mércores, 22 de maio de 2024

Charla coa morte dun camiñante nun día calquera.

-Morte: Ola camiñante, quero falar contigo.

-Camiñante: Que queres de min?

-Morte: Quero proporche unha liberación, eu libero de cotío a xente coma ti.

- Camiñante: Coma min?

- Morte: Sí, por unha banda, non soportas "dominar", non soportas ser cruel, non soportas subirte as costas do outro para triunfar e velo outro desde o cúmio.

- Camiñante: Tes razón non son capaz de someter, renunciei a ese cumio, renunciei a colocarme ben colocado co prezo que sexa, renunciei a abusar do débil, renunciei a protección do poderoso, resúltame noxento. 

-Morte: Aí o tes!, pola outra banda tampouco soportas ser dominado, ninguneado, non soportas o sometemento ao criterio do outro sen reflexión nin critica, non soportas a prepotencia, os esquemas inventados e os valores da dominación, non soportas perderte na masa e bailar ao son que che marcan sen importar quen sufra, sen importar o que haxa detrás, sen importalos que veñan despois.

- Camiñante: Niso que dis tes razón, levo toda a vida esquivando eses sitios escuros.

- Morte: Que che queda? a nada? eu son a porta ao descanso!

- Camiñante:  Hoxe, Morte, levanteime, respirei fondo o aire fresco da mañá, os paxaros viñeron comer fronte a min, fixen o amor coa miña parella, pola tarde o meu fillo sorriu de ledicia e chamoume papa, traballei na horta coa enerxía que recibín do sol e da comida, e cando tiven que entrar nese mundo que ti descrebes pasei por un carreiro que fun facendo cos anos.

Hoxe, morte, sinto que a vida vai máis alá de todo iso, sinto a "ese outro" que a xente chama natureza, vexo que se pode ir máis alá desa cárcere de convencións coa que nos rexemos.

Hoxe non é o día, aínda podo soñar outros mundos posibles, aínda podo enxergar como camiñamos cara un final coma outro calquera, como se fai un camiño colectivo como se podía facer outro calquera, aínda podo inventar e aceptar outros valores para pesalas cousas.

Prefiro aceptala miña derrota, aceptala vida coma un regalo, non son máis que un accidente que toma consciencia de sí, tentarei soportalo meu orgullo, tentarei aceptalo sufrimento do meu ego, e tratarei de ver máis alá.

Hoxe, morte, vaite sen min ao teu baleiro infindo.

- Morte: Pero sabes que vou camiñar sempre ao teu carón, que vou ollala túa ira, a túa frustración, a túa impotencia, as túas falencias, sabes que renovarei a miña oferta cando o momento sexa propicio.

- Camiñante: Ata outra, e grazas por iso, ti que érela porta a esa nada que non se desvela, esa nada que soporta na súa escuridade insondable e total, toda a luz que se poida crear.