venres, 30 de marzo de 2012

A victoria dos mercaderes

A economía debería permitir a toda persoa por unha banda obtelo necesario para vivir dignamente, e pola outra a súa autorrealización persoal, nembargantes a forza bruta da natureza ameaza con imporse (se callar, como me suxeriu alguén, estamos nunha etapa semellante ao canibalismo, pero dun modo inconsciente aplicado na economía).

Coido que perdemolo control do noso invento, si é que o tivemos algunha vez. Os conceptos económicos invaden tódolos ámbitos da vida coma un virus. Todo se converte nun "mercado", incluso o obxecto artístico poderíase definir como "calquera obxecto que se pode vender por unha cantidade astronómica de diñeiro".

Así, para falar de persoas soese usar térmos como "consumidores" ou "recursos". Segundo esta biblia todos somos "recursos" para ser utilizados cando conveña, ou "consumidores" para darlle saída ao producido. Incluso hai quén ve ao outro como recursos de "usar e tirar". Podería incluso ir máis alá, o que non o ve así non ascende na estrutura económica das élites que manexan o fluxo de capital. Esas élites de tecnócratas económicos acumulan cada vez máis cartos nas súas contas, sacando o diñeiro da circulación, afixiando a economía real, e provocando a súa esqueletización.

Neste tempo no que se necesitan novas empresas, creación de riqueza e traballo en ámbitos que non sexan os do ladrillo, dánse pasos adiante na represión da persoa, en limitala súa capacidade creativa, en resumo, levámolo camiño de repetilas situacións históricas miserentas de onde vimos.

luns, 26 de marzo de 2012

As eleccións andaluzas


Unha crise brutal provocada por un sistema sen control por arriba.

Unha corrupción herdada de 30 anos de goberno coa que non paran de encherse contedores de lixo.

Unha xuiza que intervén en campaña pondo tódolos trapos a airear.

Un 30% de paro.

Un partido dividido, con demisións de cargos importantes en plena campaña.

Un secretario xeral que como dí Beiras parece "o señor da triste figura" contrario ao candidato.

Un PP gobernando en case tódalas comunidades e no goberno central.

...e uns pepeiros nos seus cabalos brancos, co pelo lavado e perfeitamente acondicionado ao vento das enquisas, cara a victoria final, coa champaña e os letreiriños de agradecemento preparados no balcón.

Será para outro día.

A xente votou cambio, pero cambio para a esquerda, xunto con máis control de todo o que sexa diñeiro público.

Parece que a xente de Andalucía tenlle máis medo a prepotencia feixista, que a miseria económica.

¿Qué faria a Dereita nacinalcatólica para deixar unha pegada tan fonda na alma dos andaluces?

mércores, 14 de marzo de 2012

Unha herdanza envelenada

Cambia-lo mundo é imposible, máis non influír nel é igual de imposible.

Si decides "pasar", deixarte ir, acomodarte, non discutilo que di o político de turno, ou os teus veciños, ou a túa propia familia, xa estas tomando parte, estás escollendo a continuidade do que hai sen máis, sen ningunha enruga.

A Física acaba de descubrir algo incríbel, o mundo físico existe grazas a unha enruga, a unha irregularidade, grazas a unha asimetría primordial.

O Universo sería absolutamente frío, distante, escuro, i estático, sen devenir, sen vida, sen auga corrente, nin facturas, se toda a materia-enerxía estivera perfectamente equidistante unha da outra na súa orixe.

A diversidade e a imperfección non só son importantes, senón que son a orixe do cosmos tal como o coñecemos, i eu diría máis, creo que é o osíxeno do espírito humano.

¿Por qué poño entón esta foto tan negativa neste artigo?, pois ben, a enerxía nuclear por fisión ten un problema moi importante, pertence ao mundo, os reactores fanse vellos, fai falla mantemento e un día acabarán morrendo.

Como lle digo sempre á miña parella, a puta entropía amólanos o sábado pola mañá, todo tende ao desorde, o puñeteiro pó ten que voltar ao chán unha semana trala outra. Pois isto tamén lle ocorre as marabillosas centrais nucleares, un día serán vellas, un día no futuro unha sociedade coma a nosa, onde se hai sorte estarán os nosos fillos terán que gastar millóns e millóns de euros en desmantelar e coidar de que non ocorra un accidente fatal. 

Veleiquí o título do artigo, ogallá que non lle deixemos aos nosos fillos un regalo envelenado, enerxía barata que un día nos pasará a súa cara factura, prolongala súa vida para facela rendíbel, agachar fallos, soterrar informes...negala realidade. 

As cousas novas son moi "bonitas", relocen, todo está brillante, cheo de cor...máis sería un gran erro pensar que o futuro nos vai deparar "recursos" inxentes que farán que a riqueza desborde por tódolos lados, haberá que apretarse os machos, como dín nalgún sitio, e esta tecnoloxía vai ser moi dificil de tratar sen inxentes cantidades de recursos. Ademáis eu creo que debaixo da alfombra comeza a non entrar máis lixo.

A foto de arriba é unha cidade abandonada preto da central de Chernóbil, o albúm de familia ampliase con Fukushima, os nosos veciños franceses están empeñados en entrar nesa familia tamén, e agora vaise crear unha corrente "popular" para darlle un pulo a colección peninsular. Non pasará moito tempo antes de que comecemos a ver "expertos" nos medios aconsellando esta opción.

Xapón ten unha morea de centrais xa vellas, que ten que desmantelar, e reciclar. Non vaiamos por aí, ou terémonos que facer expertos en superar "desgrazas evitábeis" como eles, e recibir premios por ser traballadores, resignados e ben mandados. Porque xa se sabe que aínda que soterrémolos informes negativos baixo dos mares, e metámola cabeza no buraco coma a avestruz, o perigo non desaparece.



martes, 13 de marzo de 2012

O coche

No mundo antes de ser o que é hoxe en día, con casas, cidades, edificios, carreteras, paises, parlamentos, especies en perigo de extinción, planetas, galaxias...non era nada. E cando digo "nada" refírome a que alomenos só era algo inferior ao volume dun átomo onde se concentraba toda a materia-enerxía que visualizamos no cosmos, e aínda hai físicos que van máis alá, máis atrás, pero pra qué?, hoxe só vou escribir unhas liñas sobre algo trivial, máis que non o parece.

Sabemos que todo o que existe no noso mundo ten algo de surrealista, tódolos nosos inventos, incluso nos mesmos temos algo "surrealista". Partes do noso cerebro son exactamente iguais ao cerebro que tiñamos hai un millón de anos, e parte do noso corpo son adaptacións realizadas pola "necesidade", ou pola "imaxinación" para sobrevivir.

Pero indo aos cacharros que inventamos nestes derradeiros 200 anos, o motor de combustión foi un "invento" que nos empuxou cara adiante na dispoñibilidade de máis tempo libre, máis liberdade de movemento e máis recursos para todos. Máis se nos subíramos a un globo i examinaramos dende o ceo o que está a provocar chegariamos á conclusión de que orixinou un gran "progreso" máis tamén unha aceleración na modificación e destrución dos recursos e do medio, convertindo a vida humana nun proceso biolóxico non-sustentábel. 

E isto é terríbel, porque "non-sustentábel" significa o seguinte: "si temos un canastro de grán para pasalo inverno e gastamos unha dose superior ao que podemos consumir nun día, e por enriba creamos un sistema onde o "señorito da casa" cómese él soíño 5 doses ao día, chegará un día no que todos pasaremos fame".  

Logo hai outro aspecto non menos curioso, que salienta como nos facemos os "despistados" cando algo é moi importante para nós aínda que sexa mortal de necesidade. Refírese ao contraste entre a lei contra o tabaco nos establecementos públicos, (sen dúbida agora que teño un fillo, un gran acerto, xa que hai familias enteiras nas cafeterías) coa vida na rúa. Esta lei evitanos tragar o fume tóxico dun pito, o cal está moi ben, pero levantámonos, saímos á rúa á pasear, e moreas de coches lanzan o seu veleno "canceríxeno" aos nosos pulmóns. E seguimos andando cos nosos fillos collidos da mán como se non fose nada. ¿non vos resulta curioso?

Por outra banda está a aberración enerxética que significa mover unha persoa de 80 kg, cun aparello que pesa 1500 kg como mínimo. Economicamente parece evidente que é bó, véndense coches, faise ferro, queimase moito combustible que precisou millóns de anos para facerse, construénse miles de km de carreteras que trocean o medio ambiente en cachos,  máis quereme parecer que estamos indo no mal camiño.

Arriba poño unhas fotos que baixei da Rede onde se pode ver do que son capaces os nosos inventos, creo que algún día verémolo como algo "incríbel" como cando se tiraban as "augas residuais" pola fiestra á rúa, ou se queimaban persoas acusadas de herexía na fogueira, ou os Tribunais Eclesiásticos ordeaban torturar unha persoa para sacarlle-la confesión que desexaban.

mércores, 7 de marzo de 2012

Unha aborrecida pedra.

A materia que consideramos como algo sólido, visible, certeiro, en definitiva algo no que podemos confiar, algo evidente, obvio, non é algo tan aborrecido e previsible como se pensaba.

En primeiro lugar, intuitivamente diriamos que a materia é coma un queixo, continuo que se pode cortar por calqueira punto e temos dous anacos, pois non, sorprendentemente os espazos onde hai "algunha propiedade detectabel" son ínfimos, tan pequerrechos que máis dun 99% é espazo baleiro, en resume, o mundo é discreto, feito en pequenas "partículas" separadas incribelmente unha das outras.

Tamén acostumamos a pensar que cando tocamos algo xuntamos a nosa man con ese obxecto, pois non, o que sentimos como tacto, é a forza repulsiva que os electróns do outro obxecto exercen sobre os electróns da nosa man, precisamente para non tocarse.

Tamén pesamos que a luz e as cores son "algo" propio do mundo, pois tampouco, a materia emite luz, millóns de fotóns, pequenos paquetes discretos de enerxía, que inciden nos nosos receptores visuais, pero non son cores, nós convertimola en cor, en realidade só é radiación electromagnética. A nosa mente constrúe esa beleza de cores que vemos no mundo, é algo propio, nós coloreamo-lo mundo, de feito desprezamo-la inmensa maioría da radiación electromagnética que se emite, só nos quedamos cunha pequena parte.

En definitiva, a pedra que vemos diante nosa, en si mesmo, non sabemos que é. Ainda máis, a física descobriu que as partículas de materia se poden converter en radiación electromagnética, e a radiación en partículas de materia, é dicir, intúese que no fondo hai a mesma substancia debaixo da luz e da pedra.

martes, 6 de marzo de 2012

O tecido do cosmos (Brian Greenne)

Recomendo este libro a quen lle guste a divulgación da teoria Física:

- (orixinal) The Fabric of the Cosmos: Space, Time, and the Texture of Reality, (Brian R. Greene)

- (en castelán) El Tejido del Cosmos: espacio, tiempo y la textura de la realidad (Brian R. Greene)

O autor é un dos máximos exponentes da Teoría de Cordas, agora Teoría M, actualmente en pleno desenrolo. Esta teoría é unha das maiores candidatas á Unificación de toda a Teoría Física.

A min persoalmente a teoría M gústame como comeza, cárgase o concepto prefixado de que unha partícula elemental comportase coma si fose case-puntual, e defínea como "unha corda de enerxía vibrante". Sexa o que sexa esa corda, tódalas partículas explicanse pola lonxitude, tensión e vibración dunha corda básica. Ata aquí todo xenial, pero para que a teoría funcione necesita "dimensións extras", é dicir, graos de liberdade extra que deixen as cordas vibrar noutras dimensións non perceptibeis por nós.

Para explicar isto das dimensións extra (7 nada menos), tratan de explicar que estas dimensións estarian enrolladas sobre sí mesmas por debaixo da escala da lonxitude de Planck, é dicir, nunhas magnitudes, en principio, non verificables (aquí é donde os críticos a ven como unha teoría non falsable, e polo tanto dín,  non pode ser considerada ciencia).

De momento creo que por moito que o intentan non conseguen explicar conceptualmente o que desenrolan na formulación matematica de maneira que o entendamos tódolos mortais.

Pero indo ao gran, o libro está moi ben redactado, con analoxias, e unha narración moi agradábel de ler. Explica de maneira xenial a Física Clásica, a Mecánica Cuántica, a Teoría da Relatividade, a Teoría Inflacionaria, etc...

Tamén repasa a Teoría M de maneira bastante suave, para non saturar ao lector, e acaba facendo especulacións fora da teoría sobre os horizontes aos que nos pode leva-la teoría física actual.

Un divulgador sen dúbida algunha "elegante".

luns, 5 de marzo de 2012

Baixo palio

Hai a quen lle custa renegar do franquismo, cústalle recoñecelas vítimas da ditadura nacional-católica, os crimes cometidos contra a "humanidade" e refírome á humanidade como ese sentimento de amor polos outros seres humáns, amor de verdade, de ese amor que regala unha maneira de estar no mundo máis xusta e digna, profesores, intelectuais, obreiros con orgullo do seu traballo...xente que desexaba sacar a todo ser humán da situación de "escravitude de feito", porque cando non hai un equilibrio entre dereitos e deberes, cando non se respeita o que aporta unha persoa e só importa o interés inmediato do capitalista-inversor, acabamos sendo escravos, e dando o mellor de nós como lavadura para os porcos.

No canto de promocionar novos camiños, no canto de axudar a construir unha pata que falla no Estado Español, unha pata que substitúa ao "ladrillo", ven de destruir plans eólicos, quitar axudas ao coche eléctrico, quitar primas a enerxías renovábeis..., é dicir, no seu módelo de desenrolo a clave é converter ao traballador en "escravo de feito", implantar empresas de produción do "alleo" con man de obra barata, non crear nada propio, e fomentar o amor ao "fútbol-escaparate-do-euro", realimentalo ladrillo, sumarlle á fenda económica entre ricos e pobres, unha fenda educativa e sanitaria...

A Esquerda estatal casouse coa globalización económica agora quedou sen argumentos, e sen ferramentas. Cando non rexeita-lo abuso na casa do veciño (porque che vai ben para os teus intereses) acaba chegando o seu sistema á túa casa.

Moita xente leva dentro o xen do escravo, agacharanse sen noxo, polo futuro, por un futuro sen dignidade e sen xustiza.

A miseria, e a desigualdade é o mar que a Igrexa Católica ansía para nadar as súas anchas, coas súas cruces e os seus santos de madeira, as súas xoias e a súa mensaxe deturpada pola ansia de poder ¿Acabará indo "El señor de los Hilillos" baixo palio?.

xoves, 1 de marzo de 2012

A liberdade e o principio de indeterminación de Heisenberg.

Si non existira a liberdade o cerebro non sería necesario, ou polo menos gran parte del. Si somos o único mono que ten o control débese a capacidade de tomar decisións, e iso cambiou a historia dun simple mono subido na súa cómoda árbore.

O determinismo desexa conxelala vida nunha estructura morta que se poida percorrer de adiante cara atrás e de atrás cara adiante. O espazo tetradimensional con todo o que ocorre nel quedaría perfectamente despregado coma un mantel nunha verde fraga. Un xigante como Einstein, enamorado da súa ensoñación e creo que no fondo dos seus prexuizos "relixiosos" pasouse décadas da súa vida negando as evidencias que mostraban a mecánica cuántica e tratando de salvar un universo perfectamente ordeado. A Newton sucedeulle algo parecido e quedouse convencido de que xa o sabía todo e que só lle quedaba atopalo seu "creador" nas follas do Seu Divino Diario.

A mecánica cuántica nace dunha e desenrolase a partires dunha limitación extraordinaria, "a imposibilidade de determinala posición e a velocidade nun momento determinado na historia dunha partícula subatómica", é a evidencia máis palpabel do infinitamente enraizada que está a indeterminación na natureza. 

Segundo tódalas evidencias científicas atopadas ata o momento e baseándose no que se coñece como "cosmos observabel", é posibel que todo xurdira da nada. 

É posible tamén que ao final a orde "material" do universo chegue ao desgarramento e a aniquilación de toda estructura, é dicir, un viaxe ata outra nada.

E no medio, ¿qué hai?, pois "vida" que non é pouco, unha minúscula, case insignificante, cantidade de materia con certa autonomía, que se retro-alimenta, que morrerá, que sigue o seu curso mentras exista enerxía para alimentar ese impulso.

E no medio de esa materia viva, nos, que fomos conquistado a posibilidade de vivir de forma "consciente" a nosa existencia, e ¿cómo?, tomando "decisións". Por iso creo que a "libertade" está implícita no "consciente", pero non aparece en estado "inconsciente".

Poderíamonos aferrar a un determinismo oculto á nosa sabedoría, dicindo que un electrón é demasiado pequeno para ser "visto", que en realidade pode ter traxectorias determinadas pero nos non podemos "coñecelas". Ben, si existe unha limitación do noso coñecemento, estamos igualmente en mans da consciencia e da libertade, xa que temos que vivir co que sabemos, aproximándonos o máis posibel á realidade para tomar decisións que nos den a posibilidade de seguir disfrutando de estar vivos. Sexa real unha cousa ou a outra, o certo é que o coñecemento da realidade última non está nas nosas mans e polo tanto debemos aplicalo principio de indeterminación.

Toda ideoloxía i educación que peche a fiestra ás preguntas, levaranos á perda da "consciencia", e finalmente á perda da "libertade" e a volta á cova das sombras e as cadeas.