xoves, 8 de xaneiro de 2015

Estase derrubando o edificio económico global (I)?

Vou elucubrar un pouco co sistema económico. 

Estamos nunha organización do traballo e da riqueza que se basea no "crecemento continuo" na que as tendencias parecen ser:

- Unha producción de bens cada vez maior.
- Unha vida media dos productos máis curta, reducindo a súa calidade,  incluso se ten dito que o futuro é a fabricación de bens de usar e tirar.
- Incentivar un desexo nas persoas de posesións materiais, e crear necesidades ficticias.

Este sistema presupón ao extendelo a toda a humanidade, enerxía ilimitada, recursos ilimitados e lixo ilimitado. Ata o de agora foi tirando, pero vaise meter en importantes conflitos coa realidade:

- A materia prima é limitada.
- A enerxía é limitada.
- O espazo para acumular lixo e asimilalos pola natureza é limitada.
- A maior parte da humanidade quere chegar ao nivel dos que máis teñen.
- Non temos planetas cerca para conquistar, explotar i exterminar, como se fixo con innumerabeis pobos en tempos pasados e presentes.

Manipulando a información, desacreditando ao críticos, ninguneando os datos poderíamos acabar ignorando a realidade e seguir de "festa rachada", pero a realidade non vai estirar, nin a miña maneira de ver, vai vir un miragre que faga que a radiactividade non sexa radiactiva, o lixo sexa inmaterial, e os pozos de petróleo se enchan de novo.

Si non somos quen de achegarnos á realidade, as consecuencias a medio plazo creo que son evidentes.

Perdemos decadas adicadas a nosa vanidade, á nosa avaricia. Esta é a realidade sobre o noso ser, tendemos a estupidez, ao surrealismo, ao irracional, só os grandes desastres, só a dor de enfrontarnos á morte nos aporta algo de sentido. Incluso o home máis serio, máis importante, ou máis intelixente está constituido en parte por esta sustancia expansiva sen control. Permitome estas licencias, porque ao fin e ao cabo, eu xa hai anos que me decatei que formo parte desta mesma natureza e por moi crítico que sexa trátaxe dunha realidade xenética que une a tódolos seres humans.

Cando o animal levantou a cabeza do chán, e gañou liberdade, apareceu o "homo stúpidus". Perdido no espazo-tempo, sen referencias, aprendeu a defenderse dos erros, e aproveitarse dos achados casuais. Pasaron miles de anos para aprender algo, pero non é abondo. Atolondrados pola abundancia puntual fomos capaces de tirar tódolos recursos que tiñamos a man, ignoralas advertencias feitas por concienzudos estudos sobre os limites do crecemento, e camiñar a velocidade de vertigo ata a destrución da nosa casa.

Sinceiramente creo que vai ser posible vivir e salvalos valores de liberdade e coñecemento nalgúns sitios, pero na maioría non vai ser así. As estructuras do pasado estan aí, e vai ser dificil superalas si non somos conscientes do que nos ven enriba.

Elucubrar un pouco é terapeutico... esa idea das asociacións como "vespera de nada" de prantar sementes para o futuro e non esperar un cambio na sociedade pareceme moi axeitada. Facer algo, o que se poida para que quede algunha estructura para a supervivencia.

Creo que perdín a fé no noso sentido común o día que vín como Jesús Gil ganaba elección, tras elección. De tódalas maneiras, xa moitas grandes mentes teñen incidido na tolicie absoluta dos homes estudiados colectivamente.

O camiño lóxico debería ir noutro sentido:

- Facer bens de equipo que duren o máis posible.
- Reciclar e reutilizar tódolos elementos usados que se poida.
- Aproveitar todo o lixo que se poida.
- Consumir só o necesario.
- Crear sistemas sostibles localmente, e interconectados en mercados locais para satisfacelas carencias de cada un cos excedentes dos outros.
- Crear un sistema enerxético o máis distribuido e o máis renovable posible.
- Crear un sistema de mobilidade pública que permita o mínimo consumo posible.
- Crear un sistema de reparto da riqueza máis xusto, facendo que a pirámide se desparrame e quede como moito como unha tetilla mantecosa fluida.
- Reservalo transporte privado para zonas de dificil acceso ou dispersas.
- Crear outras ilusións de éxito que eviten avións privados, grandes acumulacións de capital i elitismo sibarita.
- Sistema de retribución do esforzo persoal que non se base no "estatus económico"
- Reformala educación para aprender a comprender, valorar, estimar, pensar.
- Implantar no sistema económico os mesmos valores que na ensinanza.

Moitas destas cousas alviscanse lixeiramente. Creo que non serán realidade ata que verdadeiramente todos sexamos conscientes de que non hai escapatoria. O decrecemento impona a realidade, non sae da inspiración divina, e a solidaridade é só unha opción.

A negación da "necesidade imperiosa do reparto de riqueza", levará a loitas de poder que nos enterrarán outra vez en sistemas indignos para a condición humana, e incluso á guerra (e ninguén saberá como foi).

Creo que a vida ten que merecer ser vivida, e as condicións dos que nos rodean importan moito para crear unha sociedade sa e plena. Nunha sociedade feixista e mentirosa só se pode levar unha vida desa condición, ainda que exteriormente pareza outra cousa.

O mundo, segundo as previsións serias, vaise desgarrar e as sociedades vanse voltar a desconectar unhas das outras. 

Galiza ten unhas características moi especiais para a supervivencia, a súa economía de subsistencia, desprezada ata o día de hoxe, podenos permitir escapar da fame.

xoves, 1 de xaneiro de 2015

Feliz ano 2015

Desexovos un feliz ano 2015 a todos.

Son palabras importantes: desexo, o motor da vida, felicidade, un estado, un sentido, ano, o tempo, o ser, o devenir, a entropia, a sensibilidade, a existencia, todos, outro, esaxeración, ideal, fantasia, autoengano, desexo. 

Segundo o análise científico a nosa historia pódenos situar fai 14.000 millóns de anos nunha masa informe de particulas subatómicas, i eu preguntome, ¿qué carallo facía alí a información, a diversidade, a vida?. Qué imperfección se pode agachar detras dunha presión e temperatura brutal que poida provocar a posteriori unha inmensa diversidade? Cómo pode o ser agacharse nun espazo-tempo neutro, indeterminado, cuántico?

Ten sentido filosofar?

A resposta esperable é "si, mentras un se divirta", ou "si, como diversión". Pero somos seres complexos, non nacemos todos igual, cada un cai no mundo como cadra, algúns incluso sen dereito ou posibilidade de diversión, sen dereito ou posibilidade de construir un si mesmo, i eu creo que nesa situación, filosofar é maís que unha diversión, é unha necesidade desesperada para rompelo muro que te separa da túa propia vida, para eles, sobre todo, vai o meu desexo, para os que tentan superarse ainda que vivan ou viviran no erro.