luns, 26 de agosto de 2013

Sobre a concentración de poder

O sistema, as leis, a relixión, o poder establecido, todo sae da mente humana. Eses políticos traxeados, eses bispos con babuchas, eses tesos e uniformados xenerais, eses periodistas i economistas parlanchíns, todos eles xestionan as verbas escritas da orde vixente. 

Non sirve de nada o goberno de un, ou o goberno de case-todos, si se pasa por enriba do respeito a integridade física e síquica da persoa individual.

Unha cousa son as boas intencións, os principios fundamentais e outra moi distinta o que facemos. Os nazis foron un cumio da barbarie, pero a barbarie brota por tódolos lados i en tódolos tempos. Un dos piares básicos do éxito nazi foi a tendencia do pobo aleman a "obediencia" como virtude en sí mesma.

O sistema económico neoliberal, o canibalismo económico (poderiamos chamarlle), tivo o éxito de canalizala nosa agresividade cara a riqueza material, pero non só iso, por desgraza vai máis alá, promovea, convertea no valor supremo, idolatraa. Ademáis recuperou un dos piares básicos do éxito dos fascismos "a obediencia". Baixo o lema "adaptate e triunfa" que se agacha? pechalos ollos e agarrarse ao novo catecismo, ou sexa, a conta bancaria.

Despois da II G.M., a "visión do horror" permitiunos identificar o comportamento nazi como "mal supremo" e por en marcha medidas que permitiron moitos beneficios sociais, e un gran avance na educación e cultura da xente nos paises occidentais.

Pero en paralelo aos bonitos descursos, viñeron xogos olímpicos con atletas dopados ata as orellas, desenrolo de armamento mortífero, contaminación sen límite, sistema enerxético non-sustentabel, e agora, laminación da idea de persoa e ben común, nunha tola carreira cara a un estalido violento que faga saltala orde e o futuro polo aire. 

O comportamento a nivel manada é altamente "irracional". Os directivos e inversores queren máis beneficios, os políticos son títeres dos movementos de capital, os traballadores céntranse no seu poder adquisitivo e na súa supervivencia, os parados caen no baleiro, e o concepto de "persoa" e "ben común" interesa a pouca xente a pesares de ser un bimbio do cesto fundamental, pero que non sae naturalmente, descobrese cando comeza a cailo gran polo chan a moreas.

A historia humana vai camiño de tensala corda ata o límite, de algunha maneira estamos aprendendo a construir algo colectivo que nos acolla a todos, pero iso obriganos a pasar polo fio da navalla, a algo moi perigoso: "construir un macropoder-global". ¿Quén vai controlar ese poder? ¿Quén o vai parar cando se poña en marcha? ¿Cómo se van defendelas minorias?¿Cómo se vai defendela minoria máis inmensa de todas "a persoa"?.

Un só poder que controle toda a información...ogalla non o vexa nunca.

Ah! o tílulo: saín o sábado a tomar uns viños, o alcool xa se sabe que desinhibe, ao mellor iso púxome cismático e deume para escribir isto, é unha mágoa que teña efectos secundarios, ainda que sospeito que teriamos morriña do peso do mundo como da chuvia.