mércores, 30 de maio de 2012

O novo bipartidismo cordial

O bipartidismo continúa a súa lúa de mel. 

Viva o abuso bancario.
Viva o camiño único.
Viva o despilfarro consentido.
Vivan os autofavores.

Vivan os noivos!

sábado, 26 de maio de 2012

A evolución mal interpretada

Non deixa de ser curiosa a maneira en que se deforma unha idea para que veña a acoplarse aos nosos intereses. Estoulle moi agradecido aos pensadores que plasmaron nos libros as súas ideas con honradez, ainda que non sempre se consegue  deixa-los prexuizos colgados fora da porta da habitación de pensar, tentalo xa merece un respeito. É triste deturpar o mellor que temos para xustifica-las nosas miserias, agachándonos diante da mentira para que nos dén un sitio nalgunha pia.

Hai unha morea de ideas que nos asolaga desque nacemos, hai que defende que o mundo é "soño", que a vida mesma é unha "fantasia", unha "matrix". A miña intuición dime que non, que non é un xogo de PC, que é algo forte, inmenso, real, independiente de nós, aceptala idea contraria pareceme un canto a autodestrucción, a morte, ao desprezo da vida e de tódolos avances "emocionais", "físicos" e "intelectuais" conquistados.

A teoría da evolución foi moi deformada, dinse cousas como "sobrevive o máis forte", "sobreviven os mellores"...son ideas que fundamentaron o feixismo do século XX, e agora fundamenta o feixismo monetario global cara ao que imos no século XXI. É unha ollada torta, pechada nun feito concreto, a carreira entre dúas lebres escapando dunha raposa, sobrevive a máis rápida, é unha realidade que non se pode evitar. Máis entre esa lebre rápida, e atlética, e unha sinxela toupa, cega e lenta, quén gana segundo estes "craneos privilexiados", pois non está claro, veremos dentro duns centos de anos se desapareceron as lebres, e as toupas ainda seguen ao seu. A Historia natural deixa miles de exemplos de éxito dos máis insignificantes, dos menos valiosos segundo a nosa vara de medir.

As baleas son enormes, fortísimas, grandes e atractivas, van camiño de desaparecer, nembargante as cucarachas ahí as temos a moreas, noxentas e rastreiras. 

Non é verdade a premisa dos feixistas, o ser humán está aquí, vivo, porque era feble, porque era o menos adaptado para sobrevivir como cazador en terreo descuberto, porque as súas crias estaban indefensas, e crecían despacio, porque as mulleres preñadas necesitaban protección, porque un home fronte a un León era "risible", "ridículo", porque pasaban moita fame comportándose como raposas, ¿como podía sobrevivir ese mono nú baixo o sol do mediodía?.

A súa febleza foi a súa forza, a creación da comunidade, a solidariedade entre os membros, a socialización, a unión de esforzos para supera-la súa debilidade individual, por iso estamos aquí, porque a nosa debilidade, as nosas faltas, obrigaronnos a pensar, a crear novos camiños, novos métodos de supervivencia.

O feixismo global tende a destruir todo o que sexa "social", todo o que sexa "pacto", todo o que sexa respeito ao outro, todo o que sexa "valor" sen cartos, para impor unha soa lei, "somos raposas ou lebres", e temos que pelexar uns contra os outros, para ver quen é o máis rápido e, quen se leva a "carnaza", quen enche máis a conta corrente para ser "alguén". Estase deformando a visión da realidade, para convertila na base da súa aberración, "fomos os máis fortes deixando atrás ao débil", eu creo que non, "fomos os máis fortes porque conseguimos que todos tiveran algo para loitar polo obxectivo común".

Os febles e os fortes, os vellos e os nenos, os torpes e os habilidosos, os cortos e os listos, os lentos e rápidos, os gordos e os fracos, os bos e os malos, os inadaptados e os integrados ...todos teñen o seu sitio na supervivencia da especie, todos nos recordan que nos une a nosa debilidade, as nosas faltas, a necesidade de tecer unha convivencia, incluso os "perfectos segundo calquera norma", ¿qué serian sen os imperfectos?.

Reconverter todo á posesión monetaria, eliminar todo valor fora desta Lei, esta é a maneira de converternos a todos en lebres ou raposas, a moeda feita para o "valor das mercadurias" convertida en único valor. Retorcese a nosa mente, xogase con ela, xa non hai toupas, nin pombas, nin caracois, nin bolboretas, nin baleas, agora somos todos medidos e medibles polo vil metal, rompeuse a diversidade, vaise cara a uniformidade global de valores, e a uniformidade global é literalmente unha plaga. A realidade di que nin como lebres nin como raposas, estaríamos aquí, faltanos velocidade para unha cousa e dentadura para a outra.

Qué estará pesando máis nesta actitude o espiritu de vida, ou o espiritu de morte?.  

A teoría da evolución en realidade dí que "sobreviven os que están mellor adaptados ao medio". Adaptados ao medio, esta é a clave, extraname o incríbelmente separados que estamos agora deste criterio; temos unha economía non-sostible, e todo apunta a que se vai racha-lo equilibrio social para seguir mantendo as mesmas posicións ideolóxicas.

Nembargantes tamén creo que a nosa posición é natural, en certa maneira contradictoria, no senso de que o desexo de ter cada vez máis recursos e medios é algo instintivo, domina-lo outro, estar por enriba del ou como mínimo coma él. O éxito levounos a unha situación novedosa, o propio medio mostrase como algo "limitado" no espazo e no tempo. Na mente do explorador, do curioso que se pregunta que hai máis alá?, non entrou ata hai ben pouco a hipótese dun mundo finito, dunha "illa" flotando no espazo, e aínda hoxe creo que nos resulta "duro", preferimos o lema "Deus proveerá", "que se faga a vontade de Deus", é dicir, non quero saber nada "diso".

Somos animais xeneticamente curiosos, exploradores, oportunistas, que nos levantamos do chan para acabar dominando o mundo propio, e supoño que a visión dos límites provocanos unha "depresión", unha sensación de "final".

Non existe ningún "pecado orixinal", somos un animal "listo" que triunfou "sen especialización ningunha", desenrolando a intelixencia, a habilidade, a socialización, o coñecemento, o xogo, a experimentación...é impresionante.


martes, 22 de maio de 2012

A curiosa orixe da nosa alma inmaterial.

Durante moito tempo moita xente defendeu que as persoas veñen o mundo "así" tal como son agora. Este "así" referiase ao seu comportamento, as súas cualidades, aos seu intereses, a todo o relacionado con ese individuo, incluso a súa condición ética ou moral...por esta vía esta claro que non se deixaba ningunha liberdade á persoa, todo era xenético, ou divino, e ademáis a estimulación, o trato, a educación, eran cousas insignificantes.

Outra corrente que se foi formando ao longo da historia recente rescataba ao individuo do determinismo xenético, para considerar que todo era orixinado no medio mediante a educación, as relacións, o medio físico, etc...Deixabase todo o peso no proceso vital de crecemento, todos podiamos chegar a calquera sitio. Este camiño parece esaxerado porque é evidente que non todo o mundo ten as mesmas características, capacidades e intereses.

Está claro que o tempo vai levando cada cousa ao seu sítio, os profesionais adicados a infancia, e ao coñecemento humán en xeral van chegando a unha aproximación cada vez meirande á realidade e recoñecen que hai cousas innatas e cousas aprendidas. Chegouse a un coñecemento ao que xa apuntaba Charles Darwin fai máis dun século na súa obra "A expresión das emocións nos animais e no home". 

Entre as cousas innatas, ademáis da parte física, que tamén é mellorable e potenciable ata un certo límite, están as emocións innatas. Eu sorprendinme moito cando o meu fillo de poucos meses comezou a rir a gargalladas mentras eu facía monecadas ou determinados xestos, literalmente "partíase", dínme conta que esa capacidade de "rirse", de "alegrarse", xa estaba nel, non a aprendera de ninguén, era como din algúns sicólogos "unha sinal innata". É dicir que hai unhas "emocións" adquiridas coa nosa evolución ao longo de millóns de anos, que saen cara afora, que se manifestan ante o mundo e ao mundo, hai unha "comunicación", unha "información" que sae do pequeno ser que chega a este mundo.

Os estudiosos do tema sinalan tres emocións innatas de satisfacción ou positivas; o interés, a ledicia e a sorpresa, e seis sinais de axuda ou negativas; angustia, ira, medo, vergoña, asco e repulsión. A existencia de máis sinais de axuda que de satisfacción pódese deber a súa utilidade para a supervivencia ao longo da nosa historia.

Esas sinais, esas reaccións, esa expresividade ante o mundo configura o que chaman "temperamento do neno", logo sumarase a relación cos pais, a educación, a relación coas outras persoas, o entorno cultural que lles tocou, os traumas ou circustancias que o marquen, e as vivencias de todo tipo, para acabar formando unha persoa adulta.

A clave do asunto é que as emocións primarias están grabadas nos nosos xéns, nunha molécula por moi complexa que sexa esta.

Non deixan de non ser curiosas as raíces da nosa alma ¿inmaterial, eterna, íntegra?.

xoves, 3 de maio de 2012

Cousas que escoito e leo

Escoitei e lín que se vai facer pagar a unha persoa con recursos limitados a súa enfermidade, e que os señores políticos non se van baixar un euro o soldo, nin van eliminar institucións cheas de pó e "descontrol" como as deputacións provinciais.

Escoitei hai anos falar de que Europa non podía mante-lo estado do benestar, que había que eliminalo.

Tamén escoitei que había que facer unha Europa de dúas velocidades, unha rica no norte, e unha pobre no sur que servira de man de obra e talento barato.

Escoitei e lín nalgúns xornais que xente por roubar unha galiña foi ao cárcere, que outros ladróns multimillonarios van ser perdoados por mete-la man na ucha, e que van pagar menos que os que facemo-la declaración da renda de boa fé.

Escoitei e lín que un Rei leva matando elefantes e rinocerontes toda a vida, pero que iso pertence á súa vida privada, e que hai que seguir mantendo o seu dereito de pernada.

Escoitei dun ministro que meter 45 alumnos nunha aula fomenta a socialización e a calidade na ensinanza.

Escoitei que un 4% da poboación ten un 70% da riqueza.

Escoitei que temos soberanía, pero que hai que facer reformas para contentar aos "mercados".

Escoitei dun ministro que había que substituila economía do ladrillo pola economía do coñecemento, e doutro que se ían subilas taxas universitarias case ao dobre, que se ía reduci-la inversión en investigación, i eliminalos incentivos as enerxías renovábeis.

Escoitei doutro ministro que se facilita o despido en periodo de crise polo ben dos parados.