mércores, 20 de xaneiro de 2016

En xaneiro de 2016

Sigo gañándome a vida como enxeñeiro técnico industrial autónomo, cousa que me asombra polo meu noxo a realizar actividade comercial, e pola situación de paro e dura competencia na que nos atopamos no chamado "mundo laboral". Coma unha especie en vias de extinción que se adaptou ao entorno pero que segue mantendo o seu espirito crítico co modo de funcionar da sociedade, vivo no meu recuncho de realidade e vou tirando como podo.

Tamén é certo que o desexo estivo martelando por un sitio e outro ata topar algunha saída. O meu fillo con xa catro anos e a miña parella actual forman parte desa chispa que me manten vivo tódolos dias. Tamén tiven estes anos e creo que aínda está, unha curiosidade que me axudou a vivir, e a que non  lle dín as costas, pero que me levou a unhas conclusións que me deixaron abraiado.

Refirome ao descobrimento incríbel do límite, dese "no" que chega do exterior para dicirnos "non hai mais mundo por explotar". Ese límite que os medios de comunicación e unha fé infinita na "superioridade e reinado humano no mundo" borraron e convertiron en risa condescendente. Viaxes galácticos, progreso tecnolóxico imparable, aceleración da vida...e de súpeto aparece unha parede impenetrable contra a que nos estamos dando de cabeza e que negamos taimudamente.

A economía é a actividade humana que coa axuda da tecnoloxía, nos permite actuar sobre o medio e conseguir todo o que necesitamos. Nos, xunto aos aparellos que nos axudan, necesitamos "algo" que é o fundamento básico de todo movimento ou fenómeno para realizarse, a enerxía.

Por outra banda a organización humana, a sociedade é froito tamén de tódolos arranxos que fomos facendo para facela máis agradable, pracenteira e digna. Creo que para iso fomos desprazando a agresividade cara afora, cara ao mundo. Nós (e o noso entorno achegado) somos o importante, o de afora non importa, a natureza non importa, o mundo é infinito. En economía isto concretouse en consideralos impactos medioambiantais como "externalidades do sistema" que directamente non se tiveron "en conta". Algún filosofo, ou sicólogo, podería dicir que nos alienamos da natureza de maneira radical (negamola necesidade de interacción co que "valoramos" como suxo, salvaxe,  perigoso, e aceptamos os nosos prexuizos sociais como realidade absoluta).

Algo non está ben, algo se desequilibrou nestes anos. O tecnooptimismo agacha unha terrible realidade, a esquilmación da pesca salvaxe, a destrución do solo por mal uso, a contaminación, as zonas mortas mariñas, o cambio climático...e finalmente algo que comezamos a sentir, os tremores da corda cando seguimos tirando e xa non da máis, a enerxía neta deixa de crecer e a economía deixa de crecer....qué ocorre?

Un economista dirache que se está esgotando este planeta pero que o "libre mercado" buscará outro que o remprace. Eu creo que non.

Que vai pasar si seguimos co BAU (business as usual), intentos de crecemento e recaídas aínda maiores, unha e outra vez, acelerando nunha rampa de baixada que non vai rematar. E como pode rematala caída? hoxe creo que no curto prazo vai ser imposible pero co deterioro das condicións nas que vivimos abriremolos ollos un pouco máis.  Creo que necesitamos acceder a dúas realidades para manter sobre a Terra algo de dignidade humana:

  1. O mundo é finito, chegamos ao pico de enerxía utilizable pola sociedade i enfrontaremonos a tódolos picos de recursos nos vindeiros anos e decadas. Estamos nesa situación na que non se pode crecer dando pulos cara arriba porque caíremos novamente máis abaixo. Estamos no cumío da montaña enerxética, e si saltamos temos que consumir altura da montaña e polo tanto cairemos máis abaixo.
  2. Ao contrario que na rampa de subida (onde os fillos vivirian mellor que os pais), xa estamos comezando a meseta-rampa de baixada. Como a riqueza chegou ao seu límite, o sistema económico capitalista liberalizado (que gane o millor, e o millor é o que máis acapara) fai que esta se acumule cada vez en menos máns, xa que é limitada. Isto provoca un empobrecemento da maioría da sociedade (desaparición da clase media, e miseria da clase máis pobre).  Un entorno finito só se pode xestionar dignamente co "reparto do básico". No caso contrario cairemos en situacións indesexables como loitas a morte pola subsistencia, esclavización masiva (proceso que xa comeza a sacala patiña), ou incluso desintegración das estructuras sociais.

Levoo bastante mal, de feito escribo moito menos, case nada, desde que descubrin o peak-oil, e comecei a levantala alfombra do tecnooptimismo para ver que hai debaixo. Cheguei ao mismo sitio por distintos camiños, por unha banda as intuicións e o coñecemento aprendido das leis físicas que gobernan o mundo e que me facía sospeitar que corriamos demáis (polo medio un master de un ano en enerxía e sustentabilidade), e por outra banda o descubrimento do traballo profundo de evolución de sistemas que fixeron gran número de cientificos honrados desde os anos 70, e que foron sistematicamente ignorados. Estes divulgadores fixeron un traballo honrado, ingrato e independiente, puxeron saídas enriba da mesa, pero a "rapiña" domina o mundo e non se lles deu voz.


Vivir sabendo que o noso mundo vai discurrir nun entorno moi presionante e duro non é agradable. Saber que case ninguén te vai escoitar tampouco axuda moito. E finalmente saber que non eres un lider mesiánico, saber das túas limitacións, saber que te van ver como un profeta do fin do mundo incrementa o meu pesimismo e a miña tristura. Non será mellor esquecer, deixar ir?.

Só me queda a asimilación persoal, aprender que "hai vida antes da morte" , que un crecemento exponencial nun mundo finito é imposible, que si non cambiamos a nosa actitude destruiremos en breve a nosa casa, saber que somos natureza ainda que a nosa mente nos permita construir castelos no aire.

Permacultura, desaprender, humildade, transición, cooperación, solidaridade, camiñar cara a consciencia de ser unha area na inmensa praia, dalo que se poida, contelas aspiracións do ego, tentar construir unha vida boa e digna, prepararse para soportalo axuste do soñado co "real", pensar que podemos facer pequenos botes salvavidas.

O universo é inmenso, e polo que levamos observado cúmprense as mesmas leis en tódolos lugares que poidamos ver ou soñar, polo tanto a vida como parte do mundo  brota en tódolos sitios onde se dan as condicións suficientes, é dicir, "non somos necesarios", pero "somos".

Ningún comentario:

Publicar un comentario