martes, 26 de xaneiro de 2021

Por qué non cambiamos?

 Sigue estando no aire esa pregunta, si tal como teño máis ou menos reflexionado, construímos unha cultura ou civilización insostible, é dicir, que non pode ser nun futuro máis ou menos achegado, i esa mesma cultura é a responsable do éxito colleitado ata o de agora, pero tamén das súas eivas, que temos que concluir?, que como todo o vivo, nace, crece e logo morre, igual coma mín e ca todos nós coma individuos, ou que hai algunha causa interna na súa constitución que impide a súa adaptación ante unha incoherencia evidente.

Evidentemente a primeira posibilidade, "o vivo nace, crece e logo morre", é unha idea obtida da experiencia mediante a reflexión e a continua repetición sen excepcións diante dos nosos ollos, máis esta idea non está definida no tempo, é dicir, un non ten que morrer hoxe, nin mañán, pero si esta claro que ao redor do século a bioloxía non deixa xa moita marxe. Pero aquí non estou falando de indiviudos, estou falando dunha carreira de relevos, dunha especie, dunha sociedade ou dunha civilización, que non é o mesmo e non ten data de fin, agás polos seus propias características e capacidade de adaptación ao medio. E aquí quería chegar, por qué non nos adaptamos ao medio?. Chegados a este punto a contaminación, a destrucción dos medios que nos dan de comer e beber é evidente, constatada polos oraculos da verdade moderna, os científicos, e recollidos en videos, e sesudos estudos, e porque non xa na nosa inmediata vecindade, contaminación nas cidades, nos rios, nos montes, no clima que experimentamos de nenos e agora non cadra co lembrado. Por qué non cambiamos?.

Vou elucubrar hipóteses, e lanzalas ao chou sobre o papel:


- Poida ser que teñamos medo de voltar a situacións pasadas, a falta de riqueza para alimentala codicia de uns e  unha vida confortable a outros, podería facer estourar tódolos pactos sociais, digamos medo a voltar ao sufrimento de tempos pasados, a escravitude para sustituilas fontes de enerxía, a guerra, a violencia extrema para impor sistemas distributivos de calquera especie.

-  Ao mellor queremos conseguilos ideiais que soñamos e que seguimos soñando, é dicir, ir a Marte, contruir civilizacións galácticas, selos amos do Universo, e non só da Terra.

- Ao aprender a imitar e modificala natureza, igual nos cremos deuses e consideramos que podemos cambiala natureza ao noso gusto, podemos dispor dos animais como se nos antoxe, dos espazos ainda non ocupados, das árbores, da vida, non só para cubrilas necesidades básicas (o necesario) si non para disfrutar da nosa sensación de poder. Consideramos a natureza "dominada", nós mandamos, facemos o que queremos en terra, no mar, e no aire, e non nos pasa nada. Claro está que esta idea é moi infantil.

- Poidera ser algún rasgo constituínte da cultura humana como a dominación. Podería ser que o que nos permitiu construir o que somos teña unha característica tan dolorosa, como a de facelas cousas pola forza, pola obriga, coa ameaza de deixarte fora, podería ser algo que nos leve a ter que vivila vida de acordo a unhas imposicións de ferro, a unhas cadeas e represións con fins dubidosos, que nos fan desexar no fondo do noso corazón que se funda todo no abismo.

- Podería ser que todos abrazamola nosa posición, e non queremos perdela por nada do mundo, porque sabemos o que lle ocorre aos que non teñen un sitio no esquema de dominación e de valoración. Sabemos como tratamos aos que non son da nosa tribu, e non poden defenderse, aos que están fora do circulo de ferro invisible,  aqueles aos que se pode ferir, matar ou abusar, aos que non importan, incluíndo aos animais e a natureza.

- Será a culpa polo feito, a sombra de aproveitarmonos das consecuencias da maldade dos principes e dos antepasados, a que nos fai pensar que a continuación da vida humana non paga a pena.

- Ou será a infantilidade, o papá resolverá todo, papa non nos abandona, papá proveerá.

- Ou a estupidez, non teño porque aplicalo principio de causalidade, ou non teño que saber de nada.

- Ou será que o cambio fai tremela posición dos que toman decisións, dos que están no poder, dos que acumulan o capital, dos que dependen para o seu sostemento do crecimento indefinido da economía, é dicir do deterioro constante da natureza fora da súa rexeneración, en definitiva da cobiza feita lei.

- Tamén pode ser que ninguén sabe onde imos ir, a onde imos chegar por outros camiños. Ninguén confia na solidaridade e na irmandade necesaria para afrontar un futuro de recursos limitados.

- E si é necesario cambialo todo, quen pode aspirar a tanto, quén pode cambialos alicerces dun edificio sen tiralo abaixo i empezar de novo, pero si o tiramos abaixo canto perigo hai de perdela información acumulada e asimilada ao longo de tantos séculos, pode haber, non, hai risco de cair na barbarie máis absoluta.

- Logo está o problema do funcionamento da mente, da percepción do perigo, ninguén se tira nunha ola fervendo pero si a ola se vai quentando moi pouco a pouco cando te das conta estás cocido. Digamos que a cantidade de datos que hai que ver, entender e sopesar é moi elevada, e normalmente si a catástrofe non é inminente e clara ninguén é capaz de prever o que vai pasar con seguridade.

- Esta tamén o problema do "senso común", vemos como normal a maneira de facelas cousas que temos aprendido durante décadas, sempre íamos a mellor, atopábamonos nun entorno de recursos cuasi-ilimitados, pero hoxe non é así, os recursos eran limitados, era cuestión de tempo e incremento de consumo que se lle vira o límite.

- Será logo que hai unha Historia, unha intrahistoria, e historias individuais que nos condicionan, e non é tan fácil cambiar.


Porque vou escoller unha razón, todas as que comentei valen, todas teñen forza e moven resortes, todas crean inercia, e o futuro só é unha proxección baseada nunha reflexión, que a súa vez está baseada en datos da experiencia, i en condicións do entendemento a priori, é dicir, matemáticas, contabilidade, tempo...só unhas probes neuronas funcionando nun inmenso universo sen fin aparente.


xoves, 21 de xaneiro de 2021

Suxeito ao mundo 2

 Fai case cinco anos que non escribía nada, desde que escribín "e agora qué?" e non sabía respostar ou peor aínda, sabía pero non quería deixar negro sobre branco o que pensaba sobre as hipóteses máis plausíbeis do que pode devir no futuro en base ao estado actual das cousas, e ao noso modo de ser.

Agora, escomecei a desexar escribir outras cousas, escribir para mín, porque como di o filósofo que estou lendo agora, non hai mellor maneira de achegarse a verdade que escribir para un mesmo, pero tamén creo que para avanzar cara a verdade hai que desexar vivir, si non o desexas todo se difumina na néboa.

Tamén se podería dicir que non hai verdade absoluta ningunha, e polo tanto non hai ningún sitio cara onde ir, pero aínda que paradóxico, ese "non hai verdade absoluta", abre a porta a comprender gran parte do que sucede no mundo e na historia do mundo, esas miles de relixións, sistemas políticos e sistemas de crenzas sucesivos, eses mecanismos brutais de imposición das "verdades". No momento en que cheguei ao fondo das preguntas e vin un baleiro inmenso comprendín a enorme necesidade que temos de encher iso con algo, aínda que sexa mentira, aínda que logo haxa que matar para conservalo discurso. Cantos mortos, cantos mártires, cantas probas de verdade fan falla para demostrar que os nosos constructos son a verdade. Nembargantes ese baleiro é o máis universal que temos, o que nos une a todos, esa falta de respostas, a continxencia da existencia e a posibilidade de que a vida individual e colectiva acabe en calquera momento, de que simplemente sexamos unha especie máis, de que simplemente sexamos parte da vida.

Parece unha tontería, pero non o é, non temos un lugar privilexiado por moito que fagamos, por moito que matemos, por moito que dilapidemos tódalas posiblidades que crea a vida, por moito que mintamos. Non hai un gran papá que nos está aplaudindo e vixiando, fora do recoñecemento de uns aos outros agardanos un baleiro frío e inmenso, só por iso deberíamonos tratarnos mellor e termonos en máis estima. Pero paradóxicamente esas mentiras que inventamos para sentirnos máis seguros, agora separannos de maneira irreconciliable, destruén calquera posibilidade de comprendernos.

A miña familia é tan honrada, traballadora e humilde que me doi ver como é o mundo realmente, esa falsedade noxenta, esa vanidade, ese despilfarro de recursos tan estúpido.

Para qué traballar si todo se perde nunha néboa baleira de sentido, cargo con este caracter aprendido que me condena á tristura perpetúa de ver o mundo con ollos honrados. 


xoves, 14 de xaneiro de 2021

Suxeito ao mundo 1

 O mundo só podo ser coñecido por nós a traverso dunha "representación", unha percepción construida pola nosa mente cos datos que nos chegan a traverso da sensibilidade.

Un nace neste constructo, en algo que podería ser así ou de outra maneira, en algo continxente, esa é a nosa circunstancia. Non escollemos aos pais, nin o sitio, nin o entorno, nin a época, nin a cultura, nin a nós mesmos. Aparecemos no mundo, e ímos crecendo nel, o "suxeito volente" vai tomando forma, o querer, o sentimento, o desexo vaise facendo presente. 

Nese vir ao mundo, e crecer nese mundo, nesa circunstancia da vontade e do desexo de vivir que nace con nos, vaise construindo un querer. Con nós tamén vive a conciencia de sí mesmo,  a reflexión, o "suxeito cognoscente", que interactúa co vivido, co querido e co mundo, coa súa circunstancia interna i externa, nesa dialéctica nace o conflito e a negociación, primeiro con un mesmo, ata que se acaba facendo "un", si todo vai ben, en armonia co mundo si se aceita tal como é.

Pero este mundo é continxente, e a nosa propia personalidade condicionada polo "discurso" no que nacemos, e polo vivido, tamén ten unha parte continxente, no proceso de coñecer pódese por en dúbida as bases dese querer, ou asumilo sen modificación algunha, ou unha parte si e outra non....e así vai collendo todo forma.

En 2020, sigue en marcha o proceso que comezou coa nosa maneira de vivir, o pacto entre os que ocupaban posicións de privilexio, e os que ocupaban posicións de dependencia, e alienación laboral, rompeu aínda máis os límites do equilibrio da vida na Terra. A nosa posición está agora desvocada, o iceberg está emerxendo, destrución da biodiversidade, destrución do medio natural inmediato, mar, selvas, bosques, montes, cambio climático, destrución da nosa economía e da nosa saúde. A nosa vontade contruíu un mundo que consigue beneficios inmediatos para moitos (que se vende fácil), pero a consecuencia é a destrucción do que nos engloba, da vida no seu conxunto, porque aínda que nos esquecemos, vivimos grazas a dispor de temperatura axeitada, comida e bebida, ledicia de vivir e de contemplar, constituída por unha inmensidade de especies vivas, e circunstancias inorgánicas, nas que nós só somos unha parte.

Ao non asumir ese discurso de que "nós somos só unha parte", e asumir que somos o centro do universo e os animais son só bestas, e as árbores só leña, e os montes e o mar vertedoiro (externalidades), estamos construíndo o mundo do futuro para os que veñen, estamos construíndo unha circunstancia de nacemento terrible, moi dificil de asumir, ata o punto que sexa tan agresiva que poida provocala destrución do desexo de vivir, e da conciencia de sí mesmo, e quedemos para sempre nunha condición inferior.

Agardo que non sexa ese o noso desexo agochado, renunciar a conciencia de si mesmo, renunciar á carga de ser, é dicir, morrer, pero todo indica que algo pasa, que o malestar profundo continúa, que o que dicían os sabios do estar no mundo como "malestar na cultura" e como "val de bágoas", sigue sendo verdade.