venres, 19 de agosto de 2011

Xente pasando.

O día que naceu o meu fillo saín a comer algo, a pesares de haberme pasado case 24 horas na planta da "vida" do Hospital, ao sair dela vese moita xente que pasa mirando con tristura pero resistindo. Sempre me preguntei como cando as cousas van moi mal un pode seguir sempre buscando unha saída. Ao longo da miña vida decateime que a fé e a esperanza son necesarias para vivir. Fé en que vas sacar adiante os teus proxectos, i esperanza en que a ledicia vai a vir a visitarte. Son rasgos do ser de carne e oso, e da terra mollada pola chuvia.

Dame tristura que esa fé i esa esperanza propia do noso ser, sexa usurpada polos fanatismos relixiosos.

Os aloumiños que nos deron de recén nados, ese cariño que nos deron cando chorábamos e ainda non sabiamos nada, agachado, inalcanzable, inconsciente, sempre nos acompaña, reforzando os alicerces do noso ser.

Qué peso ten todo na balanza, cada abrazo, cada experiencia, cada verba, cada xesto, cada emoción, todo é rexistrado, todo pasa ao fondo do sí mesmo.

Agora que teño na miña vida a unha nova persoa moi importante para mín, despídome con tristura e afecto doutra persoa importante que se foi estes días, unha persoa honrada, capaz de chamar a cada cousa polo seu nome, capaz de ver máis alá dos prexuizos ou do estúpido egoismo inmediato, alguén co que pagaba a pena falar.

Si existira a posibilidade dun ceo real feito á súa medida deséxolle que disfrute del para sempre. Co meu afecto e respeto, adeus G.P.M.

venres, 12 de agosto de 2011

Aos corenta.

Hoxe seriame moi fácil dicir que a vida é maravillosa, chea de luz i esperanza, que merece a pena participar. Hoxe podería xeneralizar e esquecerme de todo o que non cadra ben neste lenzo, hoxe podería pechalos ollos e non velas duras pedras do camiño, máis non o vou facer, desfruto ainda máis véndoas tras de mín.

No útero materno supoño que todo debe ser pleno, sen fallas, ata que aparece a primeira dificultade insalvábel, a falla de espazo, e a súa solución , o parto. Isto pasoulle ao meu fillo o 16 de xullo, día no que pasei a ser pai, aínda que eu creo que xa fun asumindo o rol de pai durante o embarazo da súa nai, debido aos controis que nai e fillo teñen que ir pasando, e aos plans que hai que ir facendo.

Agora é un pequerrecho que non chega aos tres kilos, que nun principio parece totalmente indefenso, pero que é capaz de deixarnos esgotados, a pesares de que a súa nai e máis eu aínda temos unha boa condición física.

Xa empezo a dubidar quén é o indefenso. Chora cando lle fai falla alimento, chora cando lle fai falla cariño, chora cando lle fai falla limpeza, chora coa dor, chora cando se aborrece, e cando todo está ben, quédase desfrutando do ambiente, ou durme.

Nós imos durmindo e comendo cando nos deixa.

¡Iso é poder!