xoves, 30 de xuño de 2011

Romanos

Os romanos foron grandes economistas, para enchelas arcas conquistaron outros pobos, exclavizaronos e   "adxudicaronse" as súas riquezas. Esta estratexia foi alabada e imitada por todo Occidente ata os nosos días.
Intúo que si alguén lle dixera a Xulio Cesar, "é mellor facela riqueza traballando e distribuíndoa mellor" acabaría crucificado nunha praza romana.

Traballando é moi dificil tanto fasto, millóns de persoas deben pasar a unha situación de pobreza i escravitude, para que den as contas. 

Como moito sendo honrado, xusto e traballor, podes vivir dignamente, pero que é iso fronte a un fascinante desequilibrio de riqueza, fronte ao xogo do triunfador e o vencido, fronte ao pulso de dominador e dominado. 

A unha silla de tres patas caiuselle unha.

 Neste Real Estado adicamonos ao ladrillo, ao sol, e aos coches. No seu tempo escravizaronse pobos americanos, e incluso ibéricos, pero xa non se leva.

Facemos coches para distintos fabricantes porque no seu día saíamos baratos, agora xa hai quen pon o listón máis baixo.

Arrasamos os pequenos pobos costeiros para facer residencias, hoteis e divertimentos para os turistas.

Facemos vivendas para nos mesmos. ¿Cómo as pagamos? Endeudándonos. Fixemos tantas que pode vivir aquí media Europa.

Metémonos nun bucle pechado escapando de ser pobres, endeudarse para construir, construir para dar traballo, e traballar para pagalas deudas. A termodinámica ten un principio básico, non se pode sacar enerxía da nada, a enerxía só pode  transformarse ou repartirse.

Pregúntome ¿qué carallo imos por no capítulo adicado a "ladrillo"?

Aceptaremos felizamente a teoría de que hai que someter á meirande parte da poboación á cuasi-escravitude para que uns poucos vivan o soño do triunfador?

Si non se aposta pola vía tecnolóxica, polo desenrolo das enerxías renovábeis, polo impulso do pequeno comercio, polos produtos propios en tódolos ámbitos, por crear unha industria propia que constrúa moitos dos trebellos que importamos, por construir unha vida sostible, polo reparto da xornada traballo, pola conciliación da vida familiar e laboral, pola racionalización dos medios de transporte...non creo que se poida sair deste círculo vicioso.



A morte por aburrimento

Cando era neno gustabame pensar que o mundo podía ser xusto, i ético.

Hoxe pareceme que o mundo é algo moi extenso, e moi dificil de cambiar. Hai fios que unen dous extremos en tódalas cuestións. O que benefia unha cousa perxudica outra. Temos dificultades para velo "ben" si non aparece diante nosa o "mal". Cando fallamos por un extremo si nos pasamos ao outro tamén fallamos.

O mundo esta feito como unha rede, os fios entrecruzanse e endexamais se sabe onde se acaba cando se escolle un camiño, pero ten que haber un, é imposible escapar de facer un.

Aprendín que a inxustiza dase ou pódese dar na vida persoal, e non se pode agardar compensación. Non hai compensación. Hai que espertar do soño da xustiza, hai que superala rabia e seguir adiante.

Intento ir tirando, e soportalas miñas carencias e fallas. Por veces pareceme que o mundo podía ser mellor, pero aínda si fose mellorando ata a perfección non seriamos felices, sempre ten que faltar algo, sempre ten que quedar algo por facer na nosa vida e no mundo, sempre ten que haber distintos criterios, sempre ten que haber distintas visións.

As cousas pendientes, o que nos falta, é un motor, posiblemente o único motor do que dispomos para vivir, o motor que nos permite non cair no aburrimento.

Esta obsesión de industrializalos seres humanos, facer plantacións de ideas modificadas xeneticamente, levará a destrucción da biodiversidade mental, e esta diversidade é vital no ser humano.

Ao final podemos acabar matando a nosa mente por aburrimento.


O que gana ten razón?

A Historia está feita dunha das maneiras posibles, existen moitas mais posibilidades pero non se deron, só se pode dar unha.

No desenrolo histórico creo que hai un factor clave que explica moitas cousas: "o que morre non pode falar". Este rasgo da vida humana, a morte física agás que haxa testigos ou herdeiros das nosas ideas acaban cunha maneira de pensar. Explicaría tamén porque moitos pobos acaban morrendo, no canto de dar un golpe de timón para endereitala nave, deixanse ir na inercia establecida ata o final.  E non pode ser doutra maneira xa que os que podían aportar unha visión diferente xa estaban baixo terra.

A idea de que "o que gana é o mellor" debeu ser moi boa para conservala cabeza no seu sitio en datas ainda recentes, e ainda na actualidade na maioría dos paises do mundo. Debeu ser tan útil que se quedou no fondo da nosa mente por si acaso. En Galiza usase moito para a xestión pública.

Na democracia nembargantes ninguén gana totalmente, incluso non sendo maioria se pode influir moito na sociedade. Desde este punto de vista gana moito con respecto a outros sistemas. Normalmente o goberno dunha cor acaba sentando as bases para a reacción cara a outra banda.

O certo é, que imos escribindo páxina a páxina pero cara a onde imos non o sabe ninguén.





mércores, 29 de xuño de 2011

Idolos da Historia.

Non sei moi ben os criterios que sigue a Historia "Oficial", pero resultan admirables eses periodos nos que culturas con moi distintas formas de velas cousas convivían en paz.

Pola contra eses "grandiosos" momentos nos que os conquistadores entraban coa cruz na man, e a espada na outra, non parece outra cousa que non sexa o capítulo que vín estes días sobre un gorila penetrando no territorio do rival. 

É curioso ver o que se destaca nos libros de Historia (alomenos nos destinados á educación), cantos Idolos, e cantas "Anédotas", parecen xornais da pasarela Fashion Week, crónicas de vencedores tralos que imos por seren verdadeiros machos alfa.

Non o podemos evitar, saenos do baixo ventre.

luns, 13 de xuño de 2011

O lagarto Xoaquín nun día de primavera.

O lagarto Xoaquín levantouse como cada mañá no seu húmido burato, sentíase frio e famento, pola súa "mente" non pasaba outra cousa que non fose sair ao sol, e zamparse un bó saltón.

Agardou quedo por algún desgraciado que se achegara ao seu dominio. Non sabía porque facía aquilo, pero repetíao todolos días e íalle ben. Achegouse unha mosca, íase pousar alí mesmo, nunha áxil e feroz manobra, cazouna, pero esvarou na pedra. Coa barriga chea comezou a caír valado abaixo sen dar creto ao que lle estaba pasando, non sentía nada baixo súa, e ía como frotando. Acabou o voo de súpeto, estaba no chan, case se aleixou, deu unha rápida reviravolta e púxose de pé.

Por sorte non había un lagarto morto no medio do camiño, podrecendo baixo o mencer do día, senon que estaba agabeando pola empinada parede para voltar a súa humilde casa.

Estaba adoecido, e pasouse o resto do día tirado na pedra da entrada, desfrutando das raiolas do sol. Cando finou o solpor, e ventou algo de fresco meteuse no burato esperando a mañá do seguinte día.

venres, 3 de xuño de 2011

Sen culpa

Que naturais soan as verbas dos gregos para describilo mundo, que real se mostra este cando hai un fondo desexo de vivir como na nenez.

Qué real a "terra" que me sostiña cando corría, coa que me golpeaba cando saltaba dun balado ou me caía da bicicleta.

Qué real o "aire" que enchía os meus pulmóns despois dunha carreira, que movía as copas dos piñeiros, ou despeinaba as cabeleiras máis concienzudamente ordeadas.

Qué real a "auga"  no río, na chuvía sobre a viña, ou  cantaruxando polo rego.

Qué real o "lume" que queimaba o monte ou o sol que quentaba as costas no vran.

A materia inorgánica, a terra, o aire, e a auga, xunto coa enerxía, o lume, están no noso mundo como algo natural desde que nacemos.

Nós mesmos estamos feitos a partires deses componentes. Aínda hoxe en día moita xente discutiría que comemos alimentos pero que non estamos feitos da mesma sustancia.

Pero para mín hai algo máis sorprendente aínda, é que todolos elementos que compoñen un ser vivo organizanse a sí mesmos sen intervención de "ninguén" . Somos froito das mesmas leis que gobernan o mundo.

Adoitamos darlle a responsabilidade de estar neste mundo a noso pai e a nosa nai. Evidentemente son o teatro onde nace o novo ser, posibilitan a xuntanza de dúas células, presentanas en sociedade, pero a súa laboura constructiva non vai máis alá.

Logo de feita a fecundación a célula váise reproducindo, absorvendo materia i enerxía que recibe a través da súa nai. Crece e crece, crea organos, crea fluidos, crea un cerebro...crea un ser que resultou ser eficaz para a supervivencia ao longo de miles de anos.

Si resumimo-lo proceso, e tomamos distancia, parte desa terra, desa auga, dese aire e dese lume do mundo combinaronse para formar un ser autonomo sen a intervención de "ninguén".

Logo se non interviu ninguén, o arquitecto é xusto dicir que son as propias leis que gobernan a materia e a enexía. Podemos dicir que hai impreso no mundo unha vontade ou instinto de vida, unha forza bruta da natureza que nos impulsa desde dentro a seguir.

Desde o primeiro momento no que comezou o devenir do Universo, a vida xa estaba inscrita nos seus xenes, como si fose unha longa canción que se ía cantar sen compasión, sen lamentos, sen culpa algunha, porque ninguén hai a quen "culpar".