xoves, 19 de xaneiro de 2012

Arte e viño.

A miudo non entendo que é isto chamado arte hoxe en día, "unha merda de can nun penico", "unha navalla xigante", "pelos do cú cravados nunha laranxa", "unha tela negra colgada dun platano cunha pantalla onde se expón un video porno"...podería seguir, seguro que si tivera o padriño axeitado podería ter unha gran carreira no arte moderno.

A miúdo dubido, si todo é arte, e o arte e a merda case non se distinguen hoxe en día, e recordando a Aristóteles, (o grego, non a Onasis, polo tema da lóxica), entón todo o arte é unha merda no medio do camiño da Historia, pois creo que non, creo hai vida máis alá do puñeteiro mercadeo.

Eu son un pouco reticente a estructurar certas cousas. Por exemplo, gustame o viño, probar viños, non acabar bébedo tódolos días cos cartóns de supermercado,  senon acabar bébedo de vez en cando con viños un pouco máis sustanciosos. Pois ben, non merco libros, nin vou a cursos para "educalo" meu gusto, eu béboo e si me gusta, repito máis veces e si non me gusta, agardo a que me esqueza da marca e volvoo probar outro día. Neste terreo vaime ben non me saturo nin me extreso.

"Muller e neno" de Gustav Klimt
Pois co Arte decidín facer algo similar, non me aprendo clasificacións, nin me rompo á cabeza moito, trato de miralo cadro, ou a obra, e ver si me gusta, e atopo cousas que me parecen "valiosas", non me preocupa definilo pero gústame recoñecer "o regalo" que fixeron os seus autores.

O Arte, creo que hai que contemplalo, e non hai que darlle moitas voltas, non hai que manosealo moito, creo que lle pasa un pouco como ao electrón si o queres pór nun sitio "determinado" non podes pretender saber si veu a velocidade da luz ou en taxi.

"O obxecto artístico" é algo tan subxectivo que depende de cada un consideralo como "arte", tanto pola parte do autor como pola parte do observador.

A definición de "Arte" dada pola R.A.G. é "Actividade humana que ten como fin a creación de obras estéticas". Esta claro que pola definición cabe todo, incluso sobre a "realidade" non hai dúas visións iguais, canto máis do que pode considerarse "estético". A Wikipedia  inclúe outra finalidade "a comunicativa", co cal a definición volvese aínda máis e máis ampla.

Encantame contemplalas obras de Klimt, ou de Modigliani, e resultame dificil mesturalas conceptualmente coa "merda nun penico", non creo que haxa que leva-la democracia ata eses extremos.


A dezanove de xaneiro

Hoxe debería mercar unhas veliñas, acendelas, e comer unha tarta coa familia para celebrar que xa dín 41 voltas ao sol, e 14.965 revolucións sobre o eixo da Terra.

Teño unha certa vena tráxica, podería mercar a árbore da que me colgarei antes de que veña a visitarme a degradación mental, antes de comezar a babear e algunha residencia relixiosa se faga comigo para levarme á beira do ceo. 

Don Manuel Fraga subíu onte alá arriba,  á destra do noso Señor coas máns tan limpas coma as do seu inmaculado Caudillo. Hai que recoñecer que tiña boa memoria, de vello acordouselle o galego, ao mellor ainda lle acaba pasando ao "Señor de los Hililllos", máis non creo este é parvo rematado.

El Señor do Hilillos gañou as eleccións i é presidente, e por fín pode aplicalo seu profundo coñecemento do ser humán:  "todos somos diferentes, a riqueza acumulada é proporcional ao talento de cada un, logo onde está o capilal está o mellor da humanidade, o resto son perroflautas e recursos para mantelo nivel de vida dos que somos máish mellores, eehhh!".

O santo goberno coas súas enraizadas conviccións da "cruzada católica-social" xa comezou a mover un pouco a cousa, e van dicíndonos aquilo de "tranquilos, só vai ser a puntiña e non doi".

Desgrazadamente eu "só sei que non sei case nada", i ese "case" é moi importante porque regateo a paradoxa (si sabes que non sabes nada xa sabes algo). Pero hai quen o sabe "todo", hai quen coñece o pensamento e os desexos de Deus, i están autorizados a crucificar na Terra aos seus semellantes...si se colle distancia dabondo enxergarase a barbarie da súa montaxe.

Onte o Barça deume outra alegría, volvéndolle ganar ao R.Madrid  na súa casa, creo que este equipo ten que gastar aínda máis pasta en fichaxes, de momento custalle moito subir do medio campo.

Posiblemente a vida non sexa máis que "vida", i posiblemente iso sexa moito si se mira ben.

Onte estaba soñando que flotaba no espazo baleiro, sen tráfico, sen facturas, sen planetas, sen estrelas, sen nostalxicos do franquismo, sen reloxo, sen mecánica cuántica (que non hai quen a entenda), sen aire frío, sen "son", porque si non hai aire non hai son (curioso non?), sen luz porque sen estrelas o mundo sería escuro (vaia!), .....e comecei a pensar ......que agradable sería tomarme unha cervexiña nunha terraza, co calorciño do vrán, a sombra, que moito sol tampouco é bó, con boa compañía para sorrir ou para soñar coa noite....qué bonito sería!


martes, 10 de xaneiro de 2012

Outra volta sobre o tempo.

Esta claro que existe arriba e abaixo, atrás e diante, e ademáis esquerda e dereita, pero o que non vexo de maneira tan clara é antes e despois.

O tempo sicolóxico, o mental, o que sentimos todos, a infancia, as vivencias, o traballo pesado de algúns días, o esforzo, danos unha sensación de tempo. Na nosa mente podemos ir ao xa vivido e construir unha historia ordeada ata o momento presente. Pero como calquera pode experimentar, e xa teñen dito moitos sabios non é o mesmo estar sentado sobre o braseiro, que tomando un viño cos amigos, creo que non hai comparación. O tempo sicolóxico podería decirse que é relativo ao pracer ou dispracer que sentimos. En certa maneira é lóxico que sexa así pero non deixa de ser unha putada ter a sensación de que os periodos máis felices da nosa vida pasan a toda velocidade.

O tempo físico, o tempo que poderiamos chamar "real", o que se dá no que chamamos universo, ou mundo exterior ten unhas características singulares. En primeiro lugar non hai un onte, e un mañá que poidamos verificar, non é unha sustancia ou materia que poidamos colocar ao longo dunha liña. É certo que temos probas externas  da súa existencia, os restos fósiles, a evolución xeolóxica, o album de fotos familiar, unha bici vella e oxidada que pode ter gardada un nostálxico. Pero esas son probas da existencia do devenir, da existencia do cambio de posición das cousas con respeito as outras. 

O Dinosaurio estivo vivo, agora son osos sedimentados, houbo un cambio na materia, unha creación, unha organización, un mantemento da estructura e unha desorganización e morte posterior, pero non hai ningun paraiso ideal chamado "pasado" onde o dinosaurio esté vivo e poidamos ir alí a visitalo. Isto debe ter bastante que ver co instinto de vida, ninguén se acaba de crer que si morre, ainda seguirá vivindo no pasado, e si o pasado non existe en ningún lugar, realmente só podemos dicir que existe o presente e o mundo que temos co seu "devenir".

A relatividade do tempo "físico".

1) Segundo os físicos un observador á velocidade da luz que levara un reloxo (sexa cal sexa a tecnoloxía) vería ao rematala viaxe que para él e para o seu reloxo non pasou o tempo. Ben pensado ten moito sentido, porque esa é a velocidade máxima que pode existir e como a "luz" non pode ir máis rápido que a propia luz o observador non podería "ver" ningún cambio. En si mesmo tampouco podería ocurrir ningún fenómeno, ningún cambio, ningún proceso biolóxico, porque iso suporía un movemento respecto da velocidade da luz e iso non é posible. Para ese observador conxelaríase o devenir. 

2) Outra característica relativista do tempo comentada polos físicos, é que este pasa máis despacio segundo a forza gravitatoria á que esté sometido o noso viaxeiro. Ao aumentala gravedade o movemento faise máis dificultoso, e polo tanto ten sentido que os cambios sexan máis lentos.

3) Outra razón para reconsideralo concepto de tempo, é que cando chega o viaxeiro, observa o reloxo que deixou aquí e vé que o tempo pasou máis rápidamente na Terra. Isto concorda con que en realidade é a rapidez de cambio o que estamos constatando no reloxo, o viaxeiro segue sendo novo, podiase dicir que ven do conxelador, outros dirán que se fixo a ciruxía, pero iso pertence a outro ámbito.

4) Como dín os físicos, non existe un tempo absoluto, logo non podemos dicir que o Universo ten 13.700 millóns de anos, a menos que digamos que o medimos desde a Terra, para nós sí que pasou ese tempo pero para un conxelado observador que se movera sobre un fotón da radición de fondo xerada nos instantes iniciais o tempo que transcurriu desde que comezou a súa viaxe é cero. Isto quere dicir que a vida do fotón foi moi aborrecida, nembargante a da Terra foi moi movidiña.

5) Póderiase dicir que existe o segundo, que existe a hora, o ano, que o usamos tódolos días, sí existe, pero son comparacións mentales con respecto a un fenómeno situado nas mesmos ou parecidas circunstancias que nós mesmos, é dicir, dirase que un día é o tempo que tarda a Terra en dar unha volta sobre sí mesma, pero que máis podemos dicir, nada, porque o concepto de tempo acabase ahí na percepción do movemento.

Logo, segundo a teoría do Big Bang, a enerxía estivo concentrada nun punto, punto que polo tanto tiña unha temperatura e densidade cuasi-infinita, comezou unha expansión do espacio, unha condensación da materia, e un devenir de todo o grande e de todo o pequeno. É como un lento enfriamento, unha transformación, un cambio constante, onde seguramente os constituíntes básicos da enerxía e a matería só cambian de forma, aspecto ou posición pero posiblemente no fondo sigan sendo os mesmos.

Na nosa mente existe o tempo podemos ir adiante e atrás como nunha película, necesitamos esa dimensión para "entender" as cousas, pero no mundo "en si mesmo" non vexo tan claro que exista "iso" e de esa "maneira". 

O gracioso do tema é que posiblemente a causa de toda esta miña fixación co tempo poida ser algo cotián, ao mellor o meu odio ao son do reloxo polas mañáns, e ao desexo non satisfeito de estampalo contra a parede para non ter que mercar outro.