luns, 12 de maio de 2014

O diñeiro non serve para valorala vida.

O diñeiro?, obxectos metálicos ou de papel con figuras impresas nas súas caras?, números escritos nun espazo virtual?, débeda futura?, un elemento de goberno?.

Din que simboliza un "valor".  É dicir a "importancia" que lle damos a un obxecto ou servizo. Así unha patata pode valer 1 céntimo de euro, e unha xoia 1 millón de euros, o traballo dun médico 1.000 euros, e o traballo dun broker 1 millón de euros .

É o elemento que visibiliza do mercadeo. No caso da actividade laboral, segundo o que aportas, e/ou necesitan de tí, obtés un diñeiro.

A sociedade nembargantes mecaniza cada vez máis tódalas tarefas, e deixa de haber "traballo", sitios onde participar para obter algo deste diñeiro. Por enriba, debido a sobreoferta de traballadores, os salarios baixan ata o nivel que queiran os posuídores deses "sitios".

Queda, así, calquera individuo sometido a unha curiosa situación; pode chegar a non valer nada (en diñeiro) para os demáis. E como todo vai ter un prezo, sinxelamente a falta de "ocos retribuidos" condeao á fame e consecuentemente á morte.

Pero incluso tendo traballo, pode estar condeado él e a súa familia a sofrimentos e discriminacións de todo tipo, debido a que non chega ao mínimo para unha vida digna. Os seus fillos entrarán no mundo pola porta datrás, sen educación, alimentación e sanidade, (ou roupa de marca) non valeran nada para a sociedade, fora do mercadeo.

Pero que lle pasa ao diñeiro? esfumase? non, acumulase nas máns dunha pequena cantidade de individuos ou organizacións que seguen e seguen sacando diñeiro da circulación, ou acumulando débedas dos demáis, en definitiva, apropiandose da maioría do "valor" en circulación.

Chegamos a un curioso sistema, onde os que controlan a circulación e redistribución do "capital", quedanse cunha gran maioría, sacandolles aos demáis a posibilidade de "valorar" a maioría das cousas. Van chuchando na riqueza, ata que se fan coa inmensa maioría dela.

Logo, qué temos ao final? hieráticos individuos enchidos de "kapital" que non se vai usar para valorar nada, e unha gran parte da sociedade condeada á morte, porque segundo o sistema non vale nada, e non pode valorar nada.

Pero se non vale de nada respeitalo código civil, as outras persoas e os seus bens, crialos fillos, respeitalo ben común, estudar no sistema predisposto....  qué sentido terá para esas persoas que caen no baleiro respeitalo pacto social?.

Para unha vida colectiva saudable e desexable,  ogallá a brúxula cambie antes de chegar a un punto de non retorno.

Desde a miña subxectividade, resultame noxento, un sistema de presión controlado por xente perdida, xente mecanizada, que perdeu calquera sensibilidade, imperfección ou empatía cara aos demáis. Toparon o mundo perfecto para eles, o libre mercado, e eles están arriba cunha inmensa humanidade coa que xogar a ser deuses.

mércores, 5 de febreiro de 2014

Bento de Spinosa.

Miles de galaxias nun diminuto punto do ceo.
Estes anos veño de redescobrir un filósofo deses que me sorprende, vou lendo o que pensa e digome ¡si, si, é así!.

Bento Spinoza era fillo de xudeus emigrados á Holanda desde Portugal, viviu nunha época de fanatismo e loita relixiosa terribel, no século XVII, e sen ningún dos datos científicos modernos chegou a visións moi profundas do mundo. 

Este herexe de toda relixión convencional, expulsado da súa comunidade xudía e illado para sempre da súa familia, descubriu un sentimento relixioso humano, natural, libre, un sentimento que pertence a persoa e non a ningún predicador, un deus que non manda, nin xulga, nin castiga, nin premia, "o propio mundo incluíndonos a nós mesmos".

Era metódico e honrado, foi un liberador do terror do inferno e do azucre do ceo, foi descobridor das conclusións da ciencia antes de que se desenrolara tan brillantemente nos seguintes séculos. Pensaba e pulía lentes para ir ganándose a vida, ao mesmo tempo que a súa enfermidade pulmonar crónica avanzaba ata matalo.

"Só hai unha sustancia", "tódalas formas posibles realizanse". Hoxe sábese que estamos nun Universo inmenso coas mesmas propiedades en tódolos sitios, estase chegando a unha teoria unificada sobre a materia que vai acabar concretándose nunha soa lei para a interacción e nunha soa sustancia, sábese que somos froito dun devenir imparable, sábese que hai moléculas orgánicas navegando por todo o espazo, e sábese que a vida é o resultado imparabel cando se dan as circunstancias físicas propicias.

Todo indica que temos un Universo cheo de seres vivos en calquera dirección na que miremos; agora mesmo pareceme case absurdo que non sexa así, hai miles de millóns de sitios onde unha bacteria pode sair adiante. Tamén hai que recoñecelo, a distancia que nos separa de calquera dos sitios posibles mais achegados  parece insalvábel para que haxa un contacto endexamais.

É un pracer topar un pensador así, coma unha madeira a deriva nun mar de ideas cheas de fedor a poder barato, prepotencia, mediocridade e inxustiza. Sen dúbida tamén teria os seus erros, pero a súa ética e honradez intelectual, acabou abrindo unha fenda definitiva no muro teolóxico-político construido con sangue, tortura e morte ao londo de séculos. Enfrontouse ao "medo", ao castigo da "manada", á "ameaza divina", para construir unha casa sólida, unha ética baseada no si mesmo, na liberdade, e non no medo, deu un paso adiante e atreveuse a ser un home libre nun mundo escuro.

luns, 18 de novembro de 2013

Concentración de poder e anarquía ética

Como individuos estamos sumerxidos nunha dinámica de separación-alienación, ou unificación-diversificación. Esta dinámica natural se non se bloquea patoloxicamente desenrolase libremente creando novas persoas pero vinculadas coas do seu entorno e orixe, como di o sicoanalise somos "suxeitos" porque estamos "suxeitos". 

O noso modo de ser levounos ao éxito actual sobre a natureza. Desde o punto de vista de especie unha estructura parece verse no horizonte, unha unificación, un desexo de paz mundial, pero tamén un odio contra todo o que non estea uniformizado, normalizado. Sexa como sexa as culturas máis agresivas, máis ansiosas de poder co seu entorno impuxeronse, estableceron a dinámica dominante, e agora estamos nese proceso de goberno global, de unificación da Lei.

Pero unha vez conformada esa "orde mundial" ¿qué? ¿a onde ir? ¿qué sistema temos como referencia? ¿qué veciños nos quedan para discutir, comparar, contrastar ou guerrear? pois claramente ningún. Quedaria a especie pechada sobre si mesma, sen diversidade, sen capacidade de cambio, neurotizada buscando inimigos no seu interior cunha policia interna axigantada, perderianse rapidamente tódolos matices.

As estrelas están tan lonxe, e necesitamos tanto un sitio onde ir!, e si topasemos un inimigo exterior, qué ledicia, que forza unificadora e pacificadora tan poderosa, un inimigo común a toda a humanidade, ata os elefantes se poderian librar da nosa  agresividade máis noxenta, pero non sendo así, na unidade de toda a humanidade só vexo morte, a fin do proceso criativo, a derrota do individuo. Un sistema monstruosamente grande, vai ser flexible e tolerante?, onde se viu tal?.

Os sistemas internos "nacións soberanas" condicionan ao individuo, tentan formalo, estandarizalo, pero o individuo "resistese", busca, cambia, rebelase, vive buscando a súa liberdade, o seu ser. A existencia de diversas maneiras de facer, opinión, valores, e obxectivos permiten manter vivo ese "buscar" do que "busca", do home que quere ser libre. No momento en que a vida quede estandarizada, e automatizada, comezaranse (e comezan) a producirse fenómenos relacionados coa fixación mental, coa falla de desexo, co pensamento único, coa morte.

A soberania mundial, provocará e xa está provocando a incapacidade non só dos individuos, senon das minorias para facer nada relacionado co seu desexo, non se pode chegar ao poder para cambiala mínima cousa, é o final, a morte da esperanza, a morte en vida.

Por iso a vida non ten un destino "exterior" a si mesma, iso é un invento cultural, a vida págase a si mesma co pracer de crear, e cada ser vive ata onde lle é posible "co seu modo de vivir". Non somos tan importantes, desde o punto de vista co que contemplamos esta cuestión (o dominio, a xerarquización, o poder, o mito, a vanidade), pode haber millóns de planetas e millóns de seres que escolleron outra filosofía de vida diferente,  pero non fai falla elucubrar, xa houbo centos de culturas e sentimentos diferentes que morreron, e impresionantes especies que desapareceron. 

En realidade creo que buscamos dicir, ¡sí, somos nós, somos o obxectivo de papa, somos nós o cumio da creación! , ¡Non podemos estar equivocados!, ¡Deus non pode estar equivocado! ¡A nosa vida non pode depender das nosas decisións e sabiduria!. Pois sí, e non só diso, por suposto da pingueira de "azar" agachado tralo descoñecemento do devenir do universo do que formamos parte. 

Tal vez se poida dicir, somos nós, somos tan mundo como a pedra, a árbore e o animal, somos tan universo como a estrela máis distante, e témola sorte e o perigo, de poder velo, de descubrilo, ainda que ninguén nos vai librar do perigo que supón estar vivo.

A inflamación da importancia, ese xoguete roto da nosa vanidade! Buscamos esa importancia por tódolos sitios cantos hai, eu diria máis, inventámola e o peor de todo, necesitámola desesperadamente. Por iso non nos podemos desapegar da manada, qué valores íamos usar, qué vivencias poderiamos ter!.

Unha anarquia ética, tódolos individuos abrazando a súa liberdade, o seu desexo, i en equilibrio, sen violencia contra a integridade física do outro. Eu creo que é posible, pero a súa construcción esixe unha ética persoal aceptada por todos, por enriba da vida ou a morte. Non se pode aniquilalo veciño só polo feito de que nos baixou un pouco o nivel de vida.

Un mundo baseado no coñecemento de sí mesmos, unha etapa cultural onde todo o mundo tope libremente o seu sitio, onde a educación sexa para aprender a buscar. Endexamáis estivemos tan preto de conseguir algo parecido.

Un equilibrio co medio, e un progreso no saber que permita unha vida digna durante miles de anos ¿será isto posible a partires do momento cultural en que nos atopamos ou virá inexorablemente unha época negra, unha degradación imposible de parar da vida humana?

O máis increible do mundo é que todos podemos estar equivocados ou acertados nas decisións que tomamos, desde o individuo máis perfeccionista, aplaudido e enmedallado, ata un grupo, ou a especie enteira. Tal vez por isto, tamén a tolicie ten a súa razón de ser, non convén ser demasiado serio en todo momento.

Realmente o Estado Moderno é unha institución para encamiñarmonos cara a liberdade coma unha especie de mal necesario (escaiola ou muleta temporal) ou simplemente é un mecanismo colectivo de homoxenización e control co único fin de acumular poder pero sen ningún interese en construir algo da suficiente dignidade para que calquera persoa poida xustificala súa vida sen recorrer á mecanismos de alienación?.