domingo, 20 de outubro de 2013

O poder da palabra "persoa"

Non resulta fácil saber o que somos, quén somos, a fin de contas e cunha expresión empregada por pensadores e sabios, non é sinxelo "coñecerse a si mesmo". Ao longo da miña vida tenme feito unha agarimosa compañía o desexo de saber, topeime con codias duras de roer, a ilusión, a fantasia, os prexuizos, as idealizacións, as represións, a herdanza, o poder, a conveniencia social, as expectativas, os celos, a envexa e coa miña propria subxectividade.  Roendo e roendo, ou como diría aquel pensador, "rumiando", fun dixerindo e asimilando algunhas delas (digamos codias, digamos herba dura) e volveume un destes días á tona dese mar profundo que levamos dentro, unha humilde verba ao sol que parecía case insignificante, "persoa".

Levo visto e escoitado moitas palabras para referirse a un ser humano. Unhas son tristes e degradantes "escravo, ovella, paria", outras grandilocuentes "señor", outras fan referencia as relacións máis ou menos achegadas "parente, paisano, membro do partido, un dos nosos", outras son construcións políticas máis abertas como "cidadán", outras son frías, case estadísticas como "individuo, tipo" outras limitadas ao mundo do traballo "traballador, operario, dono, capitalista" e incluso hai algunha de profundo significado na teoría sicoanalítica como "suxeito", pero para mín a palabra que fai cambiar por sí mesma a estrutura política e sicolóxica da sociedade e da especie pola propia definición dunha das súas partes é a de "persoa". É unha verba liberadora, non engade nin quita nada, e deixa a todo o mundo coa súa dignidade intacta.

Os nazis, tiñan que dicirse a sí mesmos que os xudeos non eran persoas para poder gasealos, tiñan que mentirse radicalmente a sí mesmos. Un dos fundadores da primeira constitución dos E.U.A. falaba da liberdade das persoas, e tiña 700 escravos (negros, dician) nas súas prantacións, é dicir, tiña que mentirse a sí mesmo tódalas mañáns namentras escribía doces artigos constitucionais sobre a liberdade humana.

Busquei nos diccionarios a súa etimoloxía:

Do lat. persōna, máscara de actor, personaxe teatral, este do etrusco phersu, e este do gr. πρόσωπον). A súa orixe reside no teatro grego. Persoa (prósopon, en grego) era a máscara que utilizaban os actores  e que tiña unha dobre función: a de encarnar dalguna maneira a “personaxe” que o actor representaba e, ademáis, servía como “megáfono”. (As máscaras estaban deseñadas de tal maneira que servían para amplificala voz. Os teatros eran ao aire libre).

A sociedade crea os papeis a representar, mais desde o intre en que sabemos que calquera de nós ou dos nosos seres queridos, podemos ser os inxustamente tratados, ou esquecidos, sabemos que as leis teñen que ser para todos, e que non hai que descoidar ningún "papel". O mundo leva implícito algo que podemos chamar "estrutura para todos" na que o muiño do tempo xira e calquera pode ter ocasión de vivilo papel que axudamos a crear, e aínda que non sexa un o que actúa, qué máis da!, sabemos que podereiamos estar alí, no seu sítio.

Tamén ten outra consecuencia máis filosófica, ou íntima, decatamonos por outra vía (a lingüística) de que todos estamos formados da mesma forza, sustancia ou espirito, que emerxe na materia, non importa quen sexa, sabemos que algo desa persoa sexa boa ou mala para nós, alta ou baixa, negra ou branca, intelixente, profunda, perspicaz ou estúpida, forma parte de nós. ¿Cómo, senon,  aprendemos do comportamento de todos aos que ollamos "os impulsos, desexos e sentimentos que nos moven"? ¿Cómo, senon, desfrutamos tanto vendo aos outros no teatro, sabemos que o seu interior é da mesma sustancia que a nosa?.

luns, 26 de agosto de 2013

Sobre a concentración de poder

O sistema, as leis, a relixión, o poder establecido, todo sae da mente humana. Eses políticos traxeados, eses bispos con babuchas, eses tesos e uniformados xenerais, eses periodistas i economistas parlanchíns, todos eles xestionan as verbas escritas da orde vixente. 

Non sirve de nada o goberno de un, ou o goberno de case-todos, si se pasa por enriba do respeito a integridade física e síquica da persoa individual.

Unha cousa son as boas intencións, os principios fundamentais e outra moi distinta o que facemos. Os nazis foron un cumio da barbarie, pero a barbarie brota por tódolos lados i en tódolos tempos. Un dos piares básicos do éxito nazi foi a tendencia do pobo aleman a "obediencia" como virtude en sí mesma.

O sistema económico neoliberal, o canibalismo económico (poderiamos chamarlle), tivo o éxito de canalizala nosa agresividade cara a riqueza material, pero non só iso, por desgraza vai máis alá, promovea, convertea no valor supremo, idolatraa. Ademáis recuperou un dos piares básicos do éxito dos fascismos "a obediencia". Baixo o lema "adaptate e triunfa" que se agacha? pechalos ollos e agarrarse ao novo catecismo, ou sexa, a conta bancaria.

Despois da II G.M., a "visión do horror" permitiunos identificar o comportamento nazi como "mal supremo" e por en marcha medidas que permitiron moitos beneficios sociais, e un gran avance na educación e cultura da xente nos paises occidentais.

Pero en paralelo aos bonitos descursos, viñeron xogos olímpicos con atletas dopados ata as orellas, desenrolo de armamento mortífero, contaminación sen límite, sistema enerxético non-sustentabel, e agora, laminación da idea de persoa e ben común, nunha tola carreira cara a un estalido violento que faga saltala orde e o futuro polo aire. 

O comportamento a nivel manada é altamente "irracional". Os directivos e inversores queren máis beneficios, os políticos son títeres dos movementos de capital, os traballadores céntranse no seu poder adquisitivo e na súa supervivencia, os parados caen no baleiro, e o concepto de "persoa" e "ben común" interesa a pouca xente a pesares de ser un bimbio do cesto fundamental, pero que non sae naturalmente, descobrese cando comeza a cailo gran polo chan a moreas.

A historia humana vai camiño de tensala corda ata o límite, de algunha maneira estamos aprendendo a construir algo colectivo que nos acolla a todos, pero iso obriganos a pasar polo fio da navalla, a algo moi perigoso: "construir un macropoder-global". ¿Quén vai controlar ese poder? ¿Quén o vai parar cando se poña en marcha? ¿Cómo se van defendelas minorias?¿Cómo se vai defendela minoria máis inmensa de todas "a persoa"?.

Un só poder que controle toda a información...ogalla non o vexa nunca.

Ah! o tílulo: saín o sábado a tomar uns viños, o alcool xa se sabe que desinhibe, ao mellor iso púxome cismático e deume para escribir isto, é unha mágoa que teña efectos secundarios, ainda que sospeito que teriamos morriña do peso do mundo como da chuvia. 

venres, 17 de maio de 2013

Falacias I

Definición: Argumento falso que se emprega para confundir, convencer, dominar ou non cambiar de posición.

Vou tentar facer un resume das máis significativas, pero indico abaixo unha páxina moi completa sobre o tema.

1) Apelar a unha autoridade. Esta foi empregada hai poucos dias polo Telediario da 1ª RTVE, cando comentaron que "ir a Igrexa a rezar era moi beneficioso para os parados segundo indicaban os sicólogos". Por unha banda hai un interese agachado de alguén preto do goberno que quere que a xente volte a igrexa, e pola outra apoianse nunha autoridade con prestixio para falar de estados anímicos "os sicólogos". Neste caso para máis inri nin se definiu asociación,  colexio profesional que o suscribe, escola ou grupo de expertos, sinxelamente é algo inventado para un fin. 

Na tertulida de viaV o sicólogo Manuel Fdez Blanco comentou axiña despois de escoitala noticia "non no meu nome", posteriormente saíu un desmentido do "colexio de sicólogos" negando tal afirmación, pero o obxectivo xa estaba conseguido, xa se inoculou o "virus" na mente de millóns de persoas. 

Non sería mala solución que a base da pirámide en termos monetarios conseguira algo de equidade rezando tódolos días aos emperadores financieiros, pero a Historia dinos que nada diso acontece, só o poder, é dicir, (a ameaza cun dano ou unha perda), fai movelas posicións.

2) Apelar á autoridade anónima. Isto é da mesta natureza que o rumor, "alguén dixo que...", "un estudo afirma que...", sen facer referencia ao autor, ou a obra, ou a orixe de tal traballo de investigación.

3) Apelar á "práctica común". Nesta terra levabase motio aproveitar ata o derradeiro vago que quedaba na viña, e colleitalos antes de que chegaran á súa máxima madurez non vaia ser que chovera. Eu discutín algo cunha persoa, que non ven ao caso, "mira que en Francia, e na Rioja non se fai así, escollen os mellores cangallos e deixanos madurar ben para que o viño colla alcool". A resposta era sempre "Non, aquí é practica común facelo así". Por sorte para mín, que o bebía a cotío, co tempo foi cambiando, iso sí, a base de facer viño augado e perdela colleita co paso dos meses.

4) Apelar á ignorancia de si mesmo. Estas falacias son do tipo "a min ninguén me demostrou que baterlle a un neno sexa malo, polo tanto unha zurra de cando en vez non lle ven mal". A personaxe coloca a carga da proba nos demais, os demais son os que teñen que demostrarlle, os libros teñen que abrirse e avantar en col del e moverllelos miolos para que entenda de maneira obxectiva a verdade ou falsidade da súa tese.

5) Apelar á incredulidade. Como exemplo ocorreseme unha que ten relación coa manada, "un corpo son millóns de átomos perfectamente organizadas, non pode ser que non haxa un deseñador que os organizou". O falante trata de mostrar unha realidade de tal impacto e complexidade que agache calquera posible discusión sobre a xénese de tal fenómeno.

6) Apelar ao diñeiro. Esta é moi do noso tempo (tanto tes tanto vales), basease de darlle a unha persoa con moitos cartos a presunción de veracidade, ou a un obxecto moi caro a condición de bó. Do tipo "o multimillonario "melapela" dixo que hai que reducir salarios en Bangladesh para mellorala productividade", automaticamente a súa opinión sae en medios de comunicación e a xente admite "si, ese pode falar, ese é alguén".

7) Apelar a unha crenza colectiva. En realidade esta é a base do poder, ideas compartidas por unha maioría da manada. Por exemplo "aquí todos cremos que María era virxe, agora ves ti de listo a inventarte teorias novas", o divertido "aquí" sería buscalos mecanismos, e a historia dos feitos reais, para conseguir que millóns de persoas se crean iso, sobre todo as propias mulleres... igual podíamos atopar sangue, suor, bágoas, torturas, sacrificios, propaganda, amor cándido, manada e poder, poder e poder. 

8) Apelar á probabilidade. "Hai centos de exércitos con miles de mandos militares e políticos polo tanto debe haber vida intelixente neles". Non se pode afirmar que exista vida intelixente nos exércitos baseándose na idea da cantidade de individuos ao mando que hai neles, alomenos debería haber un caso onde se rexistrase cientificamente que aí había vida intelixente (libre).

9) Apelar á novidade. Isto máis que falacia é ata cómico, hai unha tendencia a admitir como todo o novo como mellor, máis valioso ou máis verdadeiro, segundo de que se este a falar. Así perante a antesala da guerra do Iraque dician (os interesados no sí a guerra): "a vella Europa xa non vale, nós (os USA) somos unha civilización nova e polo tanto temos razón".

Visto o visto, non había armas de destrución masiva, non se soluciona o problema enerxético, meteronse nun puzo económico do que lles está custando sair, crearon un desastre humanitario que non parará de sangrar perante décadas e van consolidar outro estado "islámico" que será unha bomba para o futuro da zona, e para as mulleres modernas que alí viven e que estarán tremendo polas súa vidas.

10) Apelar á tradición.  Por exemplo, "Aquí é tradición despeñar un burro desde o campanario o un de abril, polo tanto non pode ter nada de malo". As tradicións débense peneirar, somos simios evolucionados, canto máis miramos atrás máis "salvaxe" é o comportamento que atopamos.