Cos anos chegas a saber que un mesmo non é o centro do Universo, nós non somos o centro do Universo nin da Terra, a Terra non é o centro do Universo, non é un sitio privilexiado e nós o actor estrela que actúa diante dun Pai amantísimo que nos vai regalar un diploma de number one. Somos unha posibilidade máis da vida que se realizou sobre a Terra, pero a vida como manifestación do Universo, ten billóns de millóns de posibilidades de realizarse en innumerábeis planetas e tempos. A nosa traxedia, desesperación e angustia nace de sermos conscientes de vivir e da nosa morte, esa posibilidade da natureza que tiña que manifestarse necesariamente, pois é unha maneira máis de sobrevivir, comportarse e persistir na vida, e que resultou moi exitosa no noso caso.
Pero ainda sendo exitosa, está condenada a morrer de éxito, porque só se pode escribir unha historia, só se pode manifestar, realizar unha posibilidade, a que se concreta nos actos. Na Historia da humanidade hai incontabeis maneiras de convivir, e ser, que se manifestaron, interactuaron, e foron construíndo unha pegada humana no mundo.
Na situación na que me atopo agora, e que intúo e leo que aparece en toda persoa consciente do que está pasando e vai pasar no mundo, un chega a preguntarse, para qué seguir?. Esa idea da voltas e voltas, pero a vida simplemente é un regalo, regalannos a posibilidade de facermonos consciente do que un é como suxeito, como individuo, e danos tamén a posibilidade de tratar de melloralo que somos. O suxeito cognoscente que hai en nós pode aprender, e abrir unha ventana ao mundo que nos rodea.
O mundo que me tocou vivir, e ao que estou suxeito en parte, ten un gran problema diante súa, si decide seguir como ata agora, morrerá por falla de recursos e destrución da biosfera, si decide non seguir así, terá que cambiar totalmente, deconstruir todo o que é hoxe en día, e reconstruir unha vida lenta e con moitos menos requirimentos de recursos, ata chegar a unha simbiose coa natureza, ocupando o noso lugar como regulador e como parte, pero non como depredador insaciable e como forza destrutiva. Agora mesmo parece dificil crer que se vaia chegar a esa segunda saída necesaria (e única sostible no tempo para moitas xeracións) sen chegar á guerra e ao desastre global, sen un sofrimento profundísimo i extenso que nos ensine a imposibilidade do que desexamos hoxe, que nos marque un límite, unha derrota.
E aquí, reafirmome e repito a miña resposta, só son unha posibilidade que se concretou como real, e que se fixo consciente de si mesmo, o mesmo ocorre con toda a humanidade, e coa vida no seu conxunto sobre a Terra. Esa posibilidade de vida, existente en todo o Cosmos visible, posto que responde ao mesmo principio en todo lugar e tempo, darase en miles de sitios como este, porque forma parte da natureza da vida diversificarse e intentar tódolos camiños que sexan posibles, así o fara sen dúbida en todo planeta i en todo tempo onde poida xurdir. Logo a Terra, non é máis que unha posibilidade do Cosmos, (que supón unha ferida para o noso ego), e o home non é máis que unha posibilidade da vida na súa manifestación máis dinámica, que inclúe en grados progresivos de complexidade a tódolos animais (realidade que é outra ferida). Como posibilidade que somos estamos sometidos ao "erro", ao "fallo", ao "perigo" de morte como especie, e toda Gaia, a posibilidade da súa morte como vida na Terra. Aparece logo esa idea desacougante pero tamén tranquilizadora, "noutros sitios poden sailas cousas mellor", e a manifestación consciente da vida chegar a un equilibrio, a unha representación de sí mesmo no total, que permite a seu mantemento durante millóns de anos.
E aquí aparece o que non se quere ver, agachala cabeza baixo terra, ignorando as consecuencia dos nosos actos, supón avanzar cara a nosa morte sen remisión (porque é real, é posible e vaise dar como necesario, igual que a caida da choiva), porque xa o sabemos, porque aparece xa como un feito intuitivo, evidente, diante nosa, en forma de datos, imaxes, estudios, impactos e como consecuencia necesaria da destrucción de tódalas relacións do entramado da vida que manteñen a nosa posición.
É, en base ao escrito, certo que a nosa situación é preocupante, pero tamén é certo que a vida como regalo, desenrolada como posibilidade en tódolos sitios do Cosmos onde se pode dar, débese abrazar ata o seu final, axudando a devolver algunhas das estrelas de mar que a tormenta deixará a millóns esmorrecendo na area, xa que pode ser que o futuro dependa de esas poucas que se salven, teremos que abrazar esa esperanza, ese fio, salvar o que se poida da tolicie destructiva que avanza sobre nós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario