martes, 25 de novembro de 2025

Qué está pasando?

É unha boa pregunta, ademáis de base para a demagoxia, a politica, a loita de poder, o engano, a manipulación mediática, etc..

Desde o meu punto de vista, o que pasa é que vivimos o fin o crecemento económico, crece o capital, a débeda, pero a riqueza real non. De momento o sistema exprime o melón, sacrifica as sociedades máis débiles, coloniza, mata, extrae recursos de tódolos sitios posibles pero o límite terráqueo comeza a pitar en tódalas súas variables. Para seguir co banquete do crecemento as clases dominantes precisan esquilmala sociedade, empobrecela, sacarllelos servizos, exprimila máis e máis, como eles ben din, "como foi sempre". O declive enerxético queren cubrilo con outro tipo de enerxía barata, a vida i a enerxía do individuo a baixo custe, para usar e tirar, xa que a nova consigna é que "sobramos".

Ao mesmo tempo a loita de poder entre clases debilitouse, o poder na capital identificou a cooperación e a solidaridade co sistema soviético caído. As élites económicas, o poder real, hai xa moitas décadas que saben o que está pasando, e impuxeron a acumulación sen limite de capital en poucas mans como sistema, individualismo extremo, poder. Lóxicamente o reparto de riqueza, os servizos públicos, as relacións sociais, as agrupacións, a solidaridade, a cooperación, son conceptos que hai que derrubar, conceptos aos que hai que declararllela guerra.

Un alicerce básico desta sociedade, ao mellor de todas, pero desde logo das modernas, é a "conservación do estatus". Isto permite comprender que unha limitación na riqueza global, crea unha situación de necesidade de empobrecemento dos pobres e medianos para seguir mantendo a vanidade dos moi ricos. A medida que a produción de comida e riqueza chegue ao límite, a bomba social irá collendo máis presión. Isto constitúe a perda que a sociedade vive como perda de dereitos.

Outro alicerce, para min o determinante, dos individuos, das Sociedades, das Nacións, e dos Estados, a nivel histórico, é o "prestixio", a situación no discurso, na dialéctica colectiva e global, e isto fai que a acumulación de riqueza, e o potencial económico e militar sexa a berza trala que corren todos.

No fondo de todo está o poder na manada global, a violencia e capacidade de destruir como medida do poder e de sometemento, a dominación como sistema oculto, que sae ao descuberto, que emerxe sobre os doces discursos que circulaban na tona e que xa non son útiles aos que marcan a pauta.

A nivel interno, na sociedade occidental, a disputa sobre o poder, o prestixio, e o status, relativo a liberación da muller, e a definición da sexualidade, pon en tela de xuizo a sociedade patriarcal e toda a estrutura sobre a que se basa a civilización occidental. A transformación dunha sociedade, cara un futuro sen identidades claras, e sen construcións solidarias fortes, provocan unha disgregación, unha individualización, que no impás do transito, poden ser usadas para cair nunha sociedade neofeixista.

Todo está en disputa, a caída da URSS, e o uso dese modelo para a demonización da solidaridade (o comunismo como 0), e o capitalista como liberdade individual e feliz (1), permitiu construír un discurso bipolar onde calquera tipo de solidaridade i empatia co outro é comunismo, e o estado actual como froito do capitalismo. Todo isto é unha grande mentira, porque o comunismo de Estado, naceu como resposta á explotación extrema do outro, unha resposta ao canibalismo da vida do individuo. Ese comunismo tiña xa en si mesmo unha enfermidade tamén terrible, a oposta, negalo individuo e o pensamento propio e libre. Pero tivo un efecto positivo nas sociedades occidentais, grazas a existencia  da URSS,  co medo e a ameza do comunismo e a solidaridade obrera, construíronse os servizos sociais e un maior reparto de riqueza. 

En resposta a todo isto, a sociedade e o individuo, necesitanse e definense mutuamente, o individuo constrúe a súa identidade na sociedade, e a sociedade é construida pola cooperación dos individuos, aqui ten que haber un equilibrio, unha proporcionalidade.

A ignorancia constrúese coa sobredose de información i entretemento.

O dereitos calificanse como ataduras fronte a liberdade absoluta.

Adiviño un camiño, o actual, cara á posición inicial, o poder e o capital, en poucas mans, e unha grande masa de excravos sen dereitos, e criados na ignorancia, volve a violencia ao primeiro plano da realidade humana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario