Amosando publicacións coa etiqueta política. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta política. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de setembro de 2022

O Gran Reinicio?

 Está claro para min que detrás da pandemia de deseño que vivimos estes anos pasados hai un intento de "control totalitario" da poboación a nivel planetario coma nunca foi posible na Historia da humanidade. 

En primeiro lugar xogouse cos conceptos mesmos de "pandemia" e "vacina" cambiando a súa definición para poder meter con calzador os novos produtos de deseño. Cando premios nobel son calados desde o poder, cando se xoga de maneira tan agresiva e coordinada en tódolos ámbitos coa "cenoura e o látigo", cando se chegou a dicir "que o que non se vacina non é cidadán e queda fora da sociedade", realmente quedou patente, claro, nítido a forza que ten o proxecto totalitario que se plantexa a nivel global polas élites occidenttais.

A cuestión básica é que estamos no fío da navalla, a "civilización" levou a especie humana máis que "a estar entre a espada e a parede", a estar entre dúas espadas, por unha banda o que chaman "cambio climático", que en realidade é "unha xigantesca destrución medioambiental planetaria" e a chamada "crise enerxética", é dicir, que non temos tanta enerxía como queremos ou necesitamos para o noso mundo desexado. As dúas espadas son en realidade consecuencia do que está supostamente ameazado, é dicir, a propria "civilización" tal como funciona. Ela mesma é a causante de atoparse diante da súa morte. O curioso é que a propia civilización, calificando como "insostíbel" o que fai, encubre realmente o significado profundo e terrible desa verba, o que non se sostén "morre".

Sobre esta base teórica, que xa se coñecía desde hai décadas pero que ninguén quixo cambiar, as élites pensan, i en qué pensan, pois no primeiro que pensa un individuo, unha élite, unha clase social, unha sociedade, un pais, en distindos graos, ¿cómo podo mantela miña posición?, e unha vez mantida ¿como podo mellorala? ¿cómo podo aumentala dominación? ¿cómo podo sentirme máis seguro?.

As élites teñen medo de perdelo control, e intentan implantalo "control" con medo. ¿Qué pinta un magnate da informática facendo vacinas e meténdose no goberno global?, ¿Por qué tanto interés no carnet dixital cando as supostas vacinas non son garante da inmunización?, ¿por qué vacinar nenos cando o risco de efectos secundarios é superior ao da propria enfermidade?.

Na súa fantasía de poder, realizada en gran medida, pois xa controlan medios de comunicación, partidos políticos, Estados, OMS, revistas médicas como Lancet, etc, quédalles a guinda, a dixitalización total da sociedade, o control dixital de tódolos movementos e de tódalas actividades de cada persoa. O primeiro paso pode ser "o carné vacinal dixital", o primeiro documento global co que censurar e controlar cada movimento físico, para logo ir a un segundo nivel, a dixitalización aumentada (cada compra, cada escolla, cada desexo quedará rexistrado), e finalmente ao nivel final, implantando no propio corpo humano un sistema de transmisión de datos dixital a nivel celular ou cerebral. ¿Qué vantaxes ten?. Para o poder moitas, toda reacción, toda emoción, toda "resistencia ou rebeldía" contra o establecido pódese detectar e anular ou bloquear de maneira inmediata, incluso fisiolóxicamente, facendo unha depuración case xenética (ou sen case) de indiviuos pouco proclives a aceptala escravitude como forma de vida. É a morte da liberdade humana.

Temos que decatarnos de que as condicións de vida en menos de 10 anos van ser moi duras, mantelo control vai requirir de ferramentas realmente agresivas, e as élites ven aquí a súa saída.

¿Onde está o fallo?, a dixitalización esixe unha sociedade de consumo, e sobre todo unha economía industrial a pleno rendimento, con enerxía barata (con alta TRE), minería, transporte, construción de equipos...todo se vé afectado cando non chegan os modernos chips á cadea de montaxe.

Pode que este sexa o punto débil da súa fantasía de dominación, ¿qué vai pasar cando non haxa enerxía suficiente para mantelas moedas dixitais, os nodos de información, ou mesmo os terminais de cada persoa e institución?. ¿Qué vai pasar cando o Estado non sexa quen de mantelo "status" de cada clase economico-social?. ¿Vaise gobernar co terror de maneira permanente?. 

Todo pode ser, pero tamén é certo que dinosaurios máis grandes teñen caído polo seu propio peso.

Tamén se podería engadir que o ser humano sen un mínimo de liberdade morre, pero iso a eles non lles importa, nin o van ter en conta, posto que na súa mente só hai unha preferencia, a seguridade da súa posición. Sabén que a solución a todo isto pasa por unha transformación tal da sociedade, que implicaría que tódalas élites desapareceran para establecer outros paradigmas alonxados do poder, onde xente que non quere o poder tivera máis poder. Tamén se constata ao longo da Historia, que o que non pensa, o que non se adapta, o que non permite a confrontación de ideas, acaba morrendo convertido nun autómata que camiña cara ao seu propio final. Xusto iso, é o que creo que nos está pasando, e si teño tempo plasmareino neste blog algún día destes.




xoves, 25 de outubro de 2012

As eleccións galegas 2012

O PP voltou gañar, perdeu un feixe de votos mais gañou, ¿por qué? as esquerda andivo a paus ao longo de tres anos e meio, pero non entre os dous socios que constituiron o goberno bipartito, senon entre os membros de cada unha das partes. O voto sistémico do rural, a Lei Eleitoral, e a "zorra" estratexia de Feijoo, de desligarse do PP, de Rajoy e dos recortes fixo o resto. Agora os cidadáns están ao pé do cabalo de Atila, no que vai a Merkel, con Rajoy de escudeiro.

O PSOE fixo unha xestora provisional, e agardou ao derradeiro intre para facer un proceso de escolla de candidato (parece de risa); ao final por urxencias nada calculadas quedou o que estaba e suspendeuse tal escolla. Para porlle un pouco máis de salsa, montan unha guerra para facelas listas, deteñen ao alcande de Ourense acusado de corrupción e andánlle enriba ao de Lugo. ¿Quén da máis? Esqueciame veulles votar unha mán tamén A.Guerra, dicindo que de pactar con "nacionalistas" nada de nada.

O BNG, seguiu co seu proceso de desmembramento. Un dos seus piares, a UPG, decidiu que non estaba para selo músculo do partido, e ía selo cerebro tamén. Xa hai anos desfanse de malas maneiras do seu portavoz e imaxe, Xosé Manuel Beiras, baseándose na perda de votos i en que parte da cidadanía non o ve con agarimo. Esa falla de acordo con Beiras abriu unha ferida que non parou de sangrar, non só dentro do BNG senon tamén entre os votantes. O seguidor Anxo Quintana, non conseguiu tecer pontes co antecesor e non se recompuxo o crebacabezas. Logo veu o momento de quitarlle poder aos independientes, os socialdemócratas e aos altermundistas, por ser sospeitosos de agachar escuros segredos contra o clase traballadora (que por certo, na súa inmensa maioría vota PP). O seu potavoz nacional Guillerme Vazquez transmite tranquilidade, parece que todo lle esvara, parece bó tipo, pero aborrece ata as vacas cando fala. O candidato Jorquera, parece un home disciplinado de partido, que transmite honradez e seriedade, pero faltalle frescura para mobiliza-la xente que espera por outra triste victoria do PP. Para máis INRI, vai Feijoo e di que tomaría unhas copas con él sen problema, e desexalle sorte. Demasiado "bó rollo" para unha parte dos votantes que sospeitan que o BNG está "institucionalizado de máis".

CxG ten problemas de xuventude, naceu con presa de situarse no centro político, +GZ quedou desdebuxada no proceso de xuntanza de pequenos grupos, algún dos mesmos aterrou directamente na dirección do partido, cousa que algúns non entendiamos ben, outros corrian a quitarlle-la estrela bermella da bandeira galega, e para matala quedan sen Lider, Aymerich quedou no BNG, e a exconselleira de vivenda non o via claro. O lider da formación ten un discurso sinceiro pero non o coñece ninguén, e faltalle perfil mediático. Sempre acariñaron a idea de ir en solitario, e a proposta dunha gran coalición, colleunos co pé cambiado. Finalmente a tensión Beiras-Feijoo provocou co voto útil a perda de moitos votantes. Sei de boa tinta que moita xente de +GZ votou a Beiras. Agora teñen un problema importante, sociedade non hai máis que unha e van ter que loitar por un anaco da tarta da esquerda, fronte ao desexo maioritario que quere unidade de acción. 

AGE, é un experimento novo, "o exercito zapatista galego" como o bautizou Martiño, de maneira moi simpática, sen medios e sen recursos, pero co tirón mediático de Beiras ocupou o espazo da desesperanza da sociedade. X. M. Beiras nunha entrevista en Vtelevisión fora TT en Twiter cando rachara co BNG, unha enquisa preelectoral dáballe 5% de intención de voto, e 4% a EU, contando co efecto bola de neve, e coas redes sociais, espallouse como alternativa fronte a desafección do que había. Un dato significativo deste fenómeno de absorción de voto de +GZ, PSOE e BNG foi a escalada explosiva en Twiter onde pasou de 0 (un mes antes) a 10.000 seguidores ao final da campaña. Para mín hai varios factores que explican isto:
  • O que transmite Beiras (fora do espectáculo mediático no que é un mestre). A xente gustalle que lles fale con toda a súa intelixencia, e todo o seu corazón, transmite credibilidade, coñecemento e unha gran valentia arriscando todo o seu capital político nunha nova aventura. O contraste do seu discurso, co do resto, non admite similitude, respeitano ata os que están no polo contrario.
  • Resolveu o enigma do seu estado mental e físico, con 76 anos ten máis vitalidade mental, e desinhibición que a maioría do mozos da nosa sociedade.
  • Logo veu a foto de Beiras abrazado con Yolanda, membros de dúas formacións totalmente diferentes e distantes que se poñen dacordo ante a gravidade da situación, desperta as emocións máis profundas dos que vemos que o barco vaise a pique e os que poden facer algo loitan polas táboas do naufraxio. 
En resume, a xente consciente, está tremendo coa que se nos ven enriba, e só unha formación entendeu que hai que dar resposta a unha angustia que comeza a medrar nas cidades e pobos de maior tamaño, e chegara nun ano ou dous ao resto da GZ (alomenos onde haxa xente que non teña a mente de cartón pedra).

Non só hai que gañar eleccións, hai que por un programa de ACCIÓN e GOBERNO que nos permita cambiala dirección da deriva cara a excravitude, a mercantilización de todo valor humano, e o desastre ecolóxico. 

Moitos de nós queremos unha sociedade libre, onde tódolos nenos teñan educación e sanidade de calidade, onde uns poucos non se apropien de todo o capital deixando a economía produtiva esfameada, onde unha persoa sexa respeitada polo traballo ben feito e non exprimida coma un limón para logo tirala ao lixo. En definitiva, que exista "liberdade real", un neno con fame, sen formación, sen sanidade, sen información "veraz" teno moi dificil para acabar sendo un home ou muller libre, e un adulto libre sen a existencia de traballo non-condicionado teno moi dificil para seguir sendo libre.

Como puxen nunha mensaxe na rede "prendeu unha "anova" luz na longa noite de pedra, agardemos que non morra ata que vexamola saída".

domingo, 29 de xullo de 2012

O eterno retorno

O noso comportamento como "sociedade", como "pobo", ou como "especie" repítese unha e outra vez. Ainda que non leamos moita historia, non temos máis que lembrarnos dos filmes históricos.

Busquemos primeiro no plano sicolóxico. Nerón buscando un culpable, unha victima propicia a quen sacrificar diante da previsible furia do pobo ante o "incendio de Roma". Hitler buscando un "culpable" da crise económica e da derrota alemana na primeira guerra mundial. O poder manexa ao pobo con eses "resortes" da nosa mente, sempre ten que haber un "culpable", non pode ser que o "sistema", a estrutura de poder creada non funcione. Soése buscar alguén nunha posición débil, fácil de "estigmatizar",  que non ofreza resistencia, que non sexa unha "ameaza".

No plano financieiro, ¿qué é o primeiro que fai o Rei cando se lle baleiran  as súa arcas polo "derroche" sen control, pola falta de previsión, por non cumprir coa súa responsabilidade de "gobernar para todos"?, pois está claro, envía, ao gobernador de turno, co exercito, a exprimir ao campesiñado, a sacarlle ata o derradeiro céntimo, a pesares de que sabe da "crise" que vive o seu pobo.

O señor Rajoy, fixo algo realmente noxento, en plena e salvaxe crise económica, baixo o aplauso de todo o seu grupo, e con algún "¡que se jodan!", enviou a "forza do estado" a que lle baixaran a pensión aos desempregados do 60%, ao 50% da base pola que cotizaron, e por enriba sumou unha acusación xeneralizada inxusta e cruel, "es para motivarlos a buscar trabajo". Isto supón que unha persoa nesta situación que cobre 600 euros pasa a cobrar 500 euros, é o 16,6% menos do que ganaba. Os obedientes cidadáns que se quedaron sen traballo durante estes anos teñen que paga-la factura dos "especuladores" e ainda por enriba seren "culpabilizados"...o eterno retorno da mesma bosta.

A pesares da Revolución Francesa, o sistema social segue funcionando da mesma maneira, a Lei é un "mazo" contra o "débil", contra o que ten pouco "poder", pero para o que ten "capacidade de devolvelo golpe" é un lene "aloumiño", unha suxerencia ": !sean buenos, por favor, no especulen ustedes tanto que se nos vaya a morir el ganado del que comemos!". Aquí está a esencia mesma do poder a "capacidade de facer dano ao outro", a "ameaza continua feita forza no inconsciente". Revisando o que ocorre, o que se "realiza", visualizamola, vémola actuar, somos conscientes. ¿Sirve para algo? non sei, alomenos para que non che vendan a "moto".

luns, 26 de marzo de 2012

As eleccións andaluzas


Unha crise brutal provocada por un sistema sen control por arriba.

Unha corrupción herdada de 30 anos de goberno coa que non paran de encherse contedores de lixo.

Unha xuiza que intervén en campaña pondo tódolos trapos a airear.

Un 30% de paro.

Un partido dividido, con demisións de cargos importantes en plena campaña.

Un secretario xeral que como dí Beiras parece "o señor da triste figura" contrario ao candidato.

Un PP gobernando en case tódalas comunidades e no goberno central.

...e uns pepeiros nos seus cabalos brancos, co pelo lavado e perfeitamente acondicionado ao vento das enquisas, cara a victoria final, coa champaña e os letreiriños de agradecemento preparados no balcón.

Será para outro día.

A xente votou cambio, pero cambio para a esquerda, xunto con máis control de todo o que sexa diñeiro público.

Parece que a xente de Andalucía tenlle máis medo a prepotencia feixista, que a miseria económica.

¿Qué faria a Dereita nacinalcatólica para deixar unha pegada tan fonda na alma dos andaluces?

luns, 5 de marzo de 2012

Baixo palio

Hai a quen lle custa renegar do franquismo, cústalle recoñecelas vítimas da ditadura nacional-católica, os crimes cometidos contra a "humanidade" e refírome á humanidade como ese sentimento de amor polos outros seres humáns, amor de verdade, de ese amor que regala unha maneira de estar no mundo máis xusta e digna, profesores, intelectuais, obreiros con orgullo do seu traballo...xente que desexaba sacar a todo ser humán da situación de "escravitude de feito", porque cando non hai un equilibrio entre dereitos e deberes, cando non se respeita o que aporta unha persoa e só importa o interés inmediato do capitalista-inversor, acabamos sendo escravos, e dando o mellor de nós como lavadura para os porcos.

No canto de promocionar novos camiños, no canto de axudar a construir unha pata que falla no Estado Español, unha pata que substitúa ao "ladrillo", ven de destruir plans eólicos, quitar axudas ao coche eléctrico, quitar primas a enerxías renovábeis..., é dicir, no seu módelo de desenrolo a clave é converter ao traballador en "escravo de feito", implantar empresas de produción do "alleo" con man de obra barata, non crear nada propio, e fomentar o amor ao "fútbol-escaparate-do-euro", realimentalo ladrillo, sumarlle á fenda económica entre ricos e pobres, unha fenda educativa e sanitaria...

A Esquerda estatal casouse coa globalización económica agora quedou sen argumentos, e sen ferramentas. Cando non rexeita-lo abuso na casa do veciño (porque che vai ben para os teus intereses) acaba chegando o seu sistema á túa casa.

Moita xente leva dentro o xen do escravo, agacharanse sen noxo, polo futuro, por un futuro sen dignidade e sen xustiza.

A miseria, e a desigualdade é o mar que a Igrexa Católica ansía para nadar as súas anchas, coas súas cruces e os seus santos de madeira, as súas xoias e a súa mensaxe deturpada pola ansia de poder ¿Acabará indo "El señor de los Hilillos" baixo palio?.

venres, 24 de febreiro de 2012

A acumulación de poder

Somos unha especie de monos sen pelo con "curiosidade", descubridores, investigadores, colonizadores...ese rasgo parece espallarse en tódolos ámbitos da nosa actividade. Tamén temos unha certa tendencia á unificación, á eliminación de todo rasgo diverxente, un rasgo que nos acaba angustiando, algo debe haber ahí que non acaba de encaixar.

É posible que na evolución histórica que levamos, na implementación de tódolos recursos e coñecementos que conseguimos vaiamos nunha dirección dictada por algún instinto do que non somos conscientes e que puido ser moi útil en etapas iniciais da supervivencia pero que agora nos pode levar ao desastre.

Digo que é posible, porque a min gustame viaxar, e seguro que a unha persona vietnamita tamén, e si todos viaxamos en avión imos ir cara o desastre ecolóxico de maneira irremediable, pero non é esa a anotación que quería facer aquí senon que quería visualizar como a acumulación de coñecemento no ámbito xenético, sicolóxico, educativo, médico, económico, técnico, etc, por unha banda, e pola outra a concentración de poder que produce a unificación politico-económica nunhas poucas máns que controlan os fios do capital, pode levar a un sistema "feixista" cuasi-perfecto, onde se chegue a controlar ata a derradeira emoción do máis alonxado dos seres humáns, é dicir, a morte da liberdade efectiva, a morte da liberdade individual.

Si se van unificando as características da vida que pode experimentar toda persoa, o resultado final será escravizarse ou morrer, e posiblemente a segunda opción tamén será reprimida polos multiples medios que terá ao seu carón ese poder reconcentrado contra o que non haberá forma de loitar.

venres, 17 de febreiro de 2012

O Pesadelo

Hoxe non puiden durmir, tiven un pesadelo inquedante,  recuperabase a "Guillotina" en aplicación do novo Real Decreto-Lei para unha máis perfecta alienación emocional.

Así sen máis ían pasando unha detrás doutra, nun devalar ininterrompido, miles e miles de submisas persoas.

Baixaban a escaleira da Gillotina sen cabeza, pero nembargantes tódalas súas funcións motoras seguian intactas, o mundo seguía funcionando, ¿para qué ou para quén?.

Para nada e para ninguén, era mellor así, total si o destino xa estaba escrito ¿para qué as cabezas? qué sofrimento máis inútil, cunha mecanización dos movementos axeitada "todo seguiría igual" e reduciríase a cero a conflictividade social. 


martes, 22 de novembro de 2011

Un parlamento con voto proporcional

Se a Lei Electoral fora proporcional esta é a configuración que resultaria no Parlamento. Loxicamente a Lei actual favorece a acumulación de poder nos partidos maioritarios, é unha Lei feita para o bipartidismo, e para favorecer a "gobernabilidade" antes que a "representación" precisa da vontade do pobo.

Igual estamos nunha aplicación parcial daquel principio do despotismo "todo para o pobo pero sen o pobo".

E ainda faltaria a representación do voto nulo, en blanco e do non-voto, que deberian contar nunha representación precisa da vontade que "emana" do pobo.

Como representantes  dos non-votantes podiase por deputados aborrecidos xogando aos marcianiños, anarquistas facendo cortes de manga, amas de casa en mandilón limpando as butacas, pasotas arrotando de cotío tirados na butaca e vendo un partido nunha pequena pantalla do seu sillón, namentras as súas señorias falan de conxelarse "por xenerosidade e responsabilidade" o seu soldo este ano, ou de eliminala paga extra dos traballadores máis desfavoreciddos para asemellarse máis a China, ou de non axudar aos dependentes pola súa baixa productividade.

Isto recordame o chiste dos seis que ían nunha piragüa, catro directivos e dous remeiros, e acaban despedindo a un remeiro porque a cousa non ía ben, non avanzaban.



martes, 11 de outubro de 2011

20N

A democracia esta presa polo capital. Organismos puramente económicos toman decisións políticas, quitan dereitos i envian as conquistas centenarias dos máis humildes ao lixo, cambian unha Constitución ata o de agora intocable, e comezan a tocala música do "tanto tes tanto eres".

Sen dúbida algunha iremos cara aos Estados Unidos de Europa, e os Bancos e as Grandes Corporacións xa van preparando a constitución. 

Hai principios básicos para mín nunha sociedade que pretenda ser algo máis que unha granxa de consumidores, ou unha fábrica de autómatas:
  • Todo neno ten dereito a unha educación aberta, gratuita e de calidade, independentemente do diñeiro que posúan seus pais. Os feixistas que tratan de privatizalo coñecemento son os mesmos que queimaron aos que tentaban abrilas fiestras da nosa mente.
  • Toda persoa aínda que non teña diñeiro ten dereito a ser atendida pola Sanidade Pública con toda a calidade posible nese intre (non vale combatelo cancro con aspirinas, e dicir "iso é todo o que podíamos facer"). Os grandes investigadores non traballaron para curalos ricos, senon para darlle a toda persoa a posibilidade dunha vida mellor.
Si estas dúas columnas centrais non se respeitan, e se reduce todo a "si tes diñeiro estudias", e "si tes diñeiro eres curado",  iremos cara a :

  • Facer unha élite ou clase con diñeiro que podera formalos seus fillos e manterse nun "estatus" dominante xeración tras xeración.
  • Darlle as empresas un poder absoluto sobre o destino das personas, e dos seus fillos, simplemente polo feito de controlalos seus ingresos.
  • Como estas empresas van pertencer á clase con diñeiro e formación, o ciclo estará pechado, iremos cara unha sociedade pirámidal e aparentemente libre pero co "destino" xa establecido por nacemento.

"La Derecha Nacionalcatólica" ten claro este obxectivo, e "La Izquierda Centrada" aceptou un "marco de traballo" baseado na Globalización Económica sen ter en conta ningún valor humano, máis ben unha conversión de tódolos valores á diñeiro, quedando atrapada en traxes de seda, pisos de luxo, iates, e un discurso simplón nos días anteriores as eleccións.

Si se abandonan os dereitos básicos das persoas por enriba do diñeiro camiñamos cara a recuperación das sociedades do pasado.

Como se di pola miña terra "a vaca co vicio dá co corno no cú".

xoves, 30 de xuño de 2011

O que gana ten razón?

A Historia está feita dunha das maneiras posibles, existen moitas mais posibilidades pero non se deron, só se pode dar unha.

No desenrolo histórico creo que hai un factor clave que explica moitas cousas: "o que morre non pode falar". Este rasgo da vida humana, a morte física agás que haxa testigos ou herdeiros das nosas ideas acaban cunha maneira de pensar. Explicaría tamén porque moitos pobos acaban morrendo, no canto de dar un golpe de timón para endereitala nave, deixanse ir na inercia establecida ata o final.  E non pode ser doutra maneira xa que os que podían aportar unha visión diferente xa estaban baixo terra.

A idea de que "o que gana é o mellor" debeu ser moi boa para conservala cabeza no seu sitio en datas ainda recentes, e ainda na actualidade na maioría dos paises do mundo. Debeu ser tan útil que se quedou no fondo da nosa mente por si acaso. En Galiza usase moito para a xestión pública.

Na democracia nembargantes ninguén gana totalmente, incluso non sendo maioria se pode influir moito na sociedade. Desde este punto de vista gana moito con respecto a outros sistemas. Normalmente o goberno dunha cor acaba sentando as bases para a reacción cara a outra banda.

O certo é, que imos escribindo páxina a páxina pero cara a onde imos non o sabe ninguén.





venres, 27 de maio de 2011

Máis alá dunhas eleccións

O PSOE foi castigado nestas eleccións municipais fortemente. Os dirixentes actuais dín que foi culpa da crise.

Efectivamente foi culpa da crise, e da xestión da crise, pero no fondo esquécense de que foron compracentes co sistema durante todos estes anos.

Esqueceronse da especulación, esqueceronse de que tiñamos unha economía do ladrillazo consistende en dilapidar suelo en zonas protexidas, unhas zonas sobre todo as costeiras que nunca volveremos a ter esa riqueza e beleza que tiñamos.

Non se protexeu a economía propia, parece que o propio era o ladrillo...sobraban as vacas, os zapateiros, as costureiras....toda a pequena empresa de calidade sobraba porque a explotación laboral e a copia indiscriminada sae máis barata...

Esquecéronse desde o comezo desta Monarquía Democrática ou Democracia Monarquica (¡qué cousa tan rara!, soa como a dictador dialogante, ou a claridade escura...) de que o sistema onde nos integraron é o capitalismo de mercado sen control, e globalizado.

Abandoaronse ao sistema, aceptaron o goberno dos Mercados (¡qué señores tan raros! ¿alguén coñece a familia dun mercado, alguén ten unha foto deste Gobernador dos nosos destinos?).

Agora dín que hai que regulalos, a boas horas.

Admitiron as horas extras, a economía sumerxida, e o desmantelamento de toda economía de subsistencia, e o enriquecimento por enriba do razoable.

O importante era telo goberno. Agora adicanse a imitala dereita, e a sacar recursos exprimindo a base da pirámide social.

Resulta que temos que traballar ata os 67 anos, pero os responsables desta debacle están de vacacións no Caribe agardando que veña o novo ciclo para sacar tallada...

Aceptaron a globalización....aceptaron que un produto feito por un neno traballando 15 horas ao día poida venderse no mercado a menor prezo que outro feito nunhas condicións de vida digna.

Aceptaron que un produto feito sen ningún respeto polo medio (que é de todos) se venda a menor prezo que outro fabricado con esforzo de protección medioambiental.

Agora a compasión de uns, e a ansia de riqueza de outros podennos levar á degradación das condicións de vida, e a involución cara a destrución dos dereitos humanos.

E seguiremos desexando topar outro planeta, porque este faise pequeno.

Cando se mesturan tódolas cores sen control queda unha cor tirando a negra...

domingo, 8 de maio de 2011

Desenrolo

Ter, poseer bens materiais parece sela meta da vida moderna ¿non haberá un límite de senso común a este proceso?.

Realmente é necesario que un individuo teña tres casas de 500 m.2, 10 coches de colección, un iate, unha illa, un jet privado?. Non debería existir un límite no sistema, un tope racional?

Creo que sería bó conseguir:
  •  unha menor explotación dos recursos non renovabeis.
  •  un desenrolo de outros "valores" diferentes ao "tanto diñeiro teño, tanto valo".
  •  un poder exercido máis desde o desenrolo humán, que desde o sistema "eu ordeno porque teño máis capital".
Pareceme que as propias persoas acaban sendo consideradas como "mercadurias" dentro do propio sistema. Unha mercaduria valorada segundo o seu éxito monetario. Todo o que ten éxito económico ten valor, o resto non vale nada, son persoas sobrantes ou prescindíbeis.
  • Un pode estar traballando eficientemente nunha pequena empresa, aparece outra empresa ou circunstancia que a fai desaparecer polo sistema que sexa, e xa pasas a formar parte dos que "sobran".
  • Un candidato é valorado nunha escala de 10 con un 9, outro con un 6, pois este último xa pasa a formar parte dos que "sobran".
  • Un pai pode mercar roupa, e aparellos de marca, outro non, e os fillos desde último pasan a ser de segunda categoría.
  • Un profesor, un médico polo simple feito de non estar onde flúe o diñeiro cobra unha milésima parte que un intermediario bancario.
Non parece moi xusto. O sistema crea unha poboación parada, alienada, que non pode acceder a un posto de traballo, que non pode aportar nada. Resultame díficil de entender como se pode tirar ao lixo toneladas de talento, empatía, esperanza...

Dinnos que hai que "ganar", que hai que ser mellor que o veciño, que o compañeiro, que o solicitante de traballo que está na fileira diante de nós.

Comprendo que en cada tarefa haberá xente mellor e haberá xente peor, pero tanto o que está detrás, como o que está diante, teñen moito que aportar, sobre todo si desexan aportar e o sistema lles deixa.





venres, 29 de abril de 2011

A perfección da imperfección.

Fálase de modificacións xenéticas, de nanotecnoloxía que eliminará a enfermidade, de bebés á carta, de seres cuasi-inmortais....de todo "isto" non sei que sairá, pero desde logo a "perfección" tal como a entenden algúns non creo que nos leve a ningunha parte que non sexa un estado ou situación onde xa estivemos.

A imperfección, a circunstancia, o defecto...danos algo, danos a posibilidade de superación, obriganos a desenrola-la "tolerancia". A perfección entendida como un ser estereotipado que non comete erros, nin ten faltas lévanos ao "elitismo"...e a outras cousas peores.

É posible que esté en marcha o "superhome" pero desde logo non será un verdadeiro "home". Será un ser sen un espíritu forxado no día a día, na imperfección, na busca da superación persoal das súas carencias e faltas.
A vida parece un camiño que facemos tratando de satisfacelas nosas "faltas", buscamos o que nos "falta", comida, amor, coñecemento, obxectivos vitais trascendentes...

Cando nos facemos ou cremos perfectos séguenos "faltando" algo, a inocencia, a imperfección, a naturalidade, os fallos humanos,...é algo que pode volverse na nosa contra de forma sutil, silenciosa, pero implacable.

A imperfección quizá sexa o factor desencadenante de todo o que existe, porque si todo fose inmutable , inanimado, perfecto, simétrico i equidistante, pregúntome qué sitio habería para algo que non fose unha ausencia total de temperatura.

No cosmos todo está en movemento, activo, vivo...desde a última partícula subatómica, ata a Galaxia máis distante.


martes, 19 de abril de 2011

Internet e os libros.

É triste que os coñecementos base para o desenrolo tecnolóxico e intelectual foran aportados por xente compromotida coa humanidade, e agora a información só sirva para sacar partido económico.

Todo ser humano debería ter acceso á información contida nos libros e Internet sería un bó medio para facelo. Todo está en venta, incluso a normativa, que xa manda truco. Con todo o coñecemento que se ten conseguido é case imposible atopar fontes de información de calidade na Rede. Calquera libro técnico ou de outro tipo, non se atopa accesible. Dise que é algo polo que hai que pagar.

A sociedade debería crear un módelo que non privatice o coñecemento nas máns exclusivas dos que teñen capital.

Habería que crear un sistema que compensara aos autores e ao mesmo tempo permitira a transmisión gratuita para toda persoa independientemente de donde naza.

Creo que apropiarse dos libros limita a libre distribución universal do coñecemento. Desde logo que os autores deben ser compensados, non faltaría máis, pero dunha maneira que non limite o acceso, desde calquera sitio do planeta, a uns coñecementos que mellorarían as posiblidades de desenrolo.