martes, 27 de decembro de 2011

No sentido inverso.

Estamos nunha situación sen volta atrás, o modelo económito construído no último século derrúbase. Si se mira máis no fondo do asunto o que de verdade se derruba é o pensamento construido para soportar e xustificar un sistema de reparto da riqueza, e de explotación do medio. Algunhas das hipóteses iniciais estaban erradas:

  • Os recursos naturais, tanto materia prima como combustíbeis fósiles non son infinitos.
  • O que lles pase aos demáis importa. Aceptar a miseria e a ignorancia noutras partes do mundo seguirá traendo malas noticias para todos, aínda que inicialmente sirva para venderlles armas i expolialos seus recursos.
  • A capacidade de asimilación da atmosfera-océanos non é infinita, noutras palabras non somos tan insignificantes na Terra, temos unha capacidade de impacto significativa, incluso na temperatura. 
  • Matar un rinoceronte no cú do mundo para pola súa cabeza na parede, ten un impacto medioambiental, i emocional para todos a medio ou longo prazo.

Nas cidades vaise camiño de perdela luz do sol, os nenos van camiño de perder de vista de onde veñen, contaranlles mentiras, verdades a medias, faranse conformistas e o tempo irá pasando, convertiranse na masa inerte que convirte a sociedade nun cárcere colectivo, a neurose será un carreiro moi usado, dando voltas unha e outra vez no mesmo sitio.

A solución non será inmediata, porque a solución sempre sae da inocencia, da verdade, do amor que flue na xente honrada á que lles importa a beleza do equilibrio, a existencia de todolos seres.

Isto é ben sabido nos inmensos pantanos e xa van os boitres en dirección aos colexios para evitalo. 

Rir a gargalladas.

O meu fillo xa pasou dos cinco meses, xa ten bastante habilidade coas máns e desde hai xa dous meses sorrí a miúdo. Todo o vai aprendendo a partires dunha mente cada vez máis estimulada e desenrolada. O que me sorprende e me produce máis ledicia son os momentos nos que rí as gargalladas, cun son inocente e magnético, ante cousas que lle sorprenden ou lle resultan graciosas. Ante isto que se pode dicir, a vida crea os seus propios valores, as súas propias retribucións.

Outro aspecto sorprendente de rir as gargalladas con esa inocencia, e ledicia é que isto xa ven de fábrica, xa está no ser que nace, tanto no meu fillo como en tódolos que naceron desde hai moitos miles de anos. Esa inocencia que ven nos nosos xéns, esa capacidade de sorprendernos, de descubrir cousas que nos fan "gracia", a simpatía, a empatía, esas cousas que non poden ser trocadas por un monótono devalar de ideas racionais, ou por un sistema de presión construido sobre o illamento social dos que ven por sí mesmos. É triste o que se fixo con esta sustancia do noso ser ao longo da nosa historia, como se preferiu a dor e a guerra, sobre a simpatía e a convivencia.

Esa inocencia innata que todos traemos está máis preto da verdade que toda a enmerdada pantomima que lles agarda, por iso creo que hai que educar propondo hipóteses pero non impondo verdades a medias. Si de esa inocencia orixinal chega algo á madurez o mundo irá mellor.

Hai que deixar a ventana da mente aberta, fainos falla o aire fresco das mañáns de cando en vez.

martes, 13 de decembro de 2011

Como Deuses.

O intocable xerarca que non ten que responder ante ninguén fai da súa vontade a vontade divina, e da súa necesidade algo absoluto.

Creo que todos nos, do mesmo xeito, ao vernos como "a especie superior", vemonos case como deuses fronte aos nosos irmáns xenétivos, podemos utilizalos, sacrificalos, maltratalos e usalos como nos praza.

Cando pomos en dúbida sela "cima indiscutible do Universo", e comezamos a pensar na posibilidade de que outra especie, ou parte "desta" (cousa que pasa a miúdo) se sinta "superior" e nos use do mesmo xeito, como un "recurso", aproveitándose das nosas carencias, como un consumible para a súa vanidade, ou para a súa omnipotencia, comezamos a decatarnos do violenta que é a nosa actitude.

Porse na pel dos outros é moi san para velo que estamos facendo, ou permitindo facer en moitos casos. É dificil facer cadrar conceptos como humanidade, empatía, ou persoa coa visión de outros grandes mamíferos enxaulados e medio tolos nos zoos das cidades, e non falemos xa do sacrificio de touros nas prazas públicas para diversión do personal, sen dúbida un espectáculo moi pedagóxico para os nenos.

Cousas como estas reflexan o longo camiño que nos queda. Si non somos capaces de controlalo poder que temos sobre outros seres moi achegados xeneticamente, como imos ser quen de conseguilo control da enerxía nuclear, o cambio climático, a destrucción de recursos naturais ou o reparto da riqueza.


Acumulación de enerxía eléctrica.

O sistema eléctrico actual ten un punto fraco que lle impide ter flexibilidade fronte a recursos enerxéticos variabeis no tempo, "non permite a acumulación de enerxía de forma masiva".

Necesitamos aproveitalos recursos cando se presentan, e non hai demanda.
  • O vento cando sopra.
  • Os raios atmosféricos cando aparecen.
  • As ondas do mar cando se producen.
  • As mareas.
  • A radiación solar.

O sistema de acumulación debe ser de baixo volume e masa por unidade enerxética acumulada, barato, non contaminante e que dure moito tempo. Debería ser "distribuido"; en toda instalación de consumo debería haber unidades de acumulación, ademáis de centralizada parcialmente nos puntos de xeración masiva.

Sorprendeme que non se destinen recursos a resolver esta pedra angular para o futuro das enerxías renovábeis.  

Abririase un inmenso mercado, e accederiamos a unha enerxía case sen fin, e sen prexuizo para as xeracións futuras.

Ademáis resolveriamos o problema da mobilidae, xa que o problema que teñen os coches eléctricos ten que ver con esta carencia na tecnoloxía. Calquera podería cargalo acumulador do coche e circular unha distancia similar á actual ou superior.

A autoproducción eléctrica fotovoltaica ou eólica iriase achegando máis á rendibilidade económica necesaria,  xa que actualmente vese ancorada na baixa fiabilidade das baterias.

De tódalas maneiras un sistema distribuido de xeración entra en conflito co "sistema actual", onde alguén ten que ser o posuidor do recurso centralizado para vendelo aos demáis.

Ogalla que o obxectivo sexa resolvelo problema, e non que a solución faga que nada cambie.