mércores, 30 de marzo de 2011

O tempo

Cando falamos de tempo, en realidade estamos falando dunha memorización de momentos. O pasado son recordos, e o futuro unha ilusión. No Universo coñecido só existe o momento presente, o instante actual, só existe "agora". A nosa visión da realidade acaba dependendo:

  •  Da memorización dos datos sensibles que imos recibindo ao longo da vida
  •  Dos datos rexistrados sobre o que ten acontecido no mundo.
A partir de toda esta información sobre o mundo imos construindo un modelo mental. Nese modelo da realidade hai un pasado, un presente e un posible futuro, pero na realidade en sí mesma só hai un eterno "agora".

Ordeamos tódolos acontecementos, interpretamos feitos, buscamos causas...e acabamos tomando decisións baseándonos no noso modelo mental da realidade. Ese "modelo mental" creo que é realmente o que se vai pesando para conseguila supervivencia como individuo e como grupo.

Tal vez por iso sexamos tan maleables en todo o relativo ao tempo e a consciencia. Tódolos gobernos, e algúns grupos ideóloxicos, en maior ou menor medida, tentaron e tentan meter man no control dos datos sobre os acontecementos pasados, controlando a información que se transmite a cada individuo.

Que fráxil parece o coñecemento baseado nunha realidade instantánea, todo parece quedar na fiabilidade dos datos que todos manexamos. Sen datos reais, constuir un futuro, un mundo máis xusto e habitable, creo que vai ser imposible.

Negar ou descoñecer como funciona a realidade pareceme desastroso. Do mesmo xeito que sacamos a man do lume, ou nos apartamos cando se precipita cara a nós un coche, deberiamos buscar modelos que se acheguen ao comportamento real do mundo. Seguir instalados no pensamento "máxico" non parece ser unha boa base para construir un futuro.

Por iso creo que a base da busqueda da verdade é o "desexo de supervivencia", e ainda máis, creo que o sentido da realidade na mente ten que ver coas "ganas de vivir", co desexo de perdurar, si eso non está, é inútil esperar que apareza nada aproximado á verdade.

Sempre que haxa unha actitude honrada cara a "verdade", sempre que non se impoña unha visión deformada do mundo para defender un modelo que non soporte o escrutinio da razón, iremos dando pasiños cara adiante, ou como mínimo teremos a posibilidade de escoller o mellor camiño.

A búsqueda da verdade parece estar no código xenético dos seres vivos, e a suma de cada individuo parece contar.

venres, 25 de marzo de 2011

da materia inerte a materia viva.

Cando escoito a historia da evolución da vida, e a historia da materia inerte, sempre hai algo que non acabo de comprender;  ¿qué provoca que unha parte da materia se independice e teña vontade propia de perdurar no tempo como individuo e como especie?.

Coñécense ou dispomos de teorías axeitadas para comprende-lo desenrolo da vida, e as da materia, pero non acabo de percibir que é o que orixina a creación da vida orgánica.

Indo á cuestión, en todo "ser vivo", microorganismo, planta, animal, ou ser humano, a característica básica que lles permite considerarse vivos, é que queren seguir existinto, opoñense a morrer. Debe haber unha forza, instinto ou vontade na materia orgánica que se opón a disolución molecular, e celular, que dalgunha maneira non quere voltar ao estado inorgánico, non quere voltar a ser pó, hidróxeno primixenio...ou incluso partículas subatóminas no caos inicial.

Freud falaba da "pulsión de vida" (Eros), pero tamén falaba "dunha pulsión de morte" (Thanatos), como unha tendencia a voltar ao estado anterior "inorgánico". 

Todo isto parece estar en concordancia coa maneira que ten de ser o mundo físico, onde sempre se dan forzas ou tendencias antagónicas que a veces chegan a un equilibrio.

Os físicos falan do principio de acción e reacción, ou o que ven sendo o mesmo "todo sistema físico, manifesta unha oposición a cambiar de estado".  Desde logo isto dalle unha certa sensatez ao mundo cotián se non fose así, iriamonos sentar e poderíamos cair ao chan porque a silla cambiaría de sitio sen motivo algún. Por sorte a silla non se move se non hai ningún simpático que cha quita.





¿Será a vida consecuencia inevitable dos principios físicos que gobernan a materia inanimada?




mércores, 23 de marzo de 2011

Caderno de notas

Cada vez sorprendeme máis o que non sei. Aprendín un monte de conveniencias artificiais para sobrevivir pero non estou seguro de que teñan moito valor a meirande parte delas. A este respecto é incríbel o convinte e útil que é a miúdo ser verdadeiramente irracional para ir tirando.

Síntome agradecido a tódos aqueles  que non se deixaron amedrentar, e pouco a pouco foron conseguindo dar algo de luz na primitiva escuridade. Cando se prende a luz, lóxicamente aparecen innumerabeis preguntas que non sabemos respostar, e ante isto collen todo tipo de actitudes.

Fronte ao terror dun Deus intervencionista e castigador, fronte ao sofrimento de sentila mente esnaquizada polo medo ao inferno, á tortura, ou a chantaxe emocional...a posibilidade de vivir sen medo a unha intervención "grotesca" na miña existencia é moi atractiva.

Neste caderno vou a ir apuntando e desenrolando tódalas ideas orixinais e aprendidas ao longo do tempo no que teña folgos para escribir, para darlles unha volta máis, compartilas con quen queira lelas, e axudarme a min mesmo a rescatar algo de luz na invasión de datos que nos asulaga tódolos días.

Cando as cousas van ben, todo é coma un mar en calma nun día despexado, máis cando se torcen e vas directo á tormenta, ao cruce dos ventos, fai falla moita forza para volver a topa-lo camiño.