A economía debería permitir a toda persoa por unha banda obtelo necesario para vivir dignamente, e pola outra a súa autorrealización persoal, nembargantes a forza bruta da natureza ameaza con imporse (se callar, como me suxeriu alguén, estamos nunha etapa semellante ao canibalismo, pero dun modo inconsciente aplicado na economía).
Coido que perdemolo control do noso invento, si é que o tivemos algunha vez. Os conceptos económicos invaden tódolos ámbitos da vida coma un virus. Todo se converte nun "mercado", incluso o obxecto artístico poderíase definir como "calquera obxecto que se pode vender por unha cantidade astronómica de diñeiro".
Así, para falar de persoas soese usar térmos como "consumidores" ou "recursos". Segundo esta biblia todos somos "recursos" para ser utilizados cando conveña, ou "consumidores" para darlle saída ao producido. Incluso hai quén ve ao outro como recursos de "usar e tirar". Podería incluso ir máis alá, o que non o ve así non ascende na estrutura económica das élites que manexan o fluxo de capital. Esas élites de tecnócratas económicos acumulan cada vez máis cartos nas súas contas, sacando o diñeiro da circulación, afixiando a economía real, e provocando a súa esqueletización.
Neste tempo no que se necesitan novas empresas, creación de riqueza e traballo en ámbitos que non sexan os do ladrillo, dánse pasos adiante na represión da persoa, en limitala súa capacidade creativa, en resumo, levámolo camiño de repetilas situacións históricas miserentas de onde vimos.