martes, 10 de xaneiro de 2012

Outra volta sobre o tempo.

Esta claro que existe arriba e abaixo, atrás e diante, e ademáis esquerda e dereita, pero o que non vexo de maneira tan clara é antes e despois.

O tempo sicolóxico, o mental, o que sentimos todos, a infancia, as vivencias, o traballo pesado de algúns días, o esforzo, danos unha sensación de tempo. Na nosa mente podemos ir ao xa vivido e construir unha historia ordeada ata o momento presente. Pero como calquera pode experimentar, e xa teñen dito moitos sabios non é o mesmo estar sentado sobre o braseiro, que tomando un viño cos amigos, creo que non hai comparación. O tempo sicolóxico podería decirse que é relativo ao pracer ou dispracer que sentimos. En certa maneira é lóxico que sexa así pero non deixa de ser unha putada ter a sensación de que os periodos máis felices da nosa vida pasan a toda velocidade.

O tempo físico, o tempo que poderiamos chamar "real", o que se dá no que chamamos universo, ou mundo exterior ten unhas características singulares. En primeiro lugar non hai un onte, e un mañá que poidamos verificar, non é unha sustancia ou materia que poidamos colocar ao longo dunha liña. É certo que temos probas externas  da súa existencia, os restos fósiles, a evolución xeolóxica, o album de fotos familiar, unha bici vella e oxidada que pode ter gardada un nostálxico. Pero esas son probas da existencia do devenir, da existencia do cambio de posición das cousas con respeito as outras. 

O Dinosaurio estivo vivo, agora son osos sedimentados, houbo un cambio na materia, unha creación, unha organización, un mantemento da estructura e unha desorganización e morte posterior, pero non hai ningun paraiso ideal chamado "pasado" onde o dinosaurio esté vivo e poidamos ir alí a visitalo. Isto debe ter bastante que ver co instinto de vida, ninguén se acaba de crer que si morre, ainda seguirá vivindo no pasado, e si o pasado non existe en ningún lugar, realmente só podemos dicir que existe o presente e o mundo que temos co seu "devenir".

A relatividade do tempo "físico".

1) Segundo os físicos un observador á velocidade da luz que levara un reloxo (sexa cal sexa a tecnoloxía) vería ao rematala viaxe que para él e para o seu reloxo non pasou o tempo. Ben pensado ten moito sentido, porque esa é a velocidade máxima que pode existir e como a "luz" non pode ir máis rápido que a propia luz o observador non podería "ver" ningún cambio. En si mesmo tampouco podería ocurrir ningún fenómeno, ningún cambio, ningún proceso biolóxico, porque iso suporía un movemento respecto da velocidade da luz e iso non é posible. Para ese observador conxelaríase o devenir. 

2) Outra característica relativista do tempo comentada polos físicos, é que este pasa máis despacio segundo a forza gravitatoria á que esté sometido o noso viaxeiro. Ao aumentala gravedade o movemento faise máis dificultoso, e polo tanto ten sentido que os cambios sexan máis lentos.

3) Outra razón para reconsideralo concepto de tempo, é que cando chega o viaxeiro, observa o reloxo que deixou aquí e vé que o tempo pasou máis rápidamente na Terra. Isto concorda con que en realidade é a rapidez de cambio o que estamos constatando no reloxo, o viaxeiro segue sendo novo, podiase dicir que ven do conxelador, outros dirán que se fixo a ciruxía, pero iso pertence a outro ámbito.

4) Como dín os físicos, non existe un tempo absoluto, logo non podemos dicir que o Universo ten 13.700 millóns de anos, a menos que digamos que o medimos desde a Terra, para nós sí que pasou ese tempo pero para un conxelado observador que se movera sobre un fotón da radición de fondo xerada nos instantes iniciais o tempo que transcurriu desde que comezou a súa viaxe é cero. Isto quere dicir que a vida do fotón foi moi aborrecida, nembargante a da Terra foi moi movidiña.

5) Póderiase dicir que existe o segundo, que existe a hora, o ano, que o usamos tódolos días, sí existe, pero son comparacións mentales con respecto a un fenómeno situado nas mesmos ou parecidas circunstancias que nós mesmos, é dicir, dirase que un día é o tempo que tarda a Terra en dar unha volta sobre sí mesma, pero que máis podemos dicir, nada, porque o concepto de tempo acabase ahí na percepción do movemento.

Logo, segundo a teoría do Big Bang, a enerxía estivo concentrada nun punto, punto que polo tanto tiña unha temperatura e densidade cuasi-infinita, comezou unha expansión do espacio, unha condensación da materia, e un devenir de todo o grande e de todo o pequeno. É como un lento enfriamento, unha transformación, un cambio constante, onde seguramente os constituíntes básicos da enerxía e a matería só cambian de forma, aspecto ou posición pero posiblemente no fondo sigan sendo os mesmos.

Na nosa mente existe o tempo podemos ir adiante e atrás como nunha película, necesitamos esa dimensión para "entender" as cousas, pero no mundo "en si mesmo" non vexo tan claro que exista "iso" e de esa "maneira". 

O gracioso do tema é que posiblemente a causa de toda esta miña fixación co tempo poida ser algo cotián, ao mellor o meu odio ao son do reloxo polas mañáns, e ao desexo non satisfeito de estampalo contra a parede para non ter que mercar outro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario