderíase dicir que "o progreso material ten tamén un límite temporal", e posiblemente teremos que adaptarnos a un estancamento e decrecemento da economía mundial no noso horizonte vital. 

Tamén intúo que a situación actual é natural, xa que todos estamos cómodos sen límites e sen cambios, é dicir, non é algo que unhas persoas malas fan ou fixeron, todos queremos un futuro mellor, chalé con piscina, facer a nosa empresa co noso produto estrela, triunfar, calefacción automatizada, pensións, subida de soldos, garderías, escolas e universidades, museos do leghon feitos por Calatrava, grandes remedios para as enfermidades, vivir mais (ser eternos), traballar menos, estar seguros, facer viaxes (ter mundo), desfrutar vacacións.... ese desexo de cada un de nos, configura o que somos como todo, como humanidade (entendida como o conxunto de tódolos seres humanos). Agora veñen uns tocapelotas a dicirnos que a enerxía a nosa disposición vai ir minguando, i a min qué?, "Deus provirá", os que mandan saberán, quen son eu para dicir nada... É dicir, hai un choque brutal entre os desexos i expectativas cos límites da realidade que aparecen no horizonte.

Difiro dos que pensan que a raíz primeira do problema é o capitalismo, xa que o comunismo que se deu e se da en distintos sitios do mundo chega a situacións parecidas. O problema é máis profundo, o que se chama progreso humano basease en rompelos sistemas renovables e convertelos en non renovables, o propio pensamento pasou do eterno retorno, ao pensamento histórico, e toda historia ten un principio e un fin.

E por último, os dous mecanismos de relación que temos, a cooperación e a dominación, xunto á pulsión da diversidade-uniformidade, deberían producir solucións de tódolos tipos. Aínda que no mundo actual a globalización e os medios de comunicación parecen construír un modo de vida cada vez máis similar, (unha mortal uniformidade), todo iso require enormes cantidades de enerxia fósil que van ir minguando (límite físico), e isto pode implicar o comezo de outro ciclo de diversificación post-imperial, post-globalización.


xoves, 25 de febreiro de 2016

Soñei que soñaba

Soñei que soñaba que arrestaban ao dedo que apuntaba cara arriba.

Soñei que soñaba que a xente votaba correr cara o final.

Soñei que soñaba que a Terra era plana e infinda como din os economistas da tele.

Soñei que soñaba que hai décadas que moitos falaron do que está pasando hoxe.

Soñei que soñaba con Casandra e Sísifo.

Soñei que soñaba coma un neno e había un horizonte inmenso para correr e xogar.

Soñei que soñaba que a xente discutía de moda, coches e prestixio sobre a cuberta dun gran barco que tiña unha fenda no casco. 

Soñei que soñaba cun iceberg que xa non podía evitarse.

mércores, 17 de febreiro de 2016

Ese camiñar

Que cansado estou dese camiñar levando unha pesada carga, unha carga cuasi imposible, camiñar contra a gravidade, contra o vento que sopra forte contra a túa face, camiñar coas túas feridas sen pechar, a veces paso por un claro morno con sol e calma, un claro onde a carga se fai liviana, case unha tontería, onde se fai ridicula a seriedade, todo se fai fácil, nada temos, nada é noso, todo é un gran regalo, inútil, e innecesario, pero tamén maravilloso, un regalo que hai que aprender a ver.

martes, 16 de febreiro de 2016

Qvo vadis homo economicus?

Europa é un mercado, o Globo é un mercado din os economistas, periodistas e políticos. 

Os Fanaticos do Libre Mercado ganaron e a dignidade humana é un atranco para os negocios.

Mais Europa, máis crecimento, máis corrupción, máis acumulación, máis estupidez.

A economía é política, é sociedade, non é ciencia, non é un Deus Abstracto ao que sacrificalo mundo, e os cartos como ben dí algún bó pensador son a sabia que alimenta cada anaco da árbore. 

Cómo pode ser que diante do temporal que nos ven enriba se decida incrementala folla, a altura e o froito, e sacalo alimento da raiz para deixala podrecer? Non é un suicidio?

A natureza non son "cosas bonitas que están ahí fuera", é parte de nós e nós parte dela, pero a mente "normal" voa e voa, e para cando aterre imolo ter dificil.

Collemos un recunchiño limpámolo e tiramolo que nos "sobra" fora, collemos outro e facemolo mesmo, (o río levao todo, o monte soterrao todo, as sustancias tóxicas disolvense), e recunchiño a recunchiño xa non quedan recunchiños fora, xa non hai un fora, o "fora" agora está dentro, as alfombras son montañas, os rios baixan da cor dos suavizantes, os mares morren, a atmosfera emponzoñase, as reaccións nucleares comezan unha vida de centos de anos... pero non falemos diso, hoxe é un día maravilloso de luz, sol, e os paxaros ainda chian.

Cando foi que separamos economia de vida humana?, cando foi que os porcos cambiaron as leis na pizarra da granxa?, cando foi que os obxectivos sociais se someteron as minorias especulativas? Quén goberna a nosa barca?

... si o mundo é limitado i esa minoria gran-inversora quere seguir amasando beneficios, a que destino está condenada a maioría da sociedade?

... como podemos levala nosa casa ao desastre de maneira consciente? estamos sometidos a un proceso de dominación ideolóxica e de linguaxe por esas minorias da gran invesión ou a nosa civilización é froito do noso ser máis profundo?

Poderá ser que "o que te fai crecer tamén te acabe matando"?

mércores, 20 de xaneiro de 2016

En xaneiro de 2016

Sigo gañándome a vida como enxeñeiro técnico industrial autónomo, cousa que me asombra polo meu noxo a realizar actividade comercial, e pola situación de paro e dura competencia na que nos atopamos no chamado "mundo laboral". Coma unha especie en vias de extinción que se adaptou ao entorno pero que segue mantendo o seu espirito crítico co modo de funcionar da sociedade, vivo no meu recuncho de realidade e vou tirando como podo.

Tamén é certo que o desexo estivo martelando por un sitio e outro ata topar algunha saída. O meu fillo con xa catro anos e a miña parella actual forman parte desa chispa que me manten vivo tódolos dias. Tamén tiven estes anos e creo que aínda está, unha curiosidade que me axudou a vivir, e a que non  lle dín as costas, pero que me levou a unhas conclusións que me deixaron abraiado.

Refirome ao descobrimento incríbel do límite, dese "no" que chega do exterior para dicirnos "non hai mais mundo por explotar". Ese límite que os medios de comunicación e unha fé infinita na "superioridade e reinado humano no mundo" borraron e convertiron en risa condescendente. Viaxes galácticos, progreso tecnolóxico imparable, aceleración da vida...e de súpeto aparece unha parede impenetrable contra a que nos estamos dando de cabeza e que negamos taimudamente.

A economía é a actividade humana que coa axuda da tecnoloxía, nos permite actuar sobre o medio e conseguir todo o que necesitamos. Nos, xunto aos aparellos que nos axudan, necesitamos "algo" que é o fundamento básico de todo movimento ou fenómeno para realizarse, a enerxía.

Por outra banda a organización humana, a sociedade é froito tamén de tódolos arranxos que fomos facendo para facela máis agradable, pracenteira e digna. Creo que para iso fomos desprazando a agresividade cara afora, cara ao mundo. Nós (e o noso entorno achegado) somos o importante, o de afora non importa, a natureza non importa, o mundo é infinito. En economía isto concretouse en consideralos impactos medioambiantais como "externalidades do sistema" que directamente non se tiveron "en conta". Algún filosofo, ou sicólogo, podería dicir que nos alienamos da natureza de maneira radical (negamola necesidade de interacción co que "valoramos" como suxo, salvaxe,  perigoso, e aceptamos os nosos prexuizos sociais como realidade absoluta).

Algo non está ben, algo se desequilibrou nestes anos. O tecnooptimismo agacha unha terrible realidade, a esquilmación da pesca salvaxe, a destrución do solo por mal uso, a contaminación, as zonas mortas mariñas, o cambio climático...e finalmente algo que comezamos a sentir, os tremores da corda cando seguimos tirando e xa non da máis, a enerxía neta deixa de crecer e a economía deixa de crecer....qué ocorre?

Un economista dirache que se está esgotando este planeta pero que o "libre mercado" buscará outro que o remprace. Eu creo que non.

Que vai pasar si seguimos co BAU (business as usual), intentos de crecemento e recaídas aínda maiores, unha e outra vez, acelerando nunha rampa de baixada que non vai rematar. E como pode rematala caída? hoxe creo que no curto prazo vai ser imposible pero co deterioro das condicións nas que vivimos abriremolos ollos un pouco máis.  Creo que necesitamos acceder a dúas realidades para manter sobre a Terra algo de dignidade humana:

  1. O mundo é finito, chegamos ao pico de enerxía utilizable pola sociedade i enfrontaremonos a tódolos picos de recursos nos vindeiros anos e decadas. Estamos nesa situación na que non se pode crecer dando pulos cara arriba porque caíremos novamente máis abaixo. Estamos no cumío da montaña enerxética, e si saltamos temos que consumir altura da montaña e polo tanto cairemos máis abaixo.
  2. Ao contrario que na rampa de subida (onde os fillos vivirian mellor que os pais), xa estamos comezando a meseta-rampa de baixada. Como a riqueza chegou ao seu límite, o sistema económico capitalista liberalizado (que gane o millor, e o millor é o que máis acapara) fai que esta se acumule cada vez en menos máns, xa que é limitada. Isto provoca un empobrecemento da maioría da sociedade (desaparición da clase media, e miseria da clase máis pobre).  Un entorno finito só se pode xestionar dignamente co "reparto do básico". No caso contrario cairemos en situacións indesexables como loitas a morte pola subsistencia, esclavización masiva (proceso que xa comeza a sacala patiña), ou incluso desintegración das estructuras sociais.

Levoo bastante mal, de feito escribo moito menos, case nada, desde que descubrin o peak-oil, e comecei a levantala alfombra do tecnooptimismo para ver que hai debaixo. Cheguei ao mismo sitio por distintos camiños, por unha banda as intuicións e o coñecemento aprendido das leis físicas que gobernan o mundo e que me facía sospeitar que corriamos demáis (polo medio un master de un ano en enerxía e sustentabilidade), e por outra banda o descubrimento do traballo profundo de evolución de sistemas que fixeron gran número de cientificos honrados desde os anos 70, e que foron sistematicamente ignorados. Estes divulgadores fixeron un traballo honrado, ingrato e independiente, puxeron saídas enriba da mesa, pero a "rapiña" domina o mundo e non se lles deu voz.


Vivir sabendo que o noso mundo vai discurrir nun entorno moi presionante e duro non é agradable. Saber que case ninguén te vai escoitar tampouco axuda moito. E finalmente saber que non eres un lider mesiánico, saber das túas limitacións, saber que te van ver como un profeta do fin do mundo incrementa o meu pesimismo e a miña tristura. Non será mellor esquecer, deixar ir?.

Só me queda a asimilación persoal, aprender que "hai vida antes da morte" , que un crecemento exponencial nun mundo finito é imposible, que si non cambiamos a nosa actitude destruiremos en breve a nosa casa, saber que somos natureza ainda que a nosa mente nos permita construir castelos no aire.

Permacultura, desaprender, humildade, transición, cooperación, solidaridade, camiñar cara a consciencia de ser unha area na inmensa praia, dalo que se poida, contelas aspiracións do ego, tentar construir unha vida boa e digna, prepararse para soportalo axuste do soñado co "real", pensar que podemos facer pequenos botes salvavidas.

O universo é inmenso, e polo que levamos observado cúmprense as mesmas leis en tódolos lugares que poidamos ver ou soñar, polo tanto a vida como parte do mundo  brota en tódolos sitios onde se dan as condicións suficientes, é dicir, "non somos necesarios", pero "somos".