mércores, 7 de marzo de 2012

Unha aborrecida pedra.

A materia que consideramos como algo sólido, visible, certeiro, en definitiva algo no que podemos confiar, algo evidente, obvio, non é algo tan aborrecido e previsible como se pensaba.

En primeiro lugar, intuitivamente diriamos que a materia é coma un queixo, continuo que se pode cortar por calqueira punto e temos dous anacos, pois non, sorprendentemente os espazos onde hai "algunha propiedade detectabel" son ínfimos, tan pequerrechos que máis dun 99% é espazo baleiro, en resume, o mundo é discreto, feito en pequenas "partículas" separadas incribelmente unha das outras.

Tamén acostumamos a pensar que cando tocamos algo xuntamos a nosa man con ese obxecto, pois non, o que sentimos como tacto, é a forza repulsiva que os electróns do outro obxecto exercen sobre os electróns da nosa man, precisamente para non tocarse.

Tamén pesamos que a luz e as cores son "algo" propio do mundo, pois tampouco, a materia emite luz, millóns de fotóns, pequenos paquetes discretos de enerxía, que inciden nos nosos receptores visuais, pero non son cores, nós convertimola en cor, en realidade só é radiación electromagnética. A nosa mente constrúe esa beleza de cores que vemos no mundo, é algo propio, nós coloreamo-lo mundo, de feito desprezamo-la inmensa maioría da radiación electromagnética que se emite, só nos quedamos cunha pequena parte.

En definitiva, a pedra que vemos diante nosa, en si mesmo, non sabemos que é. Ainda máis, a física descobriu que as partículas de materia se poden converter en radiación electromagnética, e a radiación en partículas de materia, é dicir, intúese que no fondo hai a mesma substancia debaixo da luz e da pedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario