xoves, 21 de marzo de 2013

Na primavera do 2013

No terreo laboral levo ata hoxe un periodo negro de catro ou cinco meses sen carga de traballo, cheo de inquedanza polo futuro, ata cheguei a pensar en pechala oficina en decembro e facer economía de resistencia durante un ano, mais voume facendo vello e xa non me deixo levar pola primeira arroutada que me pasa pola cabeza.

Agardo a que escampe, ou mellor ainda, tento ir cara adiante activamente, reconstruilo cesto e buscala froita madura. Non vai ser fácil, pero tampouco teño outra saída, cheguei ata aquí evitando evitando a submisión laboral máis ou menos fascistoide, paternalista, ou "profesional". A miña visión sobre a entrega dunha vida a un sistema escravista é negativa, a supervivencia e a vida en modo automata, lévase por diante a parte consciente, o dominio sobre o que un fai. 

Barallo a hipótese de que estamos nunha etapa da evolución cultural ainda semi-inconsciente, imos cegos cara adiante a toda velocidade (en modo obsesivo), e a realidade "danos rabia" pero non facemos nada por rectificar, esa realidade que se vai ir impondo pouco a pouco queiramos ou non. Esa realidade, que alviscamos cando morre alguén ser achegado de idade parecida a nosa. Máis ou menos para min ven sendo:

  • Unha vida humana é finita, dura mais ou menos 80 anos de media, pero nada impide que acabe antes.
  • Os recursos son finitos, a Terra é esférica.
  • Temos a mesma orixe que animais e prantas.
  • Renegar dos demáis leva a soidade.
  • Obedecer cegamente leva a perderse a si mesmo.
  • A vida humana digna necesita o desenrolo do seu "desexo" e do seu "pracer", necesita certo grao de "naturalidade" i "expontaneidade", certo grao de interés propio e certo grao de interés polos demáis. Un dificil coctel sen dúbida.

Baseándome nisto, é estúpido baseala existencia "na fecundación por pomba", nun "Creador vingativo que lle cedeu o bastón de mando ao feixista de turno", ou na "culpa por sermos malos malísimos na nosa orixe". Pódese maximizala autorealización persoal, pódese  maximizalo uso da "economía" como sistema para satisfacelas "necesidades humanas" e non como sistema de construción piramidal dunha nova "escravitude". Pódese mellorala liberdade humana, un mundo de "hipocritas" ou "medrosos" que negan a súa natureza ou seguen un fanático guión escrito por non se sabe quén, é absurdo, é unha vida absurda, si non hai pracer e liberdade a vida non ten sentido.

Fálase de liberdade e igualdade pola esquerda e pola dereita, a miña posición é que non se pode renunciar á liberdade persoal, e non se pode perdela igualdade de oportunidades, ou dito doutra maneira eu rexeito a Stalín, a Hitler, e o Feixismo Capitalista (no senso de que só importen os cartos que teñas no peto fronte a calquera outra consideración), non quero perdela liberdade de pensamento nin pola esquerda nin pola dereita, nin polo mercado laboral, teño dereito a ser unha persoa libre incluso nunha cadea de montaxe da Citroën, aínda que eles non o consideran así. (e neste punto remitome "a mina entrevista na Citroën" etiquetada en "vivencias").

Resumindo, a día de hoxe gustanme estes principios:
  • Non pasa nada porque uns consigan máis riqueza que outros, pero a cobiza ameaza rompelo saco de onde todos comemos. Eu andiven sen un can no peto e non me pasou nada, estou orgulloso de buscarme a vida, pero non acepto que por non ter nada unha persoa teña que perdela integridade persoal sicolóxica ou físicamente, isto é unha aberración social.
  • Unha persoa non pode ser libre si non recibe coñecemento e amor durante a súa infancia.
  • O uso da saúde das persoas como un elemento de "control" e "represión" da súa liberdade persoal, obrigandoas a integrarse na cadea de cobiza polo diñeiro ante a posibilidade de quedar desamparados na atención médica, ten un punto de crueldade estúpida, ou cartos ou morte.
  • Toda persoa debe poder escoller traballar en algo "remunerado", "non remunerado" ou non traballar, para isto debe existir un mínimo vital para todo aquel que non queira ir por ese camiño, só así a actividade basearase no "desexo", na "vitalidade" e non na "obriga" e na "necesidade". Hai moita xente que aporta  cousas valiosas aos demáis sen necesidade de ir detrás dos cartos, a modernidade persigue un obxectivo estúpido "facernos a todos cobizosos enfermos". Se a actividade saíse da "vontade natural" d persoa conseguiriase que non houbese "necesidade" de crear personalidades sumisas e sádicas para o funcionamento da maquinaria laboral.
  • O reparto da riqueza entre os máis "apaixoados polos cartos" debería estar limitada aos excedentes de cubrilas condicións básicas da sociedade e endexamáis deberian pasar da liña vermella da "sostibilidade económica, medioambiental e social". Non se pode negala natureza humana, hai que darlle a carroña suficiente para que non se coman o tecido social.
  • A sociedade debe ser aberta, é absurdo que aos postos de traballo ou dirección accedan persoas protexidas e promocionadas polos cartos ou polos contactos de seus pais, creanse tapóns que tupen as vias de osixenación e avance do que quere ser libre.
  • Polo demáis, non matarás, non roubaras, non abusaras do próximo, son cousas evidentes do código civil, non fai falla inventar ningún "unicornio".