Fai cousa de ano e medio, nun pequeno pobo e nunhas frías navidades, produciuse unha separación matrimonial. Cada un dos membros da parella foi polo seu camiño e non se toparon máis.
No estado caótico no que me atopaba habendo sido parte da historia do parrafo anterior, rescato unha vivencia que ten a súa graza.
Estaba só, máis perdido aos meus 39 anos que un esquimal no deserto, chegaba á casa, cabreado comigo e co mundo, e tiña pensado facerme un bistec á prancha, e isto foi o que pasou e así o anotei como a miña primeira receita de cociñeiro voluntarioso.
"Bisté con ovos fritidos:
Chegas tarde e canso, a túa vida parece unha merda pinchada nun pau, e posiblemente o sexa, dirixeste a cociña para prepara-la comida...qué mala cabeza!, só tes bisté e esqueceuseche sacalo pola mañá do conxelador. Quedas algo fodido, pero unha prancha ben quente pode con todo.
Dirixeste ao conxelador, para a túa sorpresa, ao deixalos xuntos na mesma bolsa quedan pegados coma unha pedra, ¡que importante é separalos antes!. Debian ser sobre catro unidades perfeitamente unidas, pero amiguiño é o que hai.
Qué complicado é sacarlle-lo papel aluminio nese estado!, pero si hai vontade conséguese. Tal como quedan tiranse na prancha, vaslle dando voltas ata que comezan a desconxelar. O proceso soe ir acompañado coa aparición de moitos gases e condensación no ambiente, pero cunha ventilación axeitada pódese ir aturando.
Aparecerá tamén muita auga na tixola, hai que ila tirando polo fregadeiro, co tempo vanse despegando unhas unidades das outras, respiras satisfeito, a cousa vai ben, xa se poden ir dourando por ambolos dous lados.
É posible que algún papel de aluminio quedara pegado, agora é o momento de irllo quitando.
Se sigue aparecendo auga, hai que seguir botandoa polo fregadeiro.
¡A sal!, esquecíaseme, un pouco de sal por enriba, non vaia ser que por un detalliño che quede a cousa mal.
Si xa se van vendo brandos a cousa vai ben.
Pouco a pouco van collendo a cor axeitada, e xa se poden ir sacando, pero cada un faino segundo o seu gusto.
Agora os ovos. Dous ou tres caben ben na mesma prancha onde fíxechelos bistés. Facendoos todos xuntos aforrase moito tempo, e usando o mesmo aparello aforrase moito traballo de lavado.
Tíranse na prancha, e vanse esparramando por toda a superficie, aferrándose teimudamente aos restos dos bistés. Non pasa nada, na prancha e debido a falla de aceite é un comportamento totalmente normal.
Rascando con forza consigues que saian, xa van esnaquizados, e aforras moito traballo de corte.
Xuntas todo nun prato, e ata queda artístico."