venres, 30 de marzo de 2012

A victoria dos mercaderes

A economía debería permitir a toda persoa por unha banda obtelo necesario para vivir dignamente, e pola outra a súa autorrealización persoal, nembargantes a forza bruta da natureza ameaza con imporse (se callar, como me suxeriu alguén, estamos nunha etapa semellante ao canibalismo, pero dun modo inconsciente aplicado na economía).

Coido que perdemolo control do noso invento, si é que o tivemos algunha vez. Os conceptos económicos invaden tódolos ámbitos da vida coma un virus. Todo se converte nun "mercado", incluso o obxecto artístico poderíase definir como "calquera obxecto que se pode vender por unha cantidade astronómica de diñeiro".

Así, para falar de persoas soese usar térmos como "consumidores" ou "recursos". Segundo esta biblia todos somos "recursos" para ser utilizados cando conveña, ou "consumidores" para darlle saída ao producido. Incluso hai quén ve ao outro como recursos de "usar e tirar". Podería incluso ir máis alá, o que non o ve así non ascende na estrutura económica das élites que manexan o fluxo de capital. Esas élites de tecnócratas económicos acumulan cada vez máis cartos nas súas contas, sacando o diñeiro da circulación, afixiando a economía real, e provocando a súa esqueletización.

Neste tempo no que se necesitan novas empresas, creación de riqueza e traballo en ámbitos que non sexan os do ladrillo, dánse pasos adiante na represión da persoa, en limitala súa capacidade creativa, en resumo, levámolo camiño de repetilas situacións históricas miserentas de onde vimos.

luns, 26 de marzo de 2012

As eleccións andaluzas


Unha crise brutal provocada por un sistema sen control por arriba.

Unha corrupción herdada de 30 anos de goberno coa que non paran de encherse contedores de lixo.

Unha xuiza que intervén en campaña pondo tódolos trapos a airear.

Un 30% de paro.

Un partido dividido, con demisións de cargos importantes en plena campaña.

Un secretario xeral que como dí Beiras parece "o señor da triste figura" contrario ao candidato.

Un PP gobernando en case tódalas comunidades e no goberno central.

...e uns pepeiros nos seus cabalos brancos, co pelo lavado e perfeitamente acondicionado ao vento das enquisas, cara a victoria final, coa champaña e os letreiriños de agradecemento preparados no balcón.

Será para outro día.

A xente votou cambio, pero cambio para a esquerda, xunto con máis control de todo o que sexa diñeiro público.

Parece que a xente de Andalucía tenlle máis medo a prepotencia feixista, que a miseria económica.

¿Qué faria a Dereita nacinalcatólica para deixar unha pegada tan fonda na alma dos andaluces?

mércores, 14 de marzo de 2012

Unha herdanza envelenada

Cambia-lo mundo é imposible, máis non influír nel é igual de imposible.

Si decides "pasar", deixarte ir, acomodarte, non discutilo que di o político de turno, ou os teus veciños, ou a túa propia familia, xa estas tomando parte, estás escollendo a continuidade do que hai sen máis, sen ningunha enruga.

A Física acaba de descubrir algo incríbel, o mundo físico existe grazas a unha enruga, a unha irregularidade, grazas a unha asimetría primordial.

O Universo sería absolutamente frío, distante, escuro, i estático, sen devenir, sen vida, sen auga corrente, nin facturas, se toda a materia-enerxía estivera perfectamente equidistante unha da outra na súa orixe.

A diversidade e a imperfección non só son importantes, senón que son a orixe do cosmos tal como o coñecemos, i eu diría máis, creo que é o osíxeno do espírito humano.

¿Por qué poño entón esta foto tan negativa neste artigo?, pois ben, a enerxía nuclear por fisión ten un problema moi importante, pertence ao mundo, os reactores fanse vellos, fai falla mantemento e un día acabarán morrendo.

Como lle digo sempre á miña parella, a puta entropía amólanos o sábado pola mañá, todo tende ao desorde, o puñeteiro pó ten que voltar ao chán unha semana trala outra. Pois isto tamén lle ocorre as marabillosas centrais nucleares, un día serán vellas, un día no futuro unha sociedade coma a nosa, onde se hai sorte estarán os nosos fillos terán que gastar millóns e millóns de euros en desmantelar e coidar de que non ocorra un accidente fatal. 

Veleiquí o título do artigo, ogallá que non lle deixemos aos nosos fillos un regalo envelenado, enerxía barata que un día nos pasará a súa cara factura, prolongala súa vida para facela rendíbel, agachar fallos, soterrar informes...negala realidade. 

As cousas novas son moi "bonitas", relocen, todo está brillante, cheo de cor...máis sería un gran erro pensar que o futuro nos vai deparar "recursos" inxentes que farán que a riqueza desborde por tódolos lados, haberá que apretarse os machos, como dín nalgún sitio, e esta tecnoloxía vai ser moi dificil de tratar sen inxentes cantidades de recursos. Ademáis eu creo que debaixo da alfombra comeza a non entrar máis lixo.

A foto de arriba é unha cidade abandonada preto da central de Chernóbil, o albúm de familia ampliase con Fukushima, os nosos veciños franceses están empeñados en entrar nesa familia tamén, e agora vaise crear unha corrente "popular" para darlle un pulo a colección peninsular. Non pasará moito tempo antes de que comecemos a ver "expertos" nos medios aconsellando esta opción.

Xapón ten unha morea de centrais xa vellas, que ten que desmantelar, e reciclar. Non vaiamos por aí, ou terémonos que facer expertos en superar "desgrazas evitábeis" como eles, e recibir premios por ser traballadores, resignados e ben mandados. Porque xa se sabe que aínda que soterrémolos informes negativos baixo dos mares, e metámola cabeza no buraco coma a avestruz, o perigo non desaparece.