Amosando publicacións coa etiqueta vivencias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta vivencias. Amosar todas as publicacións

martes, 19 de febreiro de 2013

Gràndola, vila morena (esa emoción)


A semana pasada vín aos irmáns portugueses cantando a "Gràndola" no Parlamento Portugués, facendo calar coas súas voces o discurso do presidente e tiven que contelas bágoas. Foi a canción que quedou coma símbolo da Revolución dos caraveis e que permitiu a instauración da Democracia en Portugal.

Ogalla que a xente acabe entrando con carabeis nos Parlamentos e nos Bancos; aínda que non nos queiramos enteirar só depende de nós construir unha sociedade máis xusta.

¡Que os que teñan éxito desfruten do que consigan honradamente! pero non se pode "tolerar" que só haxa sitio para o 74% da poboación, e unha gran parte desta poboación activa vaia cara unhas condicións de case-excravitude pola única razón de seguir mantendo os mesmos "beneficios financieiros" para as persoas que se adiquen á sobrevalorada laboura da  "especulación".

Non podo negar que case choro ao velos, é unha mágoa díficil de levar saber que eses sentimentos tan fermosos, tan éticos, son logo transformados e destruidos no exercicio do poder. Acaso na historia de Xesús de Nazaré se fala de matar, torturar e discriminar? eu teño a impresión que non, pero a historia da Inquisición e da Igrexa Católica aí está, coma un monumento en pedra á fraxilidade da nosa psique.

Grândola, vila morena
Terra da fraternidade
O povo é quem mais ordena
Dentro de ti, ó cidade
Dentro de ti, ó cidade
O povo é quem mais ordena
Terra da fraternidade
Grândola, vila morena
Em cada esquina um amigo
Em cada rosto igualdade
Grândola, vila morena
Terra da fraternidade
Terra da fraternidade
Grândola, vila morena
Em cada rosto igualdade
O povo é quem mais ordena
À sombra duma azinheira
Que já não sabia a idade
Jurei ter por companheira
Grândola a tua vontade
Grândola a tua vontade
Jurei ter por companheira
À sombra duma azinheira
Que já não sabia a idade


xoves, 19 de xaneiro de 2012

Arte e viño.

A miudo non entendo que é isto chamado arte hoxe en día, "unha merda de can nun penico", "unha navalla xigante", "pelos do cú cravados nunha laranxa", "unha tela negra colgada dun platano cunha pantalla onde se expón un video porno"...podería seguir, seguro que si tivera o padriño axeitado podería ter unha gran carreira no arte moderno.

A miúdo dubido, si todo é arte, e o arte e a merda case non se distinguen hoxe en día, e recordando a Aristóteles, (o grego, non a Onasis, polo tema da lóxica), entón todo o arte é unha merda no medio do camiño da Historia, pois creo que non, creo hai vida máis alá do puñeteiro mercadeo.

Eu son un pouco reticente a estructurar certas cousas. Por exemplo, gustame o viño, probar viños, non acabar bébedo tódolos días cos cartóns de supermercado,  senon acabar bébedo de vez en cando con viños un pouco máis sustanciosos. Pois ben, non merco libros, nin vou a cursos para "educalo" meu gusto, eu béboo e si me gusta, repito máis veces e si non me gusta, agardo a que me esqueza da marca e volvoo probar outro día. Neste terreo vaime ben non me saturo nin me extreso.

"Muller e neno" de Gustav Klimt
Pois co Arte decidín facer algo similar, non me aprendo clasificacións, nin me rompo á cabeza moito, trato de miralo cadro, ou a obra, e ver si me gusta, e atopo cousas que me parecen "valiosas", non me preocupa definilo pero gústame recoñecer "o regalo" que fixeron os seus autores.

O Arte, creo que hai que contemplalo, e non hai que darlle moitas voltas, non hai que manosealo moito, creo que lle pasa un pouco como ao electrón si o queres pór nun sitio "determinado" non podes pretender saber si veu a velocidade da luz ou en taxi.

"O obxecto artístico" é algo tan subxectivo que depende de cada un consideralo como "arte", tanto pola parte do autor como pola parte do observador.

A definición de "Arte" dada pola R.A.G. é "Actividade humana que ten como fin a creación de obras estéticas". Esta claro que pola definición cabe todo, incluso sobre a "realidade" non hai dúas visións iguais, canto máis do que pode considerarse "estético". A Wikipedia  inclúe outra finalidade "a comunicativa", co cal a definición volvese aínda máis e máis ampla.

Encantame contemplalas obras de Klimt, ou de Modigliani, e resultame dificil mesturalas conceptualmente coa "merda nun penico", non creo que haxa que leva-la democracia ata eses extremos.


A dezanove de xaneiro

Hoxe debería mercar unhas veliñas, acendelas, e comer unha tarta coa familia para celebrar que xa dín 41 voltas ao sol, e 14.965 revolucións sobre o eixo da Terra.

Teño unha certa vena tráxica, podería mercar a árbore da que me colgarei antes de que veña a visitarme a degradación mental, antes de comezar a babear e algunha residencia relixiosa se faga comigo para levarme á beira do ceo. 

Don Manuel Fraga subíu onte alá arriba,  á destra do noso Señor coas máns tan limpas coma as do seu inmaculado Caudillo. Hai que recoñecer que tiña boa memoria, de vello acordouselle o galego, ao mellor ainda lle acaba pasando ao "Señor de los Hililllos", máis non creo este é parvo rematado.

El Señor do Hilillos gañou as eleccións i é presidente, e por fín pode aplicalo seu profundo coñecemento do ser humán:  "todos somos diferentes, a riqueza acumulada é proporcional ao talento de cada un, logo onde está o capilal está o mellor da humanidade, o resto son perroflautas e recursos para mantelo nivel de vida dos que somos máish mellores, eehhh!".

O santo goberno coas súas enraizadas conviccións da "cruzada católica-social" xa comezou a mover un pouco a cousa, e van dicíndonos aquilo de "tranquilos, só vai ser a puntiña e non doi".

Desgrazadamente eu "só sei que non sei case nada", i ese "case" é moi importante porque regateo a paradoxa (si sabes que non sabes nada xa sabes algo). Pero hai quen o sabe "todo", hai quen coñece o pensamento e os desexos de Deus, i están autorizados a crucificar na Terra aos seus semellantes...si se colle distancia dabondo enxergarase a barbarie da súa montaxe.

Onte o Barça deume outra alegría, volvéndolle ganar ao R.Madrid  na súa casa, creo que este equipo ten que gastar aínda máis pasta en fichaxes, de momento custalle moito subir do medio campo.

Posiblemente a vida non sexa máis que "vida", i posiblemente iso sexa moito si se mira ben.

Onte estaba soñando que flotaba no espazo baleiro, sen tráfico, sen facturas, sen planetas, sen estrelas, sen nostalxicos do franquismo, sen reloxo, sen mecánica cuántica (que non hai quen a entenda), sen aire frío, sen "son", porque si non hai aire non hai son (curioso non?), sen luz porque sen estrelas o mundo sería escuro (vaia!), .....e comecei a pensar ......que agradable sería tomarme unha cervexiña nunha terraza, co calorciño do vrán, a sombra, que moito sol tampouco é bó, con boa compañía para sorrir ou para soñar coa noite....qué bonito sería!


martes, 27 de decembro de 2011

Rir a gargalladas.

O meu fillo xa pasou dos cinco meses, xa ten bastante habilidade coas máns e desde hai xa dous meses sorrí a miúdo. Todo o vai aprendendo a partires dunha mente cada vez máis estimulada e desenrolada. O que me sorprende e me produce máis ledicia son os momentos nos que rí as gargalladas, cun son inocente e magnético, ante cousas que lle sorprenden ou lle resultan graciosas. Ante isto que se pode dicir, a vida crea os seus propios valores, as súas propias retribucións.

Outro aspecto sorprendente de rir as gargalladas con esa inocencia, e ledicia é que isto xa ven de fábrica, xa está no ser que nace, tanto no meu fillo como en tódolos que naceron desde hai moitos miles de anos. Esa inocencia que ven nos nosos xéns, esa capacidade de sorprendernos, de descubrir cousas que nos fan "gracia", a simpatía, a empatía, esas cousas que non poden ser trocadas por un monótono devalar de ideas racionais, ou por un sistema de presión construido sobre o illamento social dos que ven por sí mesmos. É triste o que se fixo con esta sustancia do noso ser ao longo da nosa historia, como se preferiu a dor e a guerra, sobre a simpatía e a convivencia.

Esa inocencia innata que todos traemos está máis preto da verdade que toda a enmerdada pantomima que lles agarda, por iso creo que hai que educar propondo hipóteses pero non impondo verdades a medias. Si de esa inocencia orixinal chega algo á madurez o mundo irá mellor.

Hai que deixar a ventana da mente aberta, fainos falla o aire fresco das mañáns de cando en vez.

venres, 23 de setembro de 2011

Un anaco de futbol

Xoguei a futbol durante moitos anos, e aínda xogo agora. É un xogo sorprendente que se parece moito á propia vida e quizais por iso ten tanto éxito.

O normal é que un xogo de pelota se fixera predominantemente coas mans coas que temos máis habilidade, pero a uns ingleses ocurriuselle facelo exclusivamente cos pés, unha idea que parecía nun principio surrealista, provocando unha separación do  roogby moi exitosa.

Os elementos para que se dé un partido son dous equipos, un campo, unha pelota, unhas regras, e si se vai moi en serio un arbitro.

"O Campo", considerase calquera sitio onde se vaia xogar, nunha leira, na carretera agardando polo bús escolar, nunha terraza, no corredor do teu piso, nun descampado do barrio ou mesmo nun campo de futbol.

"O Equipo", póde estar constituido polo número de xogadores que se queira, o número oficial son 11, pero pódese facer desde un xogador, dous, ou polo número total de asistentes dividido a metade.

"A pelota", sirve calquera cousa que non provoque dano nos pés e que sexa máis ou menos esférica, o normal é un balón de coiro.

"As regras", están as básicas, non tocalo balón coa mán e non dar patadas ao rival, as demáis son variables. Como na vida hai quen se pasa do límite e soe ser castigado, pero tamén como na vida ese límite é flexible e depende dos criterios do arbitro se o hai, do grande e parvo que sexa o infractor, e das ganas de seguir xogando.

Personalmente endexamáis o pasei mellor que xogando ao fútbol anarkiko da miña infancia, o tempo non se medía, o xogo duraba ata que te cansabas, a estratexia non existía, o balón era na maioría das veces unha pelota de plástico medio pinchada, unha liña de banda era o desnivel coa levada e a outra as silvas do monte, como porteria dúas pedras, como criterio de falta o ruido da patada, ou a queixa sinceira, o campo era asimétrico, e aínda tocándoche o campo grande, a veces ganabas.

venres, 19 de agosto de 2011

Xente pasando.

O día que naceu o meu fillo saín a comer algo, a pesares de haberme pasado case 24 horas na planta da "vida" do Hospital, ao sair dela vese moita xente que pasa mirando con tristura pero resistindo. Sempre me preguntei como cando as cousas van moi mal un pode seguir sempre buscando unha saída. Ao longo da miña vida decateime que a fé e a esperanza son necesarias para vivir. Fé en que vas sacar adiante os teus proxectos, i esperanza en que a ledicia vai a vir a visitarte. Son rasgos do ser de carne e oso, e da terra mollada pola chuvia.

Dame tristura que esa fé i esa esperanza propia do noso ser, sexa usurpada polos fanatismos relixiosos.

Os aloumiños que nos deron de recén nados, ese cariño que nos deron cando chorábamos e ainda non sabiamos nada, agachado, inalcanzable, inconsciente, sempre nos acompaña, reforzando os alicerces do noso ser.

Qué peso ten todo na balanza, cada abrazo, cada experiencia, cada verba, cada xesto, cada emoción, todo é rexistrado, todo pasa ao fondo do sí mesmo.

Agora que teño na miña vida a unha nova persoa moi importante para mín, despídome con tristura e afecto doutra persoa importante que se foi estes días, unha persoa honrada, capaz de chamar a cada cousa polo seu nome, capaz de ver máis alá dos prexuizos ou do estúpido egoismo inmediato, alguén co que pagaba a pena falar.

Si existira a posibilidade dun ceo real feito á súa medida deséxolle que disfrute del para sempre. Co meu afecto e respeto, adeus G.P.M.

venres, 12 de agosto de 2011

Aos corenta.

