xoves, 22 de outubro de 2026

O esquelete na gaiola (capitulo 3)

 A fame de sentido, neste aparecer desde a nada que é a vida, aparece un baleiro que non soportamos, por qué?, para qué?, a mente traballa, ordea, constrúe discursos, relatos, mitos, explicacións, ordenacións espacio-temporais do caos.

Son imperativos mentais que nos angustian, vémonos obrigados a por algo aí, os outros póñeno, o que hai fora é un caos que puntualmente se ordena en algo, como residuo, como sustancia temporal, como sentimento de ser, de estar vivo, pero oh!, misterio!, o que vén á vida preguntase pola línea do tempo, xa que na súa mente existe e ademáis aparece un imperativo, un principio de causalidade, o cal fai que nos preguntemos pola finalidade de estar aquí, por onde estamos e a onde imos.

O que nunca estivo, agora está, o que está non estará, e hai un relato que explica, que comprende, que soluciona, que permite abandonala carga o sufrimento existencial, aceptas o relato e pasas a camiñar liviano...pero meu amigo, quen constríu ese relato e para qué, iso deberialo descubrir, así saberias quen tapou ese baleiro e con que obxectivo escribiu cada verba, e a onde conduce a cadea que te ata.

O acoplamento a un sentido xa feito relaxa, consola, inmuniza contra o sufrimento. Xa hai malos e bós, xa hai inimigos, xa hai un homo sacred a quen aplastar, explotar ou sacrificar de maneira racionalizada, xa hai un liberador, un mesias, un lider, un referente, un guía.

Loado sexa o discurso salvador que nos dá un inimigo, que nos permite aplastar ao débil, explotar ao inocente, aplastala disidencia, roubar uns recursiños tan necesarios, pechala ventana da mente, e converternos nun animal sen dúbidas, propiamente nun animal.

Ata poderia ser que a fame de sentido apareza como unha melancolía do instinto animal, esa envexa do ser que se move con determinación, sen dúbidas, ese ser que parece que sabe quen é. Nalgún momento un fio xenético desatouse e non sabemos qué facer con iso, con ese grao de liberdade, e aí pomoslle o relato, o sentido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario