martes, 11 de decembro de 2012

Un camiño que se estreita

Toda-las noticias que nos asulagan apuntan nun só senso, a recesión, o paro, a baixada ainda máis fonda da actividade económica no Estado Español, e na nosa terra. Eu traballo nun sector directamente relacionado coa construcción, son enxeñeiro técnico industrial, tristemente fun vendo como a xente coa que traballaba ía na mesma dirección que o indicador global, e con eles, eu mesmo. Hoxe, a once de decembro de 2012 vexo o 2013 con pouca esperanza de mellora, e coa case segura necesidade de pecha-la oficina por non poder atende-los custes fixos da miña actividade. Curiosamente isto coincide cunha etapa feliz da miña vida, desfruto inmensamente vendo a miña compañeira  e ao noso pequeno con vitalidade e ledicia. Non hai nada mellor para min estes dias que darlle de comer, cambiarllelo cueiro e levar á escola infantil a Xián.

De repetirse os datos dos derradeiros tres meses vou quebrar, iso non ten dúbida, pero iso só é a miña realidade laboral persoal, e podería ser causada por moitos factores, polo que non me vou enlamar en ver "pecados" nin "culpas" nin "defectos", pretendo ver ¿qué se pode facer?. 

Abstraéndome da miña situación persoal está a economía, ou sexa as actividades, a cultura, as normas e organización a traverso das cales administranse bens e servizos scasos para cubrilas necesidades das persoas pertencentes a esa sociedade. Velaquí a realidade presente e futura nalgúns aspectos básicos:

  • Xa sabemos que hoxe en día os recursos consumidos pola economía global só se rexeneran nun 75%, é dicir, que o sistema económico actual baseado no crecemento continuo fixo "crack". A realidade está pitando e avisando de que por esa vía non hai saída. Podemos pechalos ollos e rezar ou abrilos e sermos conscientes de que hai que "reformalo sistema".

  • Sábese tamén que o sistema enerxético ademáis de non ser sostíbel, ten unha vida limitada, i en breve tempo dara orixe a graves alteracións do equilibrio oferta-demanda no mercado do petróleo. Isto é así pola chegada ao "cumio de producción", a partires de ahí non se sabe o tempo que se pode manter, pero calquera actuación na cantidade dispoñible no mercado, ou ben, a continuidade do crecemento da demanda (crecemento económico) vai provocar subidas incontroladas dos prezos.

  • E quedanos o factor máis grave, que foi tapado polos grandes poderes económicos, incluidos    os gobernos dos paises máis poderosos durante todos estes anos, o chamado "cambio global", e digo global e non climático, porque afecta a tódolos ciclos "vitais" que se dan na Terra, incluidos os océanos. Isto, segundo parece, poderíase reducir si cambiaramos de actitude ante os custes ambientais da nosa economía.

En resume que as tendencias globais non axudan pero aínda non estouparon, aínda non son a "causa" desta crise. Ata hoxe en día non hai restriccións no consumo, nin na produción, seguimos como ata agora pensando que a Terra é infinita, programas gubernamentais baseados no crecemento do PIB, estratexias baseadas no máximo beneficio, "loro-economístas" falando de crecemento... ¿cal foi logo a causa da crise? só hai unha "a especulación" e o "libre mercado financieiro". A desprotección de tódolos tecidos sostibles por tecidos económicos "insostibles" que non teñen en conta o impacto destructivo que provocan, e por outra banda a especulación sen freo, da que se fixo participe a unha grande parte da sociedade.

En resume: non se impuxeron límites nos recursos a empregar, aumentou o capital, a riqueza, e a comida no mundo (globalmente pero non en tódalas mesas), non houbo limitacións nos sistemas de produción, non se limitaron as transaccións internacionais, non hai guerra, pero aínda así os bens e servizos non chegan á xente, e destrúese nembargantes o traballo, é dicir, o sistema económico non funciona, está podrecido, e  no futuro imporanse condicións máis duras, reais, non inventadas por especuladores, sofistas, mentireiros, e corruptos, senon polos límites do mundo físico no que vivimos, e por desgraza, xente que viaxa en "jet privado e ten ducias de casas" só ten unha solución, "facer máis xente pobre, matar máis xente de fame, alienar máis persoas" para conseguir manter a directriz básica do funcionamento económico: "conservala taxa de beneficios ou aumentalos". Profesores de Economía e dirixentes da Banca Ética explicano claramente, cando se implantou o sistema de bonus ou primas por ganancias, a cobiza destruíu toda ética e todo control. No fondo ben sendo o mesmo que unha ditadura onde o personaxe que ten o control absoluto vai inchando e inchando coma un sapo.

¿Hai saída  deste tobo?. Creo que sí, os detalles para unha saída máis humana xa se saben, hai economistas con vínculos emocionais coa xente que o están contando; Banca ética, enerxias renovábeis, ben común, límite máiximo na proporción salario máximo-mínimo, reparto do tempo de traballo, soberanía alimentaria, educación , empatía, taxa aos movimentos financieiros, creatividade, transparencia...

Pero hai unha dificultade importante, o factor "inercial". Os cambios son moi lentos na nosa estrutura mental, só hai que ver con que lentitude se introduciu a "liberdade, igualdade e fraternidade" da revolución francesa no mundo, ainda hoxe en día  non se ten un coñecemento claro dos termos, compatible co pleno desenrolo do espírito humano. A gran camada especulativa que nos dirixe está entregada a unha "inercia económica" baseada na impotencia dos cidadáns para facer cambios. Conquistala liberdade, i establecer vínculos de solidariedade que substitúan á clasica pirámide de poder é a única saída para aplicalos cambios necesarios de maneira humana. Cambialos esquemas vellos e construir unha economía para a sociedade, e non sacrificala sociedade e o mundo (incluso a biosfera) para a permanencia dunha economía que só é boa para uns poucos. En resume, o mundo é físico e seguirá sendo físico, o único factor de cambio "real" é a mente de cada persoa, non nos enganemos con malvados inimigos e ocultas confabulacións, o mundo social é a suma da nosa vontade e da dos nosos antergos que persiste nos nosos esquemas.


martes, 27 de novembro de 2012

O medo a liberdade (Erich Fromm)

Gustoume moito este libro. Foi escrito por Erich Fromm, un sicoanalista e filósofo humanista xudeualemán en 1941, durante a segunda guerra mundial, por suposto no exilio.

Fai unha análise do nacemento histórico da liberdade e das interaccións entre relixión, economía, sociedade, ideas e sicoloxía no individuo. Estuda a xeración do feixismo, i en xeral dos sistemas autoritarios, e tamén do sistema "autómata" das democracias modernas.

Teña en mente facer un resumo do que a mín me parece máis importante, pero é posible que a crise e a falla de traballo me presionen para invertir máis enerxía  na subsistencia económica e non poida facelo.

Para min Erich Fromm rescata algo que Nietszche non se esforza en rescatar. Teño a sensación que Friedrich Nietzsche estuda o mundo tal como é, cheo de moitísima xeste pasiva, sumisa, necia, e ignorante e dunhas minorias que empregan o seu sadismo, en maior ou menor grao para controlalas. Nietzsche tamén quere unha superación, quere seres humáns mellores, homes e mulleres libres, pero non se para moito en valoriza-lo que hai en todos, él só busca a realización do "ideal". Erich Fromm coloca a esencia do ser humano en tódolos homes, a liberdade é o corazón do individuo, é a fonte da que nace a súa sicoloxía. Tódolas persoas son iguais no seu nacer síquico, logo o que "se fai" con iso, e o que o propio suxeito vive e experimenta, lévao por distintos camiños. Coloca a toda persoa na historia, na súa sociedade, na súa orixe, descubre as forzas que o inflúen, atopa a angustia e o medo, a insignificancia, a impotencia, a soidade, a manada.

 Erich Fromm é un rescatador, coa que estaba caíndo no mundo, busca no interior da sique de toda persoa, e non agacha o que ve, un comportamento que fluctúa en moitas persoas da esfera sádica á sumisa, i é capaz de ver unha alma rescatable pola educación, a ética, pola consciencia, por unha estructura social axeitada para facer persoas, en definitiva pódese facer algo con todo isto, pódese construir unha "superación". Agora sí, o risco, a posibilidade da victoria do terror, da soidade sempre estará ahí. Pensar e vivir por sí mesmo, desenrolarse a sí mesmo necesita dun entorno que permita ese crecemento libre da vida e do ser, esa expansión natural, esa risa sincera do neno.

Eu sempre intuín que se metes a unha persoa nun cárcere de "chantaxes emocionais" e "prexuizos", é moi dificil que sexa espontánea, alegre e libre de verdade, por moito que se lle berre na orella !eres libre! ¡vives nunha sociedade libre!¡sede felices!. Fai falla algo máis ca isto.

Hai un tráxicómico chiste que reflicte un pouco a relación entre "conducta" e realidade síquica, son uns pais que levan a un neno ao sicólogo porque non estuda, e dí o profesional "...pero este neno está moi triste", e responden automáticamente os pais "pois mire que o presionamos para que sexa máis alegre e sorría.". Non fai falla dicir máis. "A letra con sangue entra" dicían hai pouco nesta terra, pero ahí, dentro de nós queda unha estrutura sicolóxica que nos leva colectiva e individualmente por tristes camiños, a pesares de que durante un tempo parezan mellores. "Conducir" a alguén por un camiño, non é equivalente a despertala naturalidade, a espontaneidade, e o desexo do neno. Nas verbas de outros estudosos e divulgadores, non é o mesmo vivir no "modo supervivencia" que no "modo desexo".

Non cabe dúbida de que na existencia hai algo que parece contraditorio, toda persoa ven ao mundo por vontade de outros (dos seus pais alomenos), chegamos ao mundo nun tempo histórico, nunha clase social, nunha sociedade determinada, nembargante a nosa substancia síquica máis profunda é a liberdade, é o decubrimento do mundo. ¿Non estará ahí o conflito que move a historia?.

xoves, 25 de outubro de 2012

As eleccións galegas 2012

O PP voltou gañar, perdeu un feixe de votos mais gañou, ¿por qué? as esquerda andivo a paus ao longo de tres anos e meio, pero non entre os dous socios que constituiron o goberno bipartito, senon entre os membros de cada unha das partes. O voto sistémico do rural, a Lei Eleitoral, e a "zorra" estratexia de Feijoo, de desligarse do PP, de Rajoy e dos recortes fixo o resto. Agora os cidadáns están ao pé do cabalo de Atila, no que vai a Merkel, con Rajoy de escudeiro.

O PSOE fixo unha xestora provisional, e agardou ao derradeiro intre para facer un proceso de escolla de candidato (parece de risa); ao final por urxencias nada calculadas quedou o que estaba e suspendeuse tal escolla. Para porlle un pouco máis de salsa, montan unha guerra para facelas listas, deteñen ao alcande de Ourense acusado de corrupción e andánlle enriba ao de Lugo. ¿Quén da máis? Esqueciame veulles votar unha mán tamén A.Guerra, dicindo que de pactar con "nacionalistas" nada de nada.

O BNG, seguiu co seu proceso de desmembramento. Un dos seus piares, a UPG, decidiu que non estaba para selo músculo do partido, e ía selo cerebro tamén. Xa hai anos desfanse de malas maneiras do seu portavoz e imaxe, Xosé Manuel Beiras, baseándose na perda de votos i en que parte da cidadanía non o ve con agarimo. Esa falla de acordo con Beiras abriu unha ferida que non parou de sangrar, non só dentro do BNG senon tamén entre os votantes. O seguidor Anxo Quintana, non conseguiu tecer pontes co antecesor e non se recompuxo o crebacabezas. Logo veu o momento de quitarlle poder aos independientes, os socialdemócratas e aos altermundistas, por ser sospeitosos de agachar escuros segredos contra o clase traballadora (que por certo, na súa inmensa maioría vota PP). O seu potavoz nacional Guillerme Vazquez transmite tranquilidade, parece que todo lle esvara, parece bó tipo, pero aborrece ata as vacas cando fala. O candidato Jorquera, parece un home disciplinado de partido, que transmite honradez e seriedade, pero faltalle frescura para mobiliza-la xente que espera por outra triste victoria do PP. Para máis INRI, vai Feijoo e di que tomaría unhas copas con él sen problema, e desexalle sorte. Demasiado "bó rollo" para unha parte dos votantes que sospeitan que o BNG está "institucionalizado de máis".

CxG ten problemas de xuventude, naceu con presa de situarse no centro político, +GZ quedou desdebuxada no proceso de xuntanza de pequenos grupos, algún dos mesmos aterrou directamente na dirección do partido, cousa que algúns non entendiamos ben, outros corrian a quitarlle-la estrela bermella da bandeira galega, e para matala quedan sen Lider, Aymerich quedou no BNG, e a exconselleira de vivenda non o via claro. O lider da formación ten un discurso sinceiro pero non o coñece ninguén, e faltalle perfil mediático. Sempre acariñaron a idea de ir en solitario, e a proposta dunha gran coalición, colleunos co pé cambiado. Finalmente a tensión Beiras-Feijoo provocou co voto útil a perda de moitos votantes. Sei de boa tinta que moita xente de +GZ votou a Beiras. Agora teñen un problema importante, sociedade non hai máis que unha e van ter que loitar por un anaco da tarta da esquerda, fronte ao desexo maioritario que quere unidade de acción. 

AGE, é un experimento novo, "o exercito zapatista galego" como o bautizou Martiño, de maneira moi simpática, sen medios e sen recursos, pero co tirón mediático de Beiras ocupou o espazo da desesperanza da sociedade. X. M. Beiras nunha entrevista en Vtelevisión fora TT en Twiter cando rachara co BNG, unha enquisa preelectoral dáballe 5% de intención de voto, e 4% a EU, contando co efecto bola de neve, e coas redes sociais, espallouse como alternativa fronte a desafección do que había. Un dato significativo deste fenómeno de absorción de voto de +GZ, PSOE e BNG foi a escalada explosiva en Twiter onde pasou de 0 (un mes antes) a 10.000 seguidores ao final da campaña. Para mín hai varios factores que explican isto:
  • O que transmite Beiras (fora do espectáculo mediático no que é un mestre). A xente gustalle que lles fale con toda a súa intelixencia, e todo o seu corazón, transmite credibilidade, coñecemento e unha gran valentia arriscando todo o seu capital político nunha nova aventura. O contraste do seu discurso, co do resto, non admite similitude, respeitano ata os que están no polo contrario.
  • Resolveu o enigma do seu estado mental e físico, con 76 anos ten máis vitalidade mental, e desinhibición que a maioría do mozos da nosa sociedade.
  • Logo veu a foto de Beiras abrazado con Yolanda, membros de dúas formacións totalmente diferentes e distantes que se poñen dacordo ante a gravidade da situación, desperta as emocións máis profundas dos que vemos que o barco vaise a pique e os que poden facer algo loitan polas táboas do naufraxio. 
En resume, a xente consciente, está tremendo coa que se nos ven enriba, e só unha formación entendeu que hai que dar resposta a unha angustia que comeza a medrar nas cidades e pobos de maior tamaño, e chegara nun ano ou dous ao resto da GZ (alomenos onde haxa xente que non teña a mente de cartón pedra).

Non só hai que gañar eleccións, hai que por un programa de ACCIÓN e GOBERNO que nos permita cambiala dirección da deriva cara a excravitude, a mercantilización de todo valor humano, e o desastre ecolóxico. 

Moitos de nós queremos unha sociedade libre, onde tódolos nenos teñan educación e sanidade de calidade, onde uns poucos non se apropien de todo o capital deixando a economía produtiva esfameada, onde unha persoa sexa respeitada polo traballo ben feito e non exprimida coma un limón para logo tirala ao lixo. En definitiva, que exista "liberdade real", un neno con fame, sen formación, sen sanidade, sen información "veraz" teno moi dificil para acabar sendo un home ou muller libre, e un adulto libre sen a existencia de traballo non-condicionado teno moi dificil para seguir sendo libre.

Como puxen nunha mensaxe na rede "prendeu unha "anova" luz na longa noite de pedra, agardemos que non morra ata que vexamola saída".

martes, 16 de outubro de 2012

Metamorfose da materia


Cando penso sobre a historia da vida, ou sobre a historia da materia inerte, sempre hai algo que non acabo de entender, e que tampouco topei a ninguén que o analizara claramente; ¿qué orixina que unha parte da materia se independice e teña vontade propia de conservarse no tempo como individuo e como especie?.


Disponse de teorías axeitadas para comprendelo desenrolo da vida, e da materia, pero non acabo de enxergar que é o que orixina o paso dunha á outra.

En todo "ser vivo", microorganismo, planta, animal, ou ser humano, a característica básica que lles permite considerarse vivos, é que queren seguir existindo, opoñense a morrer. Existe unha forza, instinto, vontade ou inercia na materia orgánica que se opón á disolución molecular, e celular, que se opón a volta ao estado inorgánico, non quere voltar a ser pó, hidróxeno primixenio, ou ata mesmo unha sopa de partículas subatómicas. Máis non se conforma só con isto, a súa potencia vai máis alá, reproducese a sí mesmo (replícase), invade, conquista espazo vital para sí mesmo. Non pode ser doutro xeito, do contrario endexamáis se pasaría da primeira xeración de seres vivos.

Freud falaba desta "pulsión de vida" (Eros), pero tamén da pulsión de morte" (Thanatos; como unha tendencia a volver ao estado anterior, "inorgánico"). Todo isto parece estar en concordancia coa maneira que ten de selo mundo físico, sempre se dan forzas ou tendencias antagónicas que tenden a un equilibrio.

Estas forzas físicas parecen, logo, manifestarse na nosa sique; no que nós chamamos vivir, matar, conquistar, odiar, amar, parir... ¿estas verbas substitúen as catro forzas fundamentais ou séguense como dous máis dous son catro?.

E seguindo a cismar nisto ¿Non será esa vontade a expresión, a consecuencia, desa inercia asociativa das partes  inanimadas constituíntes?¿Non será a vida inercia do Universo e o pensamento unha liberación da inercia?.

Estou pensando en todo isto, tratando de fiar un camiño, caletrando na pedra, na auga, e na terra regadas polo lume solar, ...e de repente entras ti na habitación, meu amor, con todos eses teus millóns de átomos tan ben organizadiños.

martes, 11 de setembro de 2012

O "optimismo" financieiro

Corría o ano 2002 (pasaron 10 anos) e andaba buscando piso para mercar. A constructora fixera a financiación con Caixanova (o actual No-Caga-Banco) e alá me fun a unha entrevista co director da sucursal en Mondariz. A conversa é como miles que se fixeron para estes casos, pero agacha a mentalidade que lle imprimiron a este home para a realización do seu traballo. Díxome unha das veces "...pides 11 millones solamente, la gente pide 16, o 20, y aprovechan para comprarse un coche y amueblar...". Ao que eu, amedrentado diante dunha débeda de ese importe a 30 anos, (!trinta anos! daquela, cando estivera acabando tería 60 anos, cantos cambios haberá na miña vida?, e seguiría pagando a estes señores), dixenlle: "pero si hai unha crise, si suben os intereses sen control, cómo vou pagar?", e díxome o home case sorrindo pola miña "inocencia", "pero hombre como va a pasar eso no vés que el pais se iría a la ruína, y el Estado quebraría"....

O mercado que se autorregula, ese é o gran mito da economía de libremercado, todo mentira, a especulación, a mentira e a trampa impóñense de novo. Hoxe estamos como estamos...e os responsables do control do sistema dín non saber nada, namentras se pasean nas súas limusinas sabéndose "máis listos" que os demáis, máis "raposos" que os demáis.

Levannos e deixamonos levar ao capitalismo extremo. A factura para nós e os nosos fillos será moi alta, e canto máis pasivos sexamos máis alta será. Primeiro convencerannos de tela culpa, (acusarannos de ser todos responsábeis da débeda), logo ofrecerannos o sacrificio como camiño de expiación, irannos caíndo enriba cadeas. A excravitude é o sistema máis barato,  xa o dín por ahí os ananos: "mira para los chinos como trabajan, 20 horas y sin cobrar casi nada, mucho tenemos que aprender de ellos...".

(A foto é do toro de carga de Wall Street, símbolo do optimismo financieiro).

venres, 7 de setembro de 2012

Lastres (Asturies)

Gustoume moito este pobo mariñeiro, ainda non está arrasado polo Turismo.

En Cudillero fixeron un "macroaparcamento" para miles de coches que da noxo.

Bó sitio para comer.

Asturies, unha terra fermosa.

mércores, 22 de agosto de 2012

Picos de Europa

Nestas vacacións estiven polos Picos de Europa. A paisaxe é espectacular. Nesta imaxe vese o Lago Enol e na de abaixo o Lago Ercina. As imaxes falan por si mesmas, e quedanse curtas.



Hai vacas pastando por tódolos currunchos. 



Nota: En Xullo e Agosto teñen restricción de horarios e hai que subir en autobus. Despois das 8 da tarde pódese subir en coche.

mércores, 1 de agosto de 2012

Triste simbolismo

É impresionante o traballo realizado polos veciños desta vila para a confección das alfombras florais. Póñenlle imaxinación, ganas, talento, compañeirismo, ledicia despreocupada.

Poñen o mellor deles mesmos, e usan o mellor da primavera.

A mín particularmente non me gusta o final, esa procesión acompañada de cargos políticos, forzas policiais e militares, esa noxenta inercia histórica, esa mestura da busca máis íntima do ser humano coas estuturas de poder de calquera natureza.

Aquel home desfilaría feliz deste xeito?. Aquel home sería feliz pola entrega do mellor destes veciños a tal "simbolismo"?.

Para entrar en algo considerado "espirutual" ou "relixioso" antes de nada un debería quitarse o "uniforme",  as medallas, ou o bastón, porque si non o fas así, non entendes nada, todo se converte en vanidade,  poder cutre, medo e obediencia estúpida.

Claro que, ben pensado, a miña reflexión é tamén estúpida, porque que é o catolicismo, si non este viraxe ideolóxico para darlle á mensaxe orixinal daquel home unha cor distinta, máis dourada, quizais. Nin sequera na "Rebelión da granxa" reescribiron e reinterpretaron tantas veces as propostas iniciais.


domingo, 29 de xullo de 2012

O eterno retorno

O noso comportamento como "sociedade", como "pobo", ou como "especie" repítese unha e outra vez. Ainda que non leamos moita historia, non temos máis que lembrarnos dos filmes históricos.

Busquemos primeiro no plano sicolóxico. Nerón buscando un culpable, unha victima propicia a quen sacrificar diante da previsible furia do pobo ante o "incendio de Roma". Hitler buscando un "culpable" da crise económica e da derrota alemana na primeira guerra mundial. O poder manexa ao pobo con eses "resortes" da nosa mente, sempre ten que haber un "culpable", non pode ser que o "sistema", a estrutura de poder creada non funcione. Soése buscar alguén nunha posición débil, fácil de "estigmatizar",  que non ofreza resistencia, que non sexa unha "ameaza".

No plano financieiro, ¿qué é o primeiro que fai o Rei cando se lle baleiran  as súa arcas polo "derroche" sen control, pola falta de previsión, por non cumprir coa súa responsabilidade de "gobernar para todos"?, pois está claro, envía, ao gobernador de turno, co exercito, a exprimir ao campesiñado, a sacarlle ata o derradeiro céntimo, a pesares de que sabe da "crise" que vive o seu pobo.

O señor Rajoy, fixo algo realmente noxento, en plena e salvaxe crise económica, baixo o aplauso de todo o seu grupo, e con algún "¡que se jodan!", enviou a "forza do estado" a que lle baixaran a pensión aos desempregados do 60%, ao 50% da base pola que cotizaron, e por enriba sumou unha acusación xeneralizada inxusta e cruel, "es para motivarlos a buscar trabajo". Isto supón que unha persoa nesta situación que cobre 600 euros pasa a cobrar 500 euros, é o 16,6% menos do que ganaba. Os obedientes cidadáns que se quedaron sen traballo durante estes anos teñen que paga-la factura dos "especuladores" e ainda por enriba seren "culpabilizados"...o eterno retorno da mesma bosta.

A pesares da Revolución Francesa, o sistema social segue funcionando da mesma maneira, a Lei é un "mazo" contra o "débil", contra o que ten pouco "poder", pero para o que ten "capacidade de devolvelo golpe" é un lene "aloumiño", unha suxerencia ": !sean buenos, por favor, no especulen ustedes tanto que se nos vaya a morir el ganado del que comemos!". Aquí está a esencia mesma do poder a "capacidade de facer dano ao outro", a "ameaza continua feita forza no inconsciente". Revisando o que ocorre, o que se "realiza", visualizamola, vémola actuar, somos conscientes. ¿Sirve para algo? non sei, alomenos para que non che vendan a "moto".

mércores, 11 de xullo de 2012

Recuperalo valor das cousas (II)


Hai vida antes da morte. Vivimos nunha "cultura pesimista", "case negra", dise "a vida é un val de bágoas", e incluso "é un simple transito ao máis alá", pero un momento, esa dor, ese chorar polas perdas, ese "duelo", non se pode converter nunha negación da evidencia, da causa da dor, ¡estamos vivos!, hai vida antes da morte, onde está o pracer de ir facendo un camiño propio, a ledicia, as boas compañias, a boa comida, o sexo, o fútbol, o "entender", o querer, o desexar, o ganar, onde está o que está antes?.. .e que acaso vivimos por "imperativo legal ou relixioso"? (ja,ja,ja..), levamo-la chama ainda acesa ahí dentro, seguimos adiante, poñamolo lixo no seu sitio, as igrexas son hospitales, non fagamos "enfermos" por "lei", nin "eliminemolo" consolo dos feridos, pero o seu sitio non está antes, está despois do mundo, para cando só che queda a saída de enganarte a tí mesmo. 

Co que "hai" pódese facer algo. A crítica, a análise, a "neurose cultural"  levanos moitas veces ao extremo de chegar ao "desprezo máximo" debido na meirande parte das veces a que a "visión do real" frustra as nosas "expectativas grandiosas e perfeccionistas" pero no fondo é o máis san que che pode pasar, pinchar ese "globo", esa "burbulla" e quedarte con "case nada", con ese "case nada" pódese facer "algo". Claro está que para isto o obxectivo debe ser recupera-lo valor das cousas, si o obxectivo é "destruir", "vingarse", ao final quedaste nesa "idea fixa" de non rescatar nada por sistema. 

venres, 29 de xuño de 2012

A enerxía.

Os diccionarios, e a Física dí que a enerxía é "a capacidade para realizar un traballo". É unha curiosa formulación física que en realidade non dí case nada. ¿Qué é esa capacidade? ¿Hai enerxía como "algo" diferenciado, definible, describible?.

Algúns divulgadores teñen escrito, "a luz é enerxía pura". "?", ¡qué liviano! a luz é un fenómeno electromagnético, unha onda-corpusculo, "algo" que se transmite, un sumatorio de "fotóns", de partículas subatómicas, cos efectos que teña....pero soamente é unha parte do mundo Onde hai luz hai capacidade para realizar un traballo, si!, unha onda electromagnética é equivalente a enerxía, non! . 

A enerxía haina nos catro fenómenos básicos, electromagnetismo, gravidade, interacción forte e débil, logo ten que ser algo máis alá, algo propio dos catro fenómenos.

Na explicación que dan algúns físicos sobre a teoría de cordas, definen "esta" (unha corda) coma un filamento de enerxía cuasi-infinitamente pequeno. Un filamento de enerxía?, feito de qué? feito dunha "capacidade"?.

Pódese entender qué hai ahí? Véxoo díficil, qué é un cacho dese fío de enerxía?....diranche, non, esa enerxía é indivisíbel, mentalmente vexo un fío, ¡enganome!, non se pode "ver", é unha corda é inferior a un fotón, non se pode interactuar con él, fin!. Pódese definir como unha ecuación matemática, construida cos parámetros macroscópicos pero eses parámetros non nos permiten comprender que hai ahí, qué é en sí memo a enerxía, solo fan referencia a magnitudes físicas cuantificabeis.

Fálase de enerxía potencial, atómica, química, mecánica, solar...en realidade só se sabe que un fenómeno natural permite obter un "traballo", un efecto "ordenado", "interesado", para o "noso proveito", no noso mundo, no mundo accesible a "experimentación humana".

Tremendo lío dialéctico e conceptual...máis no fondo é iso, só sabemos medir fenómenos, que xa é bastante, pero das cousas en sí mesmas sábese pouco.

Cando hai "enerxía", hai "unha situación" no mundo que permite "exprimir" un pouco de traballo "útil" pero incluso a propia definición se pode contradicir.

Dise que unha ordenación evoluciona cara outra orde física, con máis ou igual entropía, e a enerxía total conservase. !qué gracioso!, a enerxía "total", a capacidade de realizar un traballo conservase, pero si a entropía dinos que parte desa enerxía volvese inútil, incapaz de ser aproveitada para un traballo, como se lle chama enerxía tamén a esa "inútil cousa que queda ahí"?.

Enerxía?, eu diría que temos un mundo no que sabemos cuantificar que cambios poden ocorrer, cuantificamos iso, nada máis, un litro de enerxía pura sinxelamente non existe.

xoves, 7 de xuño de 2012

Recuperalo valor das cousas (I)

O meu fillo comeza a andar, a investigar caixóns, a romper cousas, a estudar ruídos, é impresionante velo que fixo o desexo de vivir ao longo de millóns de anos.

Sempre tiven espíritu crítico, coa sociedade, co sistema educativo, co poder, e sempre tiven medo, teño que recoñecelo, de ter un fillo. Un fillo cambia a túa situación, depende de tí, pero non depende só de tí, depende do "outro". É un acto de creación, nunha maioría de casos, "de creación inconsciente"...

Un pode loitar no medio que lle tocou vivir e conseguir unhas circunstancias máis ou menos tolerábeis, pero cando tes un fillo, tes unha debilidade moi grande, unha dependencia da túa actividade laboral máxima, como se dicía na miña época de xuventude, "estas pillado". 

Todo parece indicar que este sistema social vai camiño de usalas "debilidades", o "amor", a "xenerosidade", como "arma" contra un mesmo, coma un medio de presión para sacarche máis "zume", coma se fósemos  limóns, algo propio da "camorra" e do noso pasado...onde hai corazón ao aire pódese "chantaxealas vontades", pódese dobregalo espiritu libre da xente, pódese ameaza-la ledicia de vivir, pódese converte-la auga en viño...

Todo indica que a histórica cloaca cheirenta que gobernou este Estado vai entrar a  deforma-la vida cos seus santos de pau...

Aquel home, era un home, coa súa filosofia basada en non devolver golpes, en evita-lo enfrontamento, buscaba a felicidade aquí, na Terra, a felicidade de estar en calma. Era un home facendo o seu camiño, facéndose a sí mesmo, o único e derradeiro cristián, como dixo un filósofo hai máis de cen anos.  

Morreu como moitos da súa época, nin máis nin menos, non era fillo de ningún deus, non era ninguén importante, era un home que naceu onde vivían seus pais, un home na súa época. Os apóstolos inventarono todo, o victimismo, a liturxia do sofrimento, inventaron o sacrificio desta vida por un "premio" noutra, recuperaron o deus malo con poder absoluto para os "castigos", crearon unha "casta de aristócratas avarentos de poder", implantaron o pecado orixinal, deshumanizaron o seu nacemento, converteron todo o que non fose "ovella" en "malo", inventaron todas esas mentiras, crearon todo ese noxento baño de sangue e torturas, provocaron todo ese sofrimento sicolóxico ao longo de dous mil anos a millóns de homes e mulleres. Preferiron ignorala sútil mensaxe do seu "maestro", preferiron o "espectáculo", o "poder", a humillación, e ahí seguen, agachados trala cruz, coas súas mil maneiras de mentir.

Esa negra cantinela multitonal, ese apoderarse do propio, do si mesmo, cun positivo entusiamo "el amate", cun suave aconsellar "non sexas orgulloso", "é o que hai", "todos creen", "¿qué mal che fai?"...ou cun ameazante "vaite castigar", "vas ir ao inferno".

A foto é do río Tea ao seu paso por Vilanova, a miña aldea de crianza, percorro este rio de cando en vez, faime chegar esa pacencia da natureza, esa beleza agachada en calquera recuncho, ese camiñar sen mentiras.

mércores, 30 de maio de 2012

O novo bipartidismo cordial

O bipartidismo continúa a súa lúa de mel. 

Viva o abuso bancario.
Viva o camiño único.
Viva o despilfarro consentido.
Vivan os autofavores.

Vivan os noivos!

sábado, 26 de maio de 2012

A evolución mal interpretada

Non deixa de ser curiosa a maneira en que se deforma unha idea para que veña a acoplarse aos nosos intereses. Estoulle moi agradecido aos pensadores que plasmaron nos libros as súas ideas con honradez, ainda que non sempre se consegue  deixa-los prexuizos colgados fora da porta da habitación de pensar, tentalo xa merece un respeito. É triste deturpar o mellor que temos para xustifica-las nosas miserias, agachándonos diante da mentira para que nos dén un sitio nalgunha pia.

Hai unha morea de ideas que nos asolaga desque nacemos, hai que defende que o mundo é "soño", que a vida mesma é unha "fantasia", unha "matrix". A miña intuición dime que non, que non é un xogo de PC, que é algo forte, inmenso, real, independiente de nós, aceptala idea contraria pareceme un canto a autodestrucción, a morte, ao desprezo da vida e de tódolos avances "emocionais", "físicos" e "intelectuais" conquistados.

A teoría da evolución foi moi deformada, dinse cousas como "sobrevive o máis forte", "sobreviven os mellores"...son ideas que fundamentaron o feixismo do século XX, e agora fundamenta o feixismo monetario global cara ao que imos no século XXI. É unha ollada torta, pechada nun feito concreto, a carreira entre dúas lebres escapando dunha raposa, sobrevive a máis rápida, é unha realidade que non se pode evitar. Máis entre esa lebre rápida, e atlética, e unha sinxela toupa, cega e lenta, quén gana segundo estes "craneos privilexiados", pois non está claro, veremos dentro duns centos de anos se desapareceron as lebres, e as toupas ainda seguen ao seu. A Historia natural deixa miles de exemplos de éxito dos máis insignificantes, dos menos valiosos segundo a nosa vara de medir.

As baleas son enormes, fortísimas, grandes e atractivas, van camiño de desaparecer, nembargante as cucarachas ahí as temos a moreas, noxentas e rastreiras. 

Non é verdade a premisa dos feixistas, o ser humán está aquí, vivo, porque era feble, porque era o menos adaptado para sobrevivir como cazador en terreo descuberto, porque as súas crias estaban indefensas, e crecían despacio, porque as mulleres preñadas necesitaban protección, porque un home fronte a un León era "risible", "ridículo", porque pasaban moita fame comportándose como raposas, ¿como podía sobrevivir ese mono nú baixo o sol do mediodía?.

A súa febleza foi a súa forza, a creación da comunidade, a solidariedade entre os membros, a socialización, a unión de esforzos para supera-la súa debilidade individual, por iso estamos aquí, porque a nosa debilidade, as nosas faltas, obrigaronnos a pensar, a crear novos camiños, novos métodos de supervivencia.

O feixismo global tende a destruir todo o que sexa "social", todo o que sexa "pacto", todo o que sexa respeito ao outro, todo o que sexa "valor" sen cartos, para impor unha soa lei, "somos raposas ou lebres", e temos que pelexar uns contra os outros, para ver quen é o máis rápido e, quen se leva a "carnaza", quen enche máis a conta corrente para ser "alguén". Estase deformando a visión da realidade, para convertila na base da súa aberración, "fomos os máis fortes deixando atrás ao débil", eu creo que non, "fomos os máis fortes porque conseguimos que todos tiveran algo para loitar polo obxectivo común".

Os febles e os fortes, os vellos e os nenos, os torpes e os habilidosos, os cortos e os listos, os lentos e rápidos, os gordos e os fracos, os bos e os malos, os inadaptados e os integrados ...todos teñen o seu sitio na supervivencia da especie, todos nos recordan que nos une a nosa debilidade, as nosas faltas, a necesidade de tecer unha convivencia, incluso os "perfectos segundo calquera norma", ¿qué serian sen os imperfectos?.

Reconverter todo á posesión monetaria, eliminar todo valor fora desta Lei, esta é a maneira de converternos a todos en lebres ou raposas, a moeda feita para o "valor das mercadurias" convertida en único valor. Retorcese a nosa mente, xogase con ela, xa non hai toupas, nin pombas, nin caracois, nin bolboretas, nin baleas, agora somos todos medidos e medibles polo vil metal, rompeuse a diversidade, vaise cara a uniformidade global de valores, e a uniformidade global é literalmente unha plaga. A realidade di que nin como lebres nin como raposas, estaríamos aquí, faltanos velocidade para unha cousa e dentadura para a outra.

Qué estará pesando máis nesta actitude o espiritu de vida, ou o espiritu de morte?.  

A teoría da evolución en realidade dí que "sobreviven os que están mellor adaptados ao medio". Adaptados ao medio, esta é a clave, extraname o incríbelmente separados que estamos agora deste criterio; temos unha economía non-sostible, e todo apunta a que se vai racha-lo equilibrio social para seguir mantendo as mesmas posicións ideolóxicas.

Nembargantes tamén creo que a nosa posición é natural, en certa maneira contradictoria, no senso de que o desexo de ter cada vez máis recursos e medios é algo instintivo, domina-lo outro, estar por enriba del ou como mínimo coma él. O éxito levounos a unha situación novedosa, o propio medio mostrase como algo "limitado" no espazo e no tempo. Na mente do explorador, do curioso que se pregunta que hai máis alá?, non entrou ata hai ben pouco a hipótese dun mundo finito, dunha "illa" flotando no espazo, e aínda hoxe creo que nos resulta "duro", preferimos o lema "Deus proveerá", "que se faga a vontade de Deus", é dicir, non quero saber nada "diso".

Somos animais xeneticamente curiosos, exploradores, oportunistas, que nos levantamos do chan para acabar dominando o mundo propio, e supoño que a visión dos límites provocanos unha "depresión", unha sensación de "final".

Non existe ningún "pecado orixinal", somos un animal "listo" que triunfou "sen especialización ningunha", desenrolando a intelixencia, a habilidade, a socialización, o coñecemento, o xogo, a experimentación...é impresionante.


martes, 22 de maio de 2012

A curiosa orixe da nosa alma inmaterial.

Durante moito tempo moita xente defendeu que as persoas veñen o mundo "así" tal como son agora. Este "así" referiase ao seu comportamento, as súas cualidades, aos seu intereses, a todo o relacionado con ese individuo, incluso a súa condición ética ou moral...por esta vía esta claro que non se deixaba ningunha liberdade á persoa, todo era xenético, ou divino, e ademáis a estimulación, o trato, a educación, eran cousas insignificantes.

Outra corrente que se foi formando ao longo da historia recente rescataba ao individuo do determinismo xenético, para considerar que todo era orixinado no medio mediante a educación, as relacións, o medio físico, etc...Deixabase todo o peso no proceso vital de crecemento, todos podiamos chegar a calquera sitio. Este camiño parece esaxerado porque é evidente que non todo o mundo ten as mesmas características, capacidades e intereses.

Está claro que o tempo vai levando cada cousa ao seu sítio, os profesionais adicados a infancia, e ao coñecemento humán en xeral van chegando a unha aproximación cada vez meirande á realidade e recoñecen que hai cousas innatas e cousas aprendidas. Chegouse a un coñecemento ao que xa apuntaba Charles Darwin fai máis dun século na súa obra "A expresión das emocións nos animais e no home". 

Entre as cousas innatas, ademáis da parte física, que tamén é mellorable e potenciable ata un certo límite, están as emocións innatas. Eu sorprendinme moito cando o meu fillo de poucos meses comezou a rir a gargalladas mentras eu facía monecadas ou determinados xestos, literalmente "partíase", dínme conta que esa capacidade de "rirse", de "alegrarse", xa estaba nel, non a aprendera de ninguén, era como din algúns sicólogos "unha sinal innata". É dicir que hai unhas "emocións" adquiridas coa nosa evolución ao longo de millóns de anos, que saen cara afora, que se manifestan ante o mundo e ao mundo, hai unha "comunicación", unha "información" que sae do pequeno ser que chega a este mundo.

Os estudiosos do tema sinalan tres emocións innatas de satisfacción ou positivas; o interés, a ledicia e a sorpresa, e seis sinais de axuda ou negativas; angustia, ira, medo, vergoña, asco e repulsión. A existencia de máis sinais de axuda que de satisfacción pódese deber a súa utilidade para a supervivencia ao longo da nosa historia.

Esas sinais, esas reaccións, esa expresividade ante o mundo configura o que chaman "temperamento do neno", logo sumarase a relación cos pais, a educación, a relación coas outras persoas, o entorno cultural que lles tocou, os traumas ou circustancias que o marquen, e as vivencias de todo tipo, para acabar formando unha persoa adulta.

A clave do asunto é que as emocións primarias están grabadas nos nosos xéns, nunha molécula por moi complexa que sexa esta.

Non deixan de non ser curiosas as raíces da nosa alma ¿inmaterial, eterna, íntegra?.

xoves, 3 de maio de 2012

Cousas que escoito e leo

Escoitei e lín que se vai facer pagar a unha persoa con recursos limitados a súa enfermidade, e que os señores políticos non se van baixar un euro o soldo, nin van eliminar institucións cheas de pó e "descontrol" como as deputacións provinciais.

Escoitei hai anos falar de que Europa non podía mante-lo estado do benestar, que había que eliminalo.

Tamén escoitei que había que facer unha Europa de dúas velocidades, unha rica no norte, e unha pobre no sur que servira de man de obra e talento barato.

Escoitei e lín nalgúns xornais que xente por roubar unha galiña foi ao cárcere, que outros ladróns multimillonarios van ser perdoados por mete-la man na ucha, e que van pagar menos que os que facemo-la declaración da renda de boa fé.

Escoitei e lín que un Rei leva matando elefantes e rinocerontes toda a vida, pero que iso pertence á súa vida privada, e que hai que seguir mantendo o seu dereito de pernada.

Escoitei dun ministro que meter 45 alumnos nunha aula fomenta a socialización e a calidade na ensinanza.

Escoitei que un 4% da poboación ten un 70% da riqueza.

Escoitei que temos soberanía, pero que hai que facer reformas para contentar aos "mercados".

Escoitei dun ministro que había que substituila economía do ladrillo pola economía do coñecemento, e doutro que se ían subilas taxas universitarias case ao dobre, que se ía reduci-la inversión en investigación, i eliminalos incentivos as enerxías renovábeis.

Escoitei doutro ministro que se facilita o despido en periodo de crise polo ben dos parados.

luns, 16 de abril de 2012

A canoa.

Volveme vir a cabeza o chiste de sempre...

Ía polo rio abaixo unha canoa con dous remeiros, un xerente, un director xeral, un ministro, o presidente e o Rei.

A canoa non acababa de ir ben e non lles quedou outra que tomar medidas.

Despois de duras deliberacións chegaron a un acordo, botaron un remeiro fora por baixo rendemento e o Rei satisfeito foise de Safari a matar elefantes. 

A curto prazo as medidas non deron moi bó resultado, a canoa baixou a velocidade a metade, e ainda por enriba o Rei rompeu unha cadeira.

Agora están todos revisando o rendemento do remeiro que queda... 


venres, 30 de marzo de 2012

A victoria dos mercaderes

A economía debería permitir a toda persoa por unha banda obtelo necesario para vivir dignamente, e pola outra a súa autorrealización persoal, nembargantes a forza bruta da natureza ameaza con imporse (se callar, como me suxeriu alguén, estamos nunha etapa semellante ao canibalismo, pero dun modo inconsciente aplicado na economía).

Coido que perdemolo control do noso invento, si é que o tivemos algunha vez. Os conceptos económicos invaden tódolos ámbitos da vida coma un virus. Todo se converte nun "mercado", incluso o obxecto artístico poderíase definir como "calquera obxecto que se pode vender por unha cantidade astronómica de diñeiro".

Así, para falar de persoas soese usar térmos como "consumidores" ou "recursos". Segundo esta biblia todos somos "recursos" para ser utilizados cando conveña, ou "consumidores" para darlle saída ao producido. Incluso hai quén ve ao outro como recursos de "usar e tirar". Podería incluso ir máis alá, o que non o ve así non ascende na estrutura económica das élites que manexan o fluxo de capital. Esas élites de tecnócratas económicos acumulan cada vez máis cartos nas súas contas, sacando o diñeiro da circulación, afixiando a economía real, e provocando a súa esqueletización.

Neste tempo no que se necesitan novas empresas, creación de riqueza e traballo en ámbitos que non sexan os do ladrillo, dánse pasos adiante na represión da persoa, en limitala súa capacidade creativa, en resumo, levámolo camiño de repetilas situacións históricas miserentas de onde vimos.

luns, 26 de marzo de 2012

As eleccións andaluzas


Unha crise brutal provocada por un sistema sen control por arriba.

Unha corrupción herdada de 30 anos de goberno coa que non paran de encherse contedores de lixo.

Unha xuiza que intervén en campaña pondo tódolos trapos a airear.

Un 30% de paro.

Un partido dividido, con demisións de cargos importantes en plena campaña.

Un secretario xeral que como dí Beiras parece "o señor da triste figura" contrario ao candidato.

Un PP gobernando en case tódalas comunidades e no goberno central.

...e uns pepeiros nos seus cabalos brancos, co pelo lavado e perfeitamente acondicionado ao vento das enquisas, cara a victoria final, coa champaña e os letreiriños de agradecemento preparados no balcón.

Será para outro día.

A xente votou cambio, pero cambio para a esquerda, xunto con máis control de todo o que sexa diñeiro público.

Parece que a xente de Andalucía tenlle máis medo a prepotencia feixista, que a miseria económica.

¿Qué faria a Dereita nacinalcatólica para deixar unha pegada tan fonda na alma dos andaluces?

mércores, 14 de marzo de 2012

Unha herdanza envelenada

Cambia-lo mundo é imposible, máis non influír nel é igual de imposible.

Si decides "pasar", deixarte ir, acomodarte, non discutilo que di o político de turno, ou os teus veciños, ou a túa propia familia, xa estas tomando parte, estás escollendo a continuidade do que hai sen máis, sen ningunha enruga.

A Física acaba de descubrir algo incríbel, o mundo físico existe grazas a unha enruga, a unha irregularidade, grazas a unha asimetría primordial.

O Universo sería absolutamente frío, distante, escuro, i estático, sen devenir, sen vida, sen auga corrente, nin facturas, se toda a materia-enerxía estivera perfectamente equidistante unha da outra na súa orixe.

A diversidade e a imperfección non só son importantes, senón que son a orixe do cosmos tal como o coñecemos, i eu diría máis, creo que é o osíxeno do espírito humano.

¿Por qué poño entón esta foto tan negativa neste artigo?, pois ben, a enerxía nuclear por fisión ten un problema moi importante, pertence ao mundo, os reactores fanse vellos, fai falla mantemento e un día acabarán morrendo.

Como lle digo sempre á miña parella, a puta entropía amólanos o sábado pola mañá, todo tende ao desorde, o puñeteiro pó ten que voltar ao chán unha semana trala outra. Pois isto tamén lle ocorre as marabillosas centrais nucleares, un día serán vellas, un día no futuro unha sociedade coma a nosa, onde se hai sorte estarán os nosos fillos terán que gastar millóns e millóns de euros en desmantelar e coidar de que non ocorra un accidente fatal. 

Veleiquí o título do artigo, ogallá que non lle deixemos aos nosos fillos un regalo envelenado, enerxía barata que un día nos pasará a súa cara factura, prolongala súa vida para facela rendíbel, agachar fallos, soterrar informes...negala realidade. 

As cousas novas son moi "bonitas", relocen, todo está brillante, cheo de cor...máis sería un gran erro pensar que o futuro nos vai deparar "recursos" inxentes que farán que a riqueza desborde por tódolos lados, haberá que apretarse os machos, como dín nalgún sitio, e esta tecnoloxía vai ser moi dificil de tratar sen inxentes cantidades de recursos. Ademáis eu creo que debaixo da alfombra comeza a non entrar máis lixo.

A foto de arriba é unha cidade abandonada preto da central de Chernóbil, o albúm de familia ampliase con Fukushima, os nosos veciños franceses están empeñados en entrar nesa familia tamén, e agora vaise crear unha corrente "popular" para darlle un pulo a colección peninsular. Non pasará moito tempo antes de que comecemos a ver "expertos" nos medios aconsellando esta opción.

Xapón ten unha morea de centrais xa vellas, que ten que desmantelar, e reciclar. Non vaiamos por aí, ou terémonos que facer expertos en superar "desgrazas evitábeis" como eles, e recibir premios por ser traballadores, resignados e ben mandados. Porque xa se sabe que aínda que soterrémolos informes negativos baixo dos mares, e metámola cabeza no buraco coma a avestruz, o perigo non desaparece.



martes, 13 de marzo de 2012

O coche

No mundo antes de ser o que é hoxe en día, con casas, cidades, edificios, carreteras, paises, parlamentos, especies en perigo de extinción, planetas, galaxias...non era nada. E cando digo "nada" refírome a que alomenos só era algo inferior ao volume dun átomo onde se concentraba toda a materia-enerxía que visualizamos no cosmos, e aínda hai físicos que van máis alá, máis atrás, pero pra qué?, hoxe só vou escribir unhas liñas sobre algo trivial, máis que non o parece.

Sabemos que todo o que existe no noso mundo ten algo de surrealista, tódolos nosos inventos, incluso nos mesmos temos algo "surrealista". Partes do noso cerebro son exactamente iguais ao cerebro que tiñamos hai un millón de anos, e parte do noso corpo son adaptacións realizadas pola "necesidade", ou pola "imaxinación" para sobrevivir.

Pero indo aos cacharros que inventamos nestes derradeiros 200 anos, o motor de combustión foi un "invento" que nos empuxou cara adiante na dispoñibilidade de máis tempo libre, máis liberdade de movemento e máis recursos para todos. Máis se nos subíramos a un globo i examinaramos dende o ceo o que está a provocar chegariamos á conclusión de que orixinou un gran "progreso" máis tamén unha aceleración na modificación e destrución dos recursos e do medio, convertindo a vida humana nun proceso biolóxico non-sustentábel. 

E isto é terríbel, porque "non-sustentábel" significa o seguinte: "si temos un canastro de grán para pasalo inverno e gastamos unha dose superior ao que podemos consumir nun día, e por enriba creamos un sistema onde o "señorito da casa" cómese él soíño 5 doses ao día, chegará un día no que todos pasaremos fame".  

Logo hai outro aspecto non menos curioso, que salienta como nos facemos os "despistados" cando algo é moi importante para nós aínda que sexa mortal de necesidade. Refírese ao contraste entre a lei contra o tabaco nos establecementos públicos, (sen dúbida agora que teño un fillo, un gran acerto, xa que hai familias enteiras nas cafeterías) coa vida na rúa. Esta lei evitanos tragar o fume tóxico dun pito, o cal está moi ben, pero levantámonos, saímos á rúa á pasear, e moreas de coches lanzan o seu veleno "canceríxeno" aos nosos pulmóns. E seguimos andando cos nosos fillos collidos da mán como se non fose nada. ¿non vos resulta curioso?

Por outra banda está a aberración enerxética que significa mover unha persoa de 80 kg, cun aparello que pesa 1500 kg como mínimo. Economicamente parece evidente que é bó, véndense coches, faise ferro, queimase moito combustible que precisou millóns de anos para facerse, construénse miles de km de carreteras que trocean o medio ambiente en cachos,  máis quereme parecer que estamos indo no mal camiño.

Arriba poño unhas fotos que baixei da Rede onde se pode ver do que son capaces os nosos inventos, creo que algún día verémolo como algo "incríbel" como cando se tiraban as "augas residuais" pola fiestra á rúa, ou se queimaban persoas acusadas de herexía na fogueira, ou os Tribunais Eclesiásticos ordeaban torturar unha persoa para sacarlle-la confesión que desexaban.

mércores, 7 de marzo de 2012

Unha aborrecida pedra.

A materia que consideramos como algo sólido, visible, certeiro, en definitiva algo no que podemos confiar, algo evidente, obvio, non é algo tan aborrecido e previsible como se pensaba.

En primeiro lugar, intuitivamente diriamos que a materia é coma un queixo, continuo que se pode cortar por calqueira punto e temos dous anacos, pois non, sorprendentemente os espazos onde hai "algunha propiedade detectabel" son ínfimos, tan pequerrechos que máis dun 99% é espazo baleiro, en resume, o mundo é discreto, feito en pequenas "partículas" separadas incribelmente unha das outras.

Tamén acostumamos a pensar que cando tocamos algo xuntamos a nosa man con ese obxecto, pois non, o que sentimos como tacto, é a forza repulsiva que os electróns do outro obxecto exercen sobre os electróns da nosa man, precisamente para non tocarse.

Tamén pesamos que a luz e as cores son "algo" propio do mundo, pois tampouco, a materia emite luz, millóns de fotóns, pequenos paquetes discretos de enerxía, que inciden nos nosos receptores visuais, pero non son cores, nós convertimola en cor, en realidade só é radiación electromagnética. A nosa mente constrúe esa beleza de cores que vemos no mundo, é algo propio, nós coloreamo-lo mundo, de feito desprezamo-la inmensa maioría da radiación electromagnética que se emite, só nos quedamos cunha pequena parte.

En definitiva, a pedra que vemos diante nosa, en si mesmo, non sabemos que é. Ainda máis, a física descobriu que as partículas de materia se poden converter en radiación electromagnética, e a radiación en partículas de materia, é dicir, intúese que no fondo hai a mesma substancia debaixo da luz e da pedra.

martes, 6 de marzo de 2012

O tecido do cosmos (Brian Greenne)

Recomendo este libro a quen lle guste a divulgación da teoria Física:

- (orixinal) The Fabric of the Cosmos: Space, Time, and the Texture of Reality, (Brian R. Greene)

- (en castelán) El Tejido del Cosmos: espacio, tiempo y la textura de la realidad (Brian R. Greene)

O autor é un dos máximos exponentes da Teoría de Cordas, agora Teoría M, actualmente en pleno desenrolo. Esta teoría é unha das maiores candidatas á Unificación de toda a Teoría Física.

A min persoalmente a teoría M gústame como comeza, cárgase o concepto prefixado de que unha partícula elemental comportase coma si fose case-puntual, e defínea como "unha corda de enerxía vibrante". Sexa o que sexa esa corda, tódalas partículas explicanse pola lonxitude, tensión e vibración dunha corda básica. Ata aquí todo xenial, pero para que a teoría funcione necesita "dimensións extras", é dicir, graos de liberdade extra que deixen as cordas vibrar noutras dimensións non perceptibeis por nós.

Para explicar isto das dimensións extra (7 nada menos), tratan de explicar que estas dimensións estarian enrolladas sobre sí mesmas por debaixo da escala da lonxitude de Planck, é dicir, nunhas magnitudes, en principio, non verificables (aquí é donde os críticos a ven como unha teoría non falsable, e polo tanto dín,  non pode ser considerada ciencia).

De momento creo que por moito que o intentan non conseguen explicar conceptualmente o que desenrolan na formulación matematica de maneira que o entendamos tódolos mortais.

Pero indo ao gran, o libro está moi ben redactado, con analoxias, e unha narración moi agradábel de ler. Explica de maneira xenial a Física Clásica, a Mecánica Cuántica, a Teoría da Relatividade, a Teoría Inflacionaria, etc...

Tamén repasa a Teoría M de maneira bastante suave, para non saturar ao lector, e acaba facendo especulacións fora da teoría sobre os horizontes aos que nos pode leva-la teoría física actual.

Un divulgador sen dúbida algunha "elegante".

luns, 5 de marzo de 2012

Baixo palio

Hai a quen lle custa renegar do franquismo, cústalle recoñecelas vítimas da ditadura nacional-católica, os crimes cometidos contra a "humanidade" e refírome á humanidade como ese sentimento de amor polos outros seres humáns, amor de verdade, de ese amor que regala unha maneira de estar no mundo máis xusta e digna, profesores, intelectuais, obreiros con orgullo do seu traballo...xente que desexaba sacar a todo ser humán da situación de "escravitude de feito", porque cando non hai un equilibrio entre dereitos e deberes, cando non se respeita o que aporta unha persoa e só importa o interés inmediato do capitalista-inversor, acabamos sendo escravos, e dando o mellor de nós como lavadura para os porcos.

No canto de promocionar novos camiños, no canto de axudar a construir unha pata que falla no Estado Español, unha pata que substitúa ao "ladrillo", ven de destruir plans eólicos, quitar axudas ao coche eléctrico, quitar primas a enerxías renovábeis..., é dicir, no seu módelo de desenrolo a clave é converter ao traballador en "escravo de feito", implantar empresas de produción do "alleo" con man de obra barata, non crear nada propio, e fomentar o amor ao "fútbol-escaparate-do-euro", realimentalo ladrillo, sumarlle á fenda económica entre ricos e pobres, unha fenda educativa e sanitaria...

A Esquerda estatal casouse coa globalización económica agora quedou sen argumentos, e sen ferramentas. Cando non rexeita-lo abuso na casa do veciño (porque che vai ben para os teus intereses) acaba chegando o seu sistema á túa casa.

Moita xente leva dentro o xen do escravo, agacharanse sen noxo, polo futuro, por un futuro sen dignidade e sen xustiza.

A miseria, e a desigualdade é o mar que a Igrexa Católica ansía para nadar as súas anchas, coas súas cruces e os seus santos de madeira, as súas xoias e a súa mensaxe deturpada pola ansia de poder ¿Acabará indo "El señor de los Hilillos" baixo palio?.

xoves, 1 de marzo de 2012

A liberdade e o principio de indeterminación de Heisenberg.

Si non existira a liberdade o cerebro non sería necesario, ou polo menos gran parte del. Si somos o único mono que ten o control débese a capacidade de tomar decisións, e iso cambiou a historia dun simple mono subido na súa cómoda árbore.

O determinismo desexa conxelala vida nunha estructura morta que se poida percorrer de adiante cara atrás e de atrás cara adiante. O espazo tetradimensional con todo o que ocorre nel quedaría perfectamente despregado coma un mantel nunha verde fraga. Un xigante como Einstein, enamorado da súa ensoñación e creo que no fondo dos seus prexuizos "relixiosos" pasouse décadas da súa vida negando as evidencias que mostraban a mecánica cuántica e tratando de salvar un universo perfectamente ordeado. A Newton sucedeulle algo parecido e quedouse convencido de que xa o sabía todo e que só lle quedaba atopalo seu "creador" nas follas do Seu Divino Diario.

A mecánica cuántica nace dunha e desenrolase a partires dunha limitación extraordinaria, "a imposibilidade de determinala posición e a velocidade nun momento determinado na historia dunha partícula subatómica", é a evidencia máis palpabel do infinitamente enraizada que está a indeterminación na natureza. 

Segundo tódalas evidencias científicas atopadas ata o momento e baseándose no que se coñece como "cosmos observabel", é posibel que todo xurdira da nada. 

É posible tamén que ao final a orde "material" do universo chegue ao desgarramento e a aniquilación de toda estructura, é dicir, un viaxe ata outra nada.

E no medio, ¿qué hai?, pois "vida" que non é pouco, unha minúscula, case insignificante, cantidade de materia con certa autonomía, que se retro-alimenta, que morrerá, que sigue o seu curso mentras exista enerxía para alimentar ese impulso.

E no medio de esa materia viva, nos, que fomos conquistado a posibilidade de vivir de forma "consciente" a nosa existencia, e ¿cómo?, tomando "decisións". Por iso creo que a "libertade" está implícita no "consciente", pero non aparece en estado "inconsciente".

Poderíamonos aferrar a un determinismo oculto á nosa sabedoría, dicindo que un electrón é demasiado pequeno para ser "visto", que en realidade pode ter traxectorias determinadas pero nos non podemos "coñecelas". Ben, si existe unha limitación do noso coñecemento, estamos igualmente en mans da consciencia e da libertade, xa que temos que vivir co que sabemos, aproximándonos o máis posibel á realidade para tomar decisións que nos den a posibilidade de seguir disfrutando de estar vivos. Sexa real unha cousa ou a outra, o certo é que o coñecemento da realidade última non está nas nosas mans e polo tanto debemos aplicalo principio de indeterminación.

Toda ideoloxía i educación que peche a fiestra ás preguntas, levaranos á perda da "consciencia", e finalmente á perda da "libertade" e a volta á cova das sombras e as cadeas.

venres, 24 de febreiro de 2012

A acumulación de poder

Somos unha especie de monos sen pelo con "curiosidade", descubridores, investigadores, colonizadores...ese rasgo parece espallarse en tódolos ámbitos da nosa actividade. Tamén temos unha certa tendencia á unificación, á eliminación de todo rasgo diverxente, un rasgo que nos acaba angustiando, algo debe haber ahí que non acaba de encaixar.

É posible que na evolución histórica que levamos, na implementación de tódolos recursos e coñecementos que conseguimos vaiamos nunha dirección dictada por algún instinto do que non somos conscientes e que puido ser moi útil en etapas iniciais da supervivencia pero que agora nos pode levar ao desastre.

Digo que é posible, porque a min gustame viaxar, e seguro que a unha persona vietnamita tamén, e si todos viaxamos en avión imos ir cara o desastre ecolóxico de maneira irremediable, pero non é esa a anotación que quería facer aquí senon que quería visualizar como a acumulación de coñecemento no ámbito xenético, sicolóxico, educativo, médico, económico, técnico, etc, por unha banda, e pola outra a concentración de poder que produce a unificación politico-económica nunhas poucas máns que controlan os fios do capital, pode levar a un sistema "feixista" cuasi-perfecto, onde se chegue a controlar ata a derradeira emoción do máis alonxado dos seres humáns, é dicir, a morte da liberdade efectiva, a morte da liberdade individual.

Si se van unificando as características da vida que pode experimentar toda persoa, o resultado final será escravizarse ou morrer, e posiblemente a segunda opción tamén será reprimida polos multiples medios que terá ao seu carón ese poder reconcentrado contra o que non haberá forma de loitar.

venres, 17 de febreiro de 2012

O Pesadelo

Hoxe non puiden durmir, tiven un pesadelo inquedante,  recuperabase a "Guillotina" en aplicación do novo Real Decreto-Lei para unha máis perfecta alienación emocional.

Así sen máis ían pasando unha detrás doutra, nun devalar ininterrompido, miles e miles de submisas persoas.

Baixaban a escaleira da Gillotina sen cabeza, pero nembargantes tódalas súas funcións motoras seguian intactas, o mundo seguía funcionando, ¿para qué ou para quén?.

Para nada e para ninguén, era mellor así, total si o destino xa estaba escrito ¿para qué as cabezas? qué sofrimento máis inútil, cunha mecanización dos movementos axeitada "todo seguiría igual" e reduciríase a cero a conflictividade social. 


mércores, 1 de febreiro de 2012

o modelo creacionista

O modelo creacionista parece simplificalas cousas para moita xente "Deus creou o mundo e punto". Esa simplificación Bíblica deixanos ante outra aínda peor ¿quén é El?. A vontade inexcrutable dese creador do mundo ten un baleiro nun punto central, "o mundo non é perfecto". Ante nenos que nacen con enfermidades incurábeis, ante a morte, ante a inxustiza, ante a dor, acaban decindo "son designios inexcrutábeis" ou aínda cousas peores.

Os creacionistas necesitan porlle rostro ao seu creador, e buscar causas, e xustiza, como todo ser humano. E acaban respondendo coa "culpa". A "culpa" de outros provoca o mal do "nacido", logo están recoñecendo que non somos "libres", xa vimos ao mundo con dor para pagalo "mal" de outros, é unha visión sádica i exclavista.

Ante a inxustiza ou a violencia, din que os homes somos "malos", pero quen é logo o responsable do "mal", ¿non é o creador?. Acaban aceptando o martirio na Terra como necesario para conseguila salvación eterna que nos ofrece o creador. O creacionistas acharon o destino de todo ser humano, "demostrala nosa bondade diante do castigador universal".

Con algúns toques de efecto por aquí e por alá, conséguen un modelo sado-masoquista cuasi-perfecto, castrando a liberdade e a alegría de construir unha vida, un camiño, individual ou colectivo. Logo ¿para qué usar este modelo? ¿por qué non vernos como somos?¿Non conseguiremos máis unión véndonos todos como "humanos" e non como os nenos privilexiados de Alguén?.

Do que somos sai todo, a necesidade de construir pontes, de chegar a acordos, de crear algo parecido á xusticia, de solidaridade co golpes do azar............todo o que hai sae do noso ser e do que nos falta.

Da falla dun destino escrito, sae o "desexo" de construir un...si lle damos escrito todo o que ten que facer unha persoa ao longo da súa vida, non é que a estemos matando, se non que estamos impedindo que apareza outra persoa no mundo.

Crer unha "verdade absoluta" escrita nun libro dos nosos tatarabós, sirve para facer "grupo humano diferenciado", para soñar coa "victoria" diante dos "infieis", para soñar co aplauso do noso "señor", pero castra a pequena e o mesmo tempo grande liberdade que temos, construi-lo propio destino.