xoves, 25 de outubro de 2012

As eleccións galegas 2012

O PP voltou gañar, perdeu un feixe de votos mais gañou, ¿por qué? as esquerda andivo a paus ao longo de tres anos e meio, pero non entre os dous socios que constituiron o goberno bipartito, senon entre os membros de cada unha das partes. O voto sistémico do rural, a Lei Eleitoral, e a "zorra" estratexia de Feijoo, de desligarse do PP, de Rajoy e dos recortes fixo o resto. Agora os cidadáns están ao pé do cabalo de Atila, no que vai a Merkel, con Rajoy de escudeiro.

O PSOE fixo unha xestora provisional, e agardou ao derradeiro intre para facer un proceso de escolla de candidato (parece de risa); ao final por urxencias nada calculadas quedou o que estaba e suspendeuse tal escolla. Para porlle un pouco máis de salsa, montan unha guerra para facelas listas, deteñen ao alcande de Ourense acusado de corrupción e andánlle enriba ao de Lugo. ¿Quén da máis? Esqueciame veulles votar unha mán tamén A.Guerra, dicindo que de pactar con "nacionalistas" nada de nada.

O BNG, seguiu co seu proceso de desmembramento. Un dos seus piares, a UPG, decidiu que non estaba para selo músculo do partido, e ía selo cerebro tamén. Xa hai anos desfanse de malas maneiras do seu portavoz e imaxe, Xosé Manuel Beiras, baseándose na perda de votos i en que parte da cidadanía non o ve con agarimo. Esa falla de acordo con Beiras abriu unha ferida que non parou de sangrar, non só dentro do BNG senon tamén entre os votantes. O seguidor Anxo Quintana, non conseguiu tecer pontes co antecesor e non se recompuxo o crebacabezas. Logo veu o momento de quitarlle poder aos independientes, os socialdemócratas e aos altermundistas, por ser sospeitosos de agachar escuros segredos contra o clase traballadora (que por certo, na súa inmensa maioría vota PP). O seu potavoz nacional Guillerme Vazquez transmite tranquilidade, parece que todo lle esvara, parece bó tipo, pero aborrece ata as vacas cando fala. O candidato Jorquera, parece un home disciplinado de partido, que transmite honradez e seriedade, pero faltalle frescura para mobiliza-la xente que espera por outra triste victoria do PP. Para máis INRI, vai Feijoo e di que tomaría unhas copas con él sen problema, e desexalle sorte. Demasiado "bó rollo" para unha parte dos votantes que sospeitan que o BNG está "institucionalizado de máis".

CxG ten problemas de xuventude, naceu con presa de situarse no centro político, +GZ quedou desdebuxada no proceso de xuntanza de pequenos grupos, algún dos mesmos aterrou directamente na dirección do partido, cousa que algúns non entendiamos ben, outros corrian a quitarlle-la estrela bermella da bandeira galega, e para matala quedan sen Lider, Aymerich quedou no BNG, e a exconselleira de vivenda non o via claro. O lider da formación ten un discurso sinceiro pero non o coñece ninguén, e faltalle perfil mediático. Sempre acariñaron a idea de ir en solitario, e a proposta dunha gran coalición, colleunos co pé cambiado. Finalmente a tensión Beiras-Feijoo provocou co voto útil a perda de moitos votantes. Sei de boa tinta que moita xente de +GZ votou a Beiras. Agora teñen un problema importante, sociedade non hai máis que unha e van ter que loitar por un anaco da tarta da esquerda, fronte ao desexo maioritario que quere unidade de acción. 

AGE, é un experimento novo, "o exercito zapatista galego" como o bautizou Martiño, de maneira moi simpática, sen medios e sen recursos, pero co tirón mediático de Beiras ocupou o espazo da desesperanza da sociedade. X. M. Beiras nunha entrevista en Vtelevisión fora TT en Twiter cando rachara co BNG, unha enquisa preelectoral dáballe 5% de intención de voto, e 4% a EU, contando co efecto bola de neve, e coas redes sociais, espallouse como alternativa fronte a desafección do que había. Un dato significativo deste fenómeno de absorción de voto de +GZ, PSOE e BNG foi a escalada explosiva en Twiter onde pasou de 0 (un mes antes) a 10.000 seguidores ao final da campaña. Para mín hai varios factores que explican isto:
  • O que transmite Beiras (fora do espectáculo mediático no que é un mestre). A xente gustalle que lles fale con toda a súa intelixencia, e todo o seu corazón, transmite credibilidade, coñecemento e unha gran valentia arriscando todo o seu capital político nunha nova aventura. O contraste do seu discurso, co do resto, non admite similitude, respeitano ata os que están no polo contrario.
  • Resolveu o enigma do seu estado mental e físico, con 76 anos ten máis vitalidade mental, e desinhibición que a maioría do mozos da nosa sociedade.
  • Logo veu a foto de Beiras abrazado con Yolanda, membros de dúas formacións totalmente diferentes e distantes que se poñen dacordo ante a gravidade da situación, desperta as emocións máis profundas dos que vemos que o barco vaise a pique e os que poden facer algo loitan polas táboas do naufraxio. 
En resume, a xente consciente, está tremendo coa que se nos ven enriba, e só unha formación entendeu que hai que dar resposta a unha angustia que comeza a medrar nas cidades e pobos de maior tamaño, e chegara nun ano ou dous ao resto da GZ (alomenos onde haxa xente que non teña a mente de cartón pedra).

Non só hai que gañar eleccións, hai que por un programa de ACCIÓN e GOBERNO que nos permita cambiala dirección da deriva cara a excravitude, a mercantilización de todo valor humano, e o desastre ecolóxico. 

Moitos de nós queremos unha sociedade libre, onde tódolos nenos teñan educación e sanidade de calidade, onde uns poucos non se apropien de todo o capital deixando a economía produtiva esfameada, onde unha persoa sexa respeitada polo traballo ben feito e non exprimida coma un limón para logo tirala ao lixo. En definitiva, que exista "liberdade real", un neno con fame, sen formación, sen sanidade, sen información "veraz" teno moi dificil para acabar sendo un home ou muller libre, e un adulto libre sen a existencia de traballo non-condicionado teno moi dificil para seguir sendo libre.

Como puxen nunha mensaxe na rede "prendeu unha "anova" luz na longa noite de pedra, agardemos que non morra ata que vexamola saída".

martes, 16 de outubro de 2012

Metamorfose da materia


Cando penso sobre a historia da vida, ou sobre a historia da materia inerte, sempre hai algo que non acabo de entender, e que tampouco topei a ninguén que o analizara claramente; ¿qué orixina que unha parte da materia se independice e teña vontade propia de conservarse no tempo como individuo e como especie?.


Disponse de teorías axeitadas para comprendelo desenrolo da vida, e da materia, pero non acabo de enxergar que é o que orixina o paso dunha á outra.

En todo "ser vivo", microorganismo, planta, animal, ou ser humano, a característica básica que lles permite considerarse vivos, é que queren seguir existindo, opoñense a morrer. Existe unha forza, instinto, vontade ou inercia na materia orgánica que se opón á disolución molecular, e celular, que se opón a volta ao estado inorgánico, non quere voltar a ser pó, hidróxeno primixenio, ou ata mesmo unha sopa de partículas subatómicas. Máis non se conforma só con isto, a súa potencia vai máis alá, reproducese a sí mesmo (replícase), invade, conquista espazo vital para sí mesmo. Non pode ser doutro xeito, do contrario endexamáis se pasaría da primeira xeración de seres vivos.

Freud falaba desta "pulsión de vida" (Eros), pero tamén da pulsión de morte" (Thanatos; como unha tendencia a volver ao estado anterior, "inorgánico"). Todo isto parece estar en concordancia coa maneira que ten de selo mundo físico, sempre se dan forzas ou tendencias antagónicas que tenden a un equilibrio.

Estas forzas físicas parecen, logo, manifestarse na nosa sique; no que nós chamamos vivir, matar, conquistar, odiar, amar, parir... ¿estas verbas substitúen as catro forzas fundamentais ou séguense como dous máis dous son catro?.

E seguindo a cismar nisto ¿Non será esa vontade a expresión, a consecuencia, desa inercia asociativa das partes  inanimadas constituíntes?¿Non será a vida inercia do Universo e o pensamento unha liberación da inercia?.

Estou pensando en todo isto, tratando de fiar un camiño, caletrando na pedra, na auga, e na terra regadas polo lume solar, ...e de repente entras ti na habitación, meu amor, con todos eses teus millóns de átomos tan ben organizadiños.