Hoxe seriame moi fácil dicir que a vida é maravillosa, chea de luz i esperanza, que merece a pena participar. Hoxe podería xeneralizar e esquecerme de todo o que non cadra ben neste lenzo, hoxe podería pechalos ollos e non velas duras pedras do camiño, máis non o vou facer, desfruto ainda máis véndoas tras de mín.

No útero materno supoño que todo debe ser pleno, sen fallas, ata que aparece a primeira dificultade insalvábel, a falla de espazo, e a súa solución , o parto. Isto pasoulle ao meu fillo o 16 de xullo, día no que pasei a ser pai, aínda que eu creo que xa fun asumindo o rol de pai durante o embarazo da súa nai, debido aos controis que nai e fillo teñen que ir pasando, e aos plans que hai que ir facendo.

Agora é un pequerrecho que non chega aos tres kilos, que nun principio parece totalmente indefenso, pero que é capaz de deixarnos esgotados, a pesares de que a súa nai e máis eu aínda temos unha boa condición física.

Xa empezo a dubidar quén é o indefenso. Chora cando lle fai falla alimento, chora cando lle fai falla cariño, chora cando lle fai falla limpeza, chora coa dor, chora cando se aborrece, e cando todo está ben, quédase desfrutando do ambiente, ou durme.

Nós imos durmindo e comendo cando nos deixa.

¡Iso é poder!

xoves, 14 de xullo de 2011

Só ante o perigo

Fai cousa de ano e medio, nun pequeno pobo e nunhas frías navidades, produciuse unha separación matrimonial. Cada un dos membros da parella foi polo seu camiño e non se toparon máis.

No estado caótico no que me atopaba habendo sido parte da historia do parrafo anterior, rescato unha vivencia que ten a súa graza.

Estaba só, máis perdido aos meus 39 anos que un esquimal no deserto, chegaba á casa, cabreado comigo e co mundo, e tiña pensado facerme un bistec á prancha, e isto foi o que pasou e así o anotei como a miña primeira receita de cociñeiro voluntarioso.

"Bisté con ovos fritidos:

Chegas tarde e canso, a túa vida parece unha merda pinchada nun pau, e posiblemente o sexa, dirixeste a cociña para prepara-la comida...qué mala cabeza!, só tes bisté e esqueceuseche sacalo pola mañá do conxelador. Quedas algo fodido, pero unha prancha ben quente pode con todo.

Dirixeste ao conxelador, para a túa sorpresa, ao deixalos xuntos na mesma bolsa quedan pegados coma unha pedra, ¡que  importante é separalos antes!. Debian ser sobre catro unidades perfeitamente unidas, pero amiguiño é o que hai.

Qué complicado é sacarlle-lo papel aluminio nese estado!, pero si hai vontade conséguese. Tal como quedan tiranse na prancha, vaslle dando voltas ata que comezan a desconxelar. O proceso soe ir acompañado coa aparición de moitos gases e condensación no ambiente, pero cunha ventilación axeitada pódese ir aturando.

Aparecerá tamén muita auga na tixola, hai que ila tirando polo fregadeiro, co tempo vanse despegando unhas unidades das outras, respiras satisfeito, a cousa vai ben, xa se poden ir dourando por ambolos dous lados.

É posible que algún papel de aluminio quedara pegado, agora é o momento de irllo quitando.

Se sigue aparecendo auga, hai que seguir botandoa polo fregadeiro.

¡A sal!, esquecíaseme, un pouco de sal por enriba, non vaia ser que por un detalliño che quede a cousa mal.

Si xa se van vendo brandos a cousa vai ben.

Pouco a pouco van collendo a cor axeitada, e xa se poden ir sacando, pero cada un faino segundo o seu gusto.

Agora os ovos. Dous ou tres caben ben na mesma prancha onde fíxechelos bistés. Facendoos todos xuntos aforrase moito tempo, e usando o mesmo aparello aforrase moito traballo de lavado.

Tíranse na prancha, e vanse esparramando por toda a superficie, aferrándose teimudamente aos restos dos bistés. Non pasa nada,  na prancha e debido a falla de aceite é un comportamento totalmente normal.

Rascando con forza consigues que saian, xa van esnaquizados, e aforras moito traballo de corte.

Xuntas todo nun prato, e ata queda artístico."