martes, 22 de novembro de 2011

Un parlamento con voto proporcional

Se a Lei Electoral fora proporcional esta é a configuración que resultaria no Parlamento. Loxicamente a Lei actual favorece a acumulación de poder nos partidos maioritarios, é unha Lei feita para o bipartidismo, e para favorecer a "gobernabilidade" antes que a "representación" precisa da vontade do pobo.

Igual estamos nunha aplicación parcial daquel principio do despotismo "todo para o pobo pero sen o pobo".

E ainda faltaria a representación do voto nulo, en blanco e do non-voto, que deberian contar nunha representación precisa da vontade que "emana" do pobo.

Como representantes  dos non-votantes podiase por deputados aborrecidos xogando aos marcianiños, anarquistas facendo cortes de manga, amas de casa en mandilón limpando as butacas, pasotas arrotando de cotío tirados na butaca e vendo un partido nunha pequena pantalla do seu sillón, namentras as súas señorias falan de conxelarse "por xenerosidade e responsabilidade" o seu soldo este ano, ou de eliminala paga extra dos traballadores máis desfavoreciddos para asemellarse máis a China, ou de non axudar aos dependentes pola súa baixa productividade.

Isto recordame o chiste dos seis que ían nunha piragüa, catro directivos e dous remeiros, e acaban despedindo a un remeiro porque a cousa non ía ben, non avanzaban.



sábado, 12 de novembro de 2011

¿A onde vas neutrino?

Fai unhas semanas saiu a noticia de que o neutrino superaba a velocidade da luz. Segundo parece é bastante probabel que se descobra algún erro e sexa rexeitada a proposición que tira abaixo nada máis e nada menos que a teoría da relatividade de Einstein.

Unha das razóns de sentido común para que o ensaio sexa incorrecto é que o neutrino ten algo de masa, e o fotón non ten ningunha masa, polo que a resistencia inercial ao cambio de velocidade deste último é nula.

A teoría da relatividade acheganos a unha visión do tempo relativa, segundo afirman os divulgadores científicos. Unha persoa voando preto da velocidade da luz vería pasar unhas poucas horas, e outra sobre a Terra, poñamos por caso, vería pasar días ou incluso anos.

Visto isto, parecería que para un viaxe preto da velocidade da luz habería colas kilométricas de millonarios dispostos a conseguir o soño que os convertiría en divinos, a inmortalidade.

Pois non lles iría moi ben, creo eu. Viaxarían ao futuro iso sí, pero na viaxe únicamente terían vivencias moi limitadas no tempo (vivencias de unhas poucas horas) e posiblemente o único que chegara foran as súas partículas subatómicas.

Que o tempo sexa relativo implica que nunha nave onde só pasen unhas horas só teras vivencias de unhas horas, tomarte un bocadillo e ver unha película. Chegaras novo ao destino pero en realidade teras unha experiencia de unhas horas. O que quedou na Terra, será máis vello, pero viviu experiencias propias dun ano (a vida cotián, naceu un fillo, creceu e xa fala, etc...).

En resume a vida humana está composta de vivencias, que non aumentan si nos imos nunha nave espacial a visitar Plutón preto da velocidade da luz. Ainda que sí, poderíamos vivila experiencia de viaxar ao futuro e vivir o que nos quede de vida nese novo tempo.

Non poderiamos voltar ao pasado, os nosos seres queridos ao mellor xa non estarían, e o mundo que coñeciamos seria diferente.


venres, 11 de novembro de 2011

A Mente

Partindo do que escribín no artigo "o tempo" pretendo escribir algo sobre a mente á miña maneira. .

"O pasado non existe", escribín alí. Supoño que calquera que lea isto pode optar por varias actitudes para enfrontarse a isto.

Si estas pensando que "este tio perdeu a "chaveta", debe estar ingresado  e aconsellaronlle airear as súas ideas", podo dicir que ainda me deixan circular ao aire libre.

Tamén poderías pensar que "coa crise económica este está a preparalo camiño para non pagalas facturas que debe", de momento paguei tódalas facturas.

A ver si me explico. Creo que o tempo non é como un queixo onde un pode corter máis adiante ou máis atrás, e sempre está ahí. Creo que é algo puramente mental, propio da nosa mente.

Tódalas partículas atómicas e subatómicas que nos forman están ahí, no mundo, nun perpétuo movemento, nun perpétuo devenir. Non se sabe moi ben que son estas partículas, porque non podemos acceder á realidade en sí mesma, só dispomos dos efectos que esta produce nos nosos sentidos, que por outra banda están construidos pola mesma "inaccesible materia".

O "agora" é un momento de ese devenir, é o momento "real", "inmediato" i en realidade o único que existe. Eu pódome comer un bocadillo "agora", pero non o podo comer "onte", nin "mañán". O agora é o sitio que están ocupando as cousas neste preciso momento, só temos constancia do chamado "paso do tempo" porque as cousas cambian de sitio, de forma, de tamaño, de aspecto e aparecenos na mente unha "pelicula" da realidade construida coa nosa memoria inmediata, de medio e longo prazo.

Calquera momento do pasado é unha relación espacial entre tódalas particulas existentes no mundo, nós mesmos somos unha ordenación material que vai cambiando pero que deixa un poso, unha consciencia de como é ese devenir.

O pasado só existe na nosa mente. Xa non está nin volverá. Construiremos quizáis outra posición das cousas máis ou menos semellante, pero será outro presente, non aquel "estado de cousas que se deron naquel intre".

A mente captura o devenir da apariencia das cousas, i ela mesma é froito dese devenir. Algo hai atrapado na materia, que se manifesta cunha paciencia milenaria, que se recrea na súa propia construción.

Posiblemente non sexa só un "algo", senon alomenos dous "algo" que se contradín e se complementan.

Posiblemente non teña ningún obxectivo, pero existen, son reais, existen para sempre.

Supoño que a nosa mente é froito de esas "forzas", supoño que é o seu produto máis elaborado, polo menos  aquí, e por este "agora".