Que naturais soan as verbas dos gregos para describilo mundo, que real se mostra este cando hai un fondo desexo de vivir como na nenez.
Qué real a "terra" que me sostiña cando corría, coa que me golpeaba cando saltaba dun balado ou me caía da bicicleta.
Qué real o "aire" que enchía os meus pulmóns despois dunha carreira, que movía as copas dos piñeiros, ou despeinaba as cabeleiras máis concienzudamente ordeadas.
Qué real a "auga" no río, na chuvía sobre a viña, ou cantaruxando polo rego.
Qué real o "lume" que queimaba o monte ou o sol que quentaba as costas no vran.
A materia inorgánica, a terra, o aire, e a auga, xunto coa enerxía, o lume, están no noso mundo como algo natural desde que nacemos.
Nós mesmos estamos feitos a partires deses componentes. Aínda hoxe en día moita xente discutiría que comemos alimentos pero que non estamos feitos da mesma sustancia.
Pero para mín hai algo máis sorprendente aínda, é que todolos elementos que compoñen un ser vivo organizanse a sí mesmos sen intervención de "ninguén" . Somos froito das mesmas leis que gobernan o mundo.
Adoitamos darlle a responsabilidade de estar neste mundo a noso pai e a nosa nai. Evidentemente son o teatro onde nace o novo ser, posibilitan a xuntanza de dúas células, presentanas en sociedade, pero a súa laboura constructiva non vai máis alá.
Logo de feita a fecundación a célula váise reproducindo, absorvendo materia i enerxía que recibe a través da súa nai. Crece e crece, crea organos, crea fluidos, crea un cerebro...crea un ser que resultou ser eficaz para a supervivencia ao longo de miles de anos.
Si resumimo-lo proceso, e tomamos distancia, parte desa terra, desa auga, dese aire e dese lume do mundo combinaronse para formar un ser autonomo sen a intervención de "ninguén".
Logo se non interviu ninguén, o arquitecto é xusto dicir que son as propias leis que gobernan a materia e a enexía. Podemos dicir que hai impreso no mundo unha vontade ou instinto de vida, unha forza bruta da natureza que nos impulsa desde dentro a seguir.
Desde o primeiro momento no que comezou o devenir do Universo, a vida xa estaba inscrita nos seus xenes, como si fose unha longa canción que se ía cantar sen compasión, sen lamentos, sen culpa algunha, porque ninguén hai a quen "culpar".