Cando penso sobre a historia da vida, ou sobre a historia da materia inerte, sempre hai algo que non acabo de entender, e que tampouco topei a ninguén que o analizara claramente; ¿qué orixina que unha parte da materia se independice e teña vontade propia de conservarse no tempo como individuo e como especie?.

Disponse de teorías axeitadas para comprendelo desenrolo da vida, e da materia, pero non acabo de enxergar que é o que orixina o paso dunha á outra.
En todo "ser vivo", microorganismo, planta, animal, ou ser humano, a característica básica que lles permite considerarse vivos, é que queren seguir existindo, opoñense a morrer. Existe unha forza, instinto, vontade ou inercia na materia orgánica que se opón á disolución molecular, e celular, que se opón a volta ao estado inorgánico, non quere voltar a ser pó, hidróxeno primixenio, ou ata mesmo unha sopa de partículas subatómicas. Máis non se conforma só con isto, a súa potencia vai máis alá, reproducese a sí mesmo (replícase), invade, conquista espazo vital para sí mesmo. Non pode ser doutro xeito, do contrario endexamáis se pasaría da primeira xeración de seres vivos.
Freud falaba desta "pulsión de vida" (Eros), pero tamén da pulsión de morte" (Thanatos; como unha tendencia a volver ao estado anterior, "inorgánico"). Todo isto parece estar en concordancia coa maneira que ten de selo mundo físico, sempre se dan forzas ou tendencias antagónicas que tenden a un equilibrio.
Estas forzas físicas parecen, logo, manifestarse na nosa sique; no que nós chamamos vivir, matar, conquistar, odiar, amar, parir... ¿estas verbas substitúen as catro forzas fundamentais ou séguense como dous máis dous son catro?.
E seguindo a cismar nisto ¿Non será esa vontade a expresión, a consecuencia, desa inercia asociativa das partes inanimadas constituíntes?¿Non será a vida inercia do Universo e o pensamento unha liberación da inercia?.
Estou pensando en todo isto, tratando de fiar un camiño, caletrando na pedra, na auga, e na terra regadas polo lume solar, ...e de repente entras ti na habitación, meu amor, con todos eses teus millóns de átomos tan ben organizadiños.
Ningún comentario:
Publicar un comentario