luns, 21 de xaneiro de 2013

Reflexión material


Tódolos datos acumulados durante os derradeiros douscentos anos levannos a unha orixe incríbel: todo o que chamamos Universo observabel naceu, por así dícilo, nun espazo inferior a un átomo, é dicir, de case-nada, ou mesmo, como moitos atrevense a dicir: directamente da nada.

Todo é un devenir, nada permanece, nada é absoluto, todo é funcional, ninguén estivo antes eiquí, ninguén estará despois, e a nosa vida pódese ver como unha loita desesperada contra a nada, contra a nada da que vimos e a nada á que imos.

Os materialistas e os idealistas levan séculos en loita dialéctica, prevalece o espírito ou a materia?. A primeiros de século un home xenial veu a iguala-las cousas, cunha simple formula díxonos que masa i enerxía son equivalentes. Que quere dicir isto, que a materia sólida, líquida, e gaseosa son equivalentes á luz, a electricidade, á gravidade...todo canto hai no mundo é reducíbel e transformábel en enerxía nas condicións axeitadas.

O ideal e o material, posiblemente sexan conceptos equivalentes ou polos menos transformables un no outro, no senso de que todo ser en realidade é información, é unha "materialización de datos", unha apariencia, unha construcción atómica que se manifesta e que renova tódolos seus átomos ao longo da vida, é dicir, non está atada a un conxunto  concreto destes elementos, é a información que colle forma e "manda" sobre o entorno, unha información que figura momentanemente nunha molécula de ADN, unha información que se constrúe e depende do camiño que percorre, un querer ser por enriba do devir.

Intúo que nada é comprendido sen a súa historia, como pode o carbono ser diamante, antracita, grafito ou unha simple turba. Os que coñecen a "historia" de cada un dos minerais anteditos saben algo deles, pero a súa "historia" só existe na mente deses homes, o pasado xa non está para a materia, a materia só pode ser explicada, só pode ser comprendida, con "información", e sobre todo coa súa historia.

Eiquí reside o valor da honradez, da veracidade, da intuición, da ética, eiquí reside o valor de non enganarse a sí mesmo, é a única vía de atopalo ser das cousas, de aprender algo delas, e de nós mesmos, é a única maneira de vela nosa historia real, é a única maneira de escribila nosa "historia" doutra forma e non cair en eternos círculos de comportamento auto-destructivo.

O día que me dín conta de que a "estupidez" é en realidade unha "debilidade emocional" coma outra calquera, unha construcción vital que non está baseada na veracidade, un castelo no aire, unha estrofa inacabada, un facer sen sentido, quedei en certa paz cos demáis e comigo mesmo. A transmisión de certas crenzas e comportamentos,  o sermos na nosa orixe animais de "manada", o terror a soidade, en definitiva, a "historia" agachada debaixo do manto da "normalidade establecida", é o alicerce, tamén, da estupidez.

Somos unha obra inacabada, chea de debilidade, de defectos, de problemas, e seguramente ise é o motor que move o mundo (a falta), sempre queda algo que facer, que mellorar, que resolver. A "propaganda", a "mentira", e o "ruído" poden deixarnos perdidos no tempo, cegos diante do camiño a seguir.


martes, 11 de decembro de 2012

Un camiño que se estreita

Toda-las noticias que nos asulagan apuntan nun só senso, a recesión, o paro, a baixada ainda máis fonda da actividade económica no Estado Español, e na nosa terra. Eu traballo nun sector directamente relacionado coa construcción, son enxeñeiro técnico industrial, tristemente fun vendo como a xente coa que traballaba ía na mesma dirección que o indicador global, e con eles, eu mesmo. Hoxe, a once de decembro de 2012 vexo o 2013 con pouca esperanza de mellora, e coa case segura necesidade de pecha-la oficina por non poder atende-los custes fixos da miña actividade. Curiosamente isto coincide cunha etapa feliz da miña vida, desfruto inmensamente vendo a miña compañeira  e ao noso pequeno con vitalidade e ledicia. Non hai nada mellor para min estes dias que darlle de comer, cambiarllelo cueiro e levar á escola infantil a Xián.

De repetirse os datos dos derradeiros tres meses vou quebrar, iso non ten dúbida, pero iso só é a miña realidade laboral persoal, e podería ser causada por moitos factores, polo que non me vou enlamar en ver "pecados" nin "culpas" nin "defectos", pretendo ver ¿qué se pode facer?. 

Abstraéndome da miña situación persoal está a economía, ou sexa as actividades, a cultura, as normas e organización a traverso das cales administranse bens e servizos scasos para cubrilas necesidades das persoas pertencentes a esa sociedade. Velaquí a realidade presente e futura nalgúns aspectos básicos:

  • Xa sabemos que hoxe en día os recursos consumidos pola economía global só se rexeneran nun 75%, é dicir, que o sistema económico actual baseado no crecemento continuo fixo "crack". A realidade está pitando e avisando de que por esa vía non hai saída. Podemos pechalos ollos e rezar ou abrilos e sermos conscientes de que hai que "reformalo sistema".

  • Sábese tamén que o sistema enerxético ademáis de non ser sostíbel, ten unha vida limitada, i en breve tempo dara orixe a graves alteracións do equilibrio oferta-demanda no mercado do petróleo. Isto é así pola chegada ao "cumio de producción", a partires de ahí non se sabe o tempo que se pode manter, pero calquera actuación na cantidade dispoñible no mercado, ou ben, a continuidade do crecemento da demanda (crecemento económico) vai provocar subidas incontroladas dos prezos.

  • E quedanos o factor máis grave, que foi tapado polos grandes poderes económicos, incluidos    os gobernos dos paises máis poderosos durante todos estes anos, o chamado "cambio global", e digo global e non climático, porque afecta a tódolos ciclos "vitais" que se dan na Terra, incluidos os océanos. Isto, segundo parece, poderíase reducir si cambiaramos de actitude ante os custes ambientais da nosa economía.

En resume que as tendencias globais non axudan pero aínda non estouparon, aínda non son a "causa" desta crise. Ata hoxe en día non hai restriccións no consumo, nin na produción, seguimos como ata agora pensando que a Terra é infinita, programas gubernamentais baseados no crecemento do PIB, estratexias baseadas no máximo beneficio, "loro-economístas" falando de crecemento... ¿cal foi logo a causa da crise? só hai unha "a especulación" e o "libre mercado financieiro". A desprotección de tódolos tecidos sostibles por tecidos económicos "insostibles" que non teñen en conta o impacto destructivo que provocan, e por outra banda a especulación sen freo, da que se fixo participe a unha grande parte da sociedade.

En resume: non se impuxeron límites nos recursos a empregar, aumentou o capital, a riqueza, e a comida no mundo (globalmente pero non en tódalas mesas), non houbo limitacións nos sistemas de produción, non se limitaron as transaccións internacionais, non hai guerra, pero aínda así os bens e servizos non chegan á xente, e destrúese nembargantes o traballo, é dicir, o sistema económico non funciona, está podrecido, e  no futuro imporanse condicións máis duras, reais, non inventadas por especuladores, sofistas, mentireiros, e corruptos, senon polos límites do mundo físico no que vivimos, e por desgraza, xente que viaxa en "jet privado e ten ducias de casas" só ten unha solución, "facer máis xente pobre, matar máis xente de fame, alienar máis persoas" para conseguir manter a directriz básica do funcionamento económico: "conservala taxa de beneficios ou aumentalos". Profesores de Economía e dirixentes da Banca Ética explicano claramente, cando se implantou o sistema de bonus ou primas por ganancias, a cobiza destruíu toda ética e todo control. No fondo ben sendo o mesmo que unha ditadura onde o personaxe que ten o control absoluto vai inchando e inchando coma un sapo.

¿Hai saída  deste tobo?. Creo que sí, os detalles para unha saída máis humana xa se saben, hai economistas con vínculos emocionais coa xente que o están contando; Banca ética, enerxias renovábeis, ben común, límite máiximo na proporción salario máximo-mínimo, reparto do tempo de traballo, soberanía alimentaria, educación , empatía, taxa aos movimentos financieiros, creatividade, transparencia...

Pero hai unha dificultade importante, o factor "inercial". Os cambios son moi lentos na nosa estrutura mental, só hai que ver con que lentitude se introduciu a "liberdade, igualdade e fraternidade" da revolución francesa no mundo, ainda hoxe en día  non se ten un coñecemento claro dos termos, compatible co pleno desenrolo do espírito humano. A gran camada especulativa que nos dirixe está entregada a unha "inercia económica" baseada na impotencia dos cidadáns para facer cambios. Conquistala liberdade, i establecer vínculos de solidariedade que substitúan á clasica pirámide de poder é a única saída para aplicalos cambios necesarios de maneira humana. Cambialos esquemas vellos e construir unha economía para a sociedade, e non sacrificala sociedade e o mundo (incluso a biosfera) para a permanencia dunha economía que só é boa para uns poucos. En resume, o mundo é físico e seguirá sendo físico, o único factor de cambio "real" é a mente de cada persoa, non nos enganemos con malvados inimigos e ocultas confabulacións, o mundo social é a suma da nosa vontade e da dos nosos antergos que persiste nos nosos esquemas.


martes, 27 de novembro de 2012

O medo a liberdade (Erich Fromm)

Gustoume moito este libro. Foi escrito por Erich Fromm, un sicoanalista e filósofo humanista xudeualemán en 1941, durante a segunda guerra mundial, por suposto no exilio.

Fai unha análise do nacemento histórico da liberdade e das interaccións entre relixión, economía, sociedade, ideas e sicoloxía no individuo. Estuda a xeración do feixismo, i en xeral dos sistemas autoritarios, e tamén do sistema "autómata" das democracias modernas.

Teña en mente facer un resumo do que a mín me parece máis importante, pero é posible que a crise e a falla de traballo me presionen para invertir máis enerxía  na subsistencia económica e non poida facelo.

Para min Erich Fromm rescata algo que Nietszche non se esforza en rescatar. Teño a sensación que Friedrich Nietzsche estuda o mundo tal como é, cheo de moitísima xeste pasiva, sumisa, necia, e ignorante e dunhas minorias que empregan o seu sadismo, en maior ou menor grao para controlalas. Nietzsche tamén quere unha superación, quere seres humáns mellores, homes e mulleres libres, pero non se para moito en valoriza-lo que hai en todos, él só busca a realización do "ideal". Erich Fromm coloca a esencia do ser humano en tódolos homes, a liberdade é o corazón do individuo, é a fonte da que nace a súa sicoloxía. Tódolas persoas son iguais no seu nacer síquico, logo o que "se fai" con iso, e o que o propio suxeito vive e experimenta, lévao por distintos camiños. Coloca a toda persoa na historia, na súa sociedade, na súa orixe, descubre as forzas que o inflúen, atopa a angustia e o medo, a insignificancia, a impotencia, a soidade, a manada.

 Erich Fromm é un rescatador, coa que estaba caíndo no mundo, busca no interior da sique de toda persoa, e non agacha o que ve, un comportamento que fluctúa en moitas persoas da esfera sádica á sumisa, i é capaz de ver unha alma rescatable pola educación, a ética, pola consciencia, por unha estructura social axeitada para facer persoas, en definitiva pódese facer algo con todo isto, pódese construir unha "superación". Agora sí, o risco, a posibilidade da victoria do terror, da soidade sempre estará ahí. Pensar e vivir por sí mesmo, desenrolarse a sí mesmo necesita dun entorno que permita ese crecemento libre da vida e do ser, esa expansión natural, esa risa sincera do neno.

Eu sempre intuín que se metes a unha persoa nun cárcere de "chantaxes emocionais" e "prexuizos", é moi dificil que sexa espontánea, alegre e libre de verdade, por moito que se lle berre na orella !eres libre! ¡vives nunha sociedade libre!¡sede felices!. Fai falla algo máis ca isto.

Hai un tráxicómico chiste que reflicte un pouco a relación entre "conducta" e realidade síquica, son uns pais que levan a un neno ao sicólogo porque non estuda, e dí o profesional "...pero este neno está moi triste", e responden automáticamente os pais "pois mire que o presionamos para que sexa máis alegre e sorría.". Non fai falla dicir máis. "A letra con sangue entra" dicían hai pouco nesta terra, pero ahí, dentro de nós queda unha estrutura sicolóxica que nos leva colectiva e individualmente por tristes camiños, a pesares de que durante un tempo parezan mellores. "Conducir" a alguén por un camiño, non é equivalente a despertala naturalidade, a espontaneidade, e o desexo do neno. Nas verbas de outros estudosos e divulgadores, non é o mesmo vivir no "modo supervivencia" que no "modo desexo".

Non cabe dúbida de que na existencia hai algo que parece contraditorio, toda persoa ven ao mundo por vontade de outros (dos seus pais alomenos), chegamos ao mundo nun tempo histórico, nunha clase social, nunha sociedade determinada, nembargante a nosa substancia síquica máis profunda é a liberdade, é o decubrimento do mundo. ¿Non estará ahí o conflito que move a historia?